
Nado en 1943 en Alemaña, é sociólogo e analista político. Desde 1977 é profesor de socioloxía e metodoloxía na Universidade Autónoma Metropolitana de México (UNAM). Estudoso dos movementos sociais e da política en Latinoamérica, é un dos referentes teóricos da esquerda transformadora de tradición marxista. Súas son boa parte das bases teóricas do “Socialismo do século XXI”. É asesor gobernamental do goberno bolivariano de Venezuela.
Entre os seus libros, pódense salientar: Las guerras del capital. De Irán a Sarajevo,
La aldea global (con Noam Chomsky), El fin del capitalismo global, Cuba ante la razón cínica ou Hugo Chávez y el socialismo del siglo XXI.
O plan para destruír a Revolución Cubana é unha combinación do modelo de subversión que se usou para terminar co “socialismo realmente existente” en Polonia e na Alemaña socialista (RDA). Ese plan, que está en plena execución, conta con catro elementos: a crise interna de Cuba, a campaña mundial de presión e chantaxe, a liberalización mercantil subversiva de Obama e mais a Igrexa católica.
1. O intento do ataque “final” contra Cuba baséase na hipótese imperialista de que hai catro crises particulares en Cuba, a sinerxia das cales levará axiña á disolución do sistema creado por Fidel e Raúl. Reforzar as tendencias caóticas deste proceso e determinar a configuración do réxime de poder post-revolucionario, son as funcións da actual ofensiva global.
As catro crises parciais son: a) a grave crise económica, causada, por unha banda, por factores externos e, por outra, por serios erros endóxenos, como na agricultura e a política de prezos; b) a severa crise de sucesión da dirección histórica que non logrou renovarse; c) a bifurcación do Partido en dous centros de poder de decisión e visións de desenvolvemento (Fidel e Raúl), e d) a extrema lentitude de reformas e a invisibilidade -discursiva e estratéxica- dun Novo Proxecto Histórico.
O goberno reaccionou ante as catro crises cunha maior cerrazón política cara á crítica interna de esquerda e unha maior apertura cara ao Vaticano. En xeral, perdeu a iniciativa estratéxica reaccionando esencialmente ás presións externas.
2. A campaña global contra Cuba está encabezada por dous Estados rexionais gangsterís, Estados Unidos e a Unión Europea, e secundada por actores menores, como ONGs, a dereita global, os medios burgueses e Estados terroristas menores, como Israel. O seu berro de guerra para os desprevidos son os “dereitos humanos”. Pero a súa comunicación para as clases políticas expresa con clareza e cinismo as súas pretensións reais. Por exemplo, na recente resolución de condena a Cuba exposta por un grupo de miserábeis parlamentarios no pleno da Unión Europea (10.3.2010), estes eurodeputados “solicitan firmemente o apoio incondicional e enfático das institucións europeas para iniciar en Cuba unha transición política cara a unha democracia pluripartidista”; así mesmo, iniciar “de inmediato” un “diálogo estruturado coa sociedade civil cubana e todos aqueles que apoian unha transición pacífica na illa”.
3. O goberno de Obama apoia a estratexia de presión mundial mediante ben dosificados pasos de liberalizacón subversiva do bloqueo, como certas medidas de aflouxamento do turismo, intercambio comercial, comunicativas e financeiras, que permiten a penetración cultural-política do espazo cubano coa forza sedutora das catedrais do consumo de clase media. Esa política ten o pleno apoio da maioría dos disidentes cubanos, como amosa a chamada “Carta dos 74”.
4. Ante a forte presión da campaña global, o impacto da liberación subversiva mercantil e a propia debilidade, o goberno cubano botou man de intermediarios para alivianar a presión, desde Juanes e Bosé até a Igrexa católica. Juanes e Bosé son, como é obvio, os pallasos do circo que teñen como función distraer. A misión real recae sobre o tyrannosaurus rex do circo: o Vaticano.
En efecto, o primeiro e, até hoxe, único Estado global existente, o Vaticano, tivo notábeis éxitos en Cuba no negocio que o fixo grande nos seus dous mil anos de existencia: facer pactos co diaño, é dicir, servir ás clases dominantes; neste caso á burguesía atlántica (EEUU e UE). O cardeal cubano Jaime Ortega obtivo o permiso para que as “Damas en Branco” poidan manifestarse libremente e nunha recente xuntanza co Presidente Raúl Castro chegouse a un achegamento sobre o pronto excarceramento dalgúns “presos políticos” enfermos. Actualmente, negóciase a posibilidade de que Benedito XVI visite a illa no 2012. Deste xeito, a Igrexa católica -na cal é case imposíbel atopar a un cristián- constitúese no desinteresado e humanístico protagonista social da transición da Revolución Cubana cara a un réxime con maior democracia e dereitos individuais. Exactamente o mesmo papel que xogou na disolución do Socialismo do Século XX en Polonia e a Alemaña Democrática.
5. En Polonia, a subversión foi exitosa debido á alianza entre o Vaticano, os gobernos da burguesía atlántica, encabezados por Reagan, e o movemento obreiro polaco (Solidarnosc). Na Alemaña socialista o éxito baseouse na alianza entre a Igrexa protestante, o movemento dos dereitos humanos (Buergerrechtsbewegung) e a burguesía atlántica. En Cuba trátase da alianza entre a Igrexa católica e o movemento polos dereitos humanos, co protagonismo da burguesía atlántica e a dereita global.
6. O diagnóstico imperialista sobre as catro crises parciais da Revolución cubana é, esencialmente, correcto. Impedir o desenlace que Bruxelas e Washington desexan darlle á crise depende do goberno cubano. Se logra reactivar as masas con profundas e prontas reformas autodeterminadas, pode gañar. Se perde o seu tempo cos pallasos e o predador xurásico do sistema, terminará como Polonia e a RDA.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 23 de xuño de 2010]