
Sociólogo e científico social histórico estadounidense, nado en Nova York en 1930. De filiación marxista, ntre as súas achegas está a teoría do sistema-mundo. Foi profesor de socioloxía na Universidade de Binghamton até a súa xubilación en 1999, así como director do Centro Fernand Braudel para os estudos económicos, sistemas históricos e civilización. Na actualidade, escribe os seus comentarios quincenais no sitio web do Fernand Braudel Center.
Entre os seus numerosos libros pódense salientar: The Modern World-System (vol. 1, 2 e 3), Historical Capitalism (1983), The Politics of the World-Economy. The States, the Movements and the Civilizations (1984), Geopolitics and Geoculture: Essays on the Changing World-System (1991), After Liberalism (1995), Decline of American Power: The U.S. in a Chaotic World (2003) ou European Universalism: The Rhetoric of Power (2006).
Os especuladores financeiros crearon unha caída desastrosa na economía-mundo. Botouse entón a pelota para que os estados resolvan o problema. Os estados teñen menos diñeiro e máis demandas pesan sobre eles. Que poden facer?
Conforme os líderes e expertos do mundo continúan negando a realidade dunha depresión mundial -nin sequera utilizan o termo-, as opcións imposíbeis que enfrontan goberno tras goberno son máis e máis obvias todos os días. Consideremos o que aconteceu xusto o último mes.
Estados Unidos tivo as súas peores cifras de desemprego en moito tempo. Si, houbo algúns novos empregos, pero o 95 por cento correspondeu aos traballadores temporais do censo. Os empregadores privados engadiron apenas un 10 por cento dos empregos que se esperaba que engadisen. A pesar disto, volveuse politicamente imposíbel conseguir con votos do Congreso máis diñeiro para incentivos. E a Reserva Federal deixou de comprar valores e bonos hipotecarios do Tesouro, que foran as dúas estratexias principais para incrementar os empregos. Por que? O chamado en favor de recortes deficitarios creceu moi fortemente.
A consecuencia máis inmediata pode verse no referido aos orzamentos de cada un dos gobernos dos estados. O custo de Medicaid subiu pola crise económica. O custo asúmeno os estados no individual. O ano pasado recibiran a axuda de maiores subsidios federais gastados en Medicaid. Estes subsidios non os vai a renovar o Congreso. O gobernador Edward Rendell, de Pennsylvania, di que isto aumentará en dous terzos o déficit orzamentario do seu estado, e forzará a despedir a 20.000 profesores, oficiais da policía e outros empregados gobernamentais. Por suposto, isto súmase á perda de servizos médicos para moita xente.
En Gran Bretaña, o novo primeiro ministro, David Cameron, di que cortar os empréstitos é o asunto máis urxente que enfronta Gran Bretaña hoxe. O Financial Times resume as súas propostas nun encabezado: Cameron lanza unha era de austeridade. E a avaliación desta política é: Se o goberno vai efectuar reducións tan abruptas no gasto, é evidente que non poderá evitar que se danen os servizos de primeira necesidade. Os recortes serán máis brutais aínda que todos os que se fixeron durante o goberno de Thatcher.
A chanceler federal alemá Merkel anunciou a súa versión da austeridade: recortes profundos e inmediatos no gasto público, que se incrementarán anualmente durante os próximos catro anos. Tamén anunciou novos impostos ás liñas aéreas. As aeroliñas mundiais responderon de inmediato que isto danará a súa capacidade para reducir os balances negativos e salvalas da bancarrota. As taxas de desemprego en Alemaña incrementaranse, pero as prestacións por desemprego reduciranse. Outros gobernos en Europa máis Estados Unidos están urxindo a Alemaña a que gaste máis e exporte menos, co fin de restaurar a demanda mundial. Merkel rexeitou estas demandas dicindo que a redución da débeda era a súa prioridade.
O primeiro ministro xaponés, Naoto Kan, advertiu ao seu país que a situación da débeda estaba tan mal que mesmo Xapón podería enfrontar unha situación comparábel á de Grecia. Para remediar isto, propuxo algúns incrementos fiscais, máis regulación no ámbito financeiro, e novos tipos de gastos público.
No medio desta súper austeridade no norte, ocorreu unha cousa moi de salientar, que pasou case inadvertida. Como todo mundo sabe, o Estado español é un dos países europeos que está en dificultades económicas agora, debido a proporcións de débeda moi grandes. O 30 de maio, Fitch Ratings uniuse a outras compañías caulificadoras para reducir a cualificación dos bonos españois de AAA a AA. A cuestión é por que. Xusto o día anterior, o Parlamento español votara a favor dos máis profundos recortes orzamentarios en 30 anos.
Recortes orzamentarios son supostamente o que Alemaña e outros estiveron pedindo que se fagan en Grecia, o Estado español, Portugal e outros países ameazados por demasiada débeda. O Estado español respondeu a esta presión. E xusto porque o fixo, Fitch Ratings baixouna de rango. Brian Coulton, a persoa en Fitch que está a cargo de cualificar o Estado español, dixo na súa declaración de baixarlle o rango: O proceso de axuste a un menor nivel de sector privado e de endebedamento externo materialmente reducirá a taxa de crecemento da economía española a medio prazo.
De xeito que así está a cousa, condénaste se o fas e condénaste se non o fas. Os especuladores financeiros crearon unha caída desastrosa na economía-mundo. Botouse entón a pelota para que os estados resolvan o problema. Os estados teñen menos diñeiro e máis demandas pesan sobre eles. Que poden facer? Poden pedir prestado, ata que aqueles que prestan diñeiro xa non o fagan ou esixan unha taxa de xuros demasiado alta. Poden aprobar impostos, e os negocios din que isto cortará a súa capacidade para crear empregos. Poden reducir gastos. E ademais da terríbel dor que isto inflixe a todos, pero especialmente aos máis vulnerábeis, esta acción tamén reducirá a posibilidade de crecemento, como o señor Coulton apunta que sucederá no Estado español.
Por suposto, hai un sector moi grande para reducir gastos: o militar. Os gastos militares proporcionan empregos pero moitos menos que se o diñeiro se utilizase doutro xeito. Isto non se aplica unicamente aos que máis gastan, como Estados Unidos. Un aspecto virtualmente non comentado acerca dos problemas da débeda de Grecia é o seu pesado gasto no capítulo militar. Pero hai gobernos dispostos a reducir significativamente os gastos militares? Non parece moi probábel.
Así que, que poden facer os estados? Intentan unha cousa hoxe e outra mañá. O ano pasado eran os estímulos. Este ano é a redución da débeda. O ano seguinte serán os impostos. En calquera caso, a situación poñerase cada vez peor.
Pode China salvarnos? Parece que Stephen Roach, un analista moi agudo de Morgan Stanley, é desta opinión, sempre que o goberno estimule o crecemento privado. Nese caso, a alza nos salarios compensarase cunha produtividade maior. Se cadra. Pero o goberno chinés resistiuse a unha política así ata o de agora, non por razóns económicas senón por razóns políticas. O seu impulso de manter unha estabilidade política foi fundamental ata o de agora. É máis, a pesar de todo Roach ten unha gran temor: que a rivalidade entre China e Washington conduza a sancións comerciais. Eu mesmo penso que iso ten unha alta probabilidade, conforme a situación económica estadounidense continúa deteriorándose.
A saída a todo isto non é un pequeno axuste aquí ou acolá, xa sexa da variedade monetarista ou keynesiana. Para saír da caixa económica en que o mundo se atopa, requírese dunha remodelación a fondo do sistema-mundo. Isto con seguridade terá que vir, pero canto de cedo?
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 19 de xuño de 2010]