Nestes tempos de globalización neoliberal, en aberta crise sistémica, e de exacerbación españolista, futbol mediante, Galiza celebra o seu Día da Patria, chamado así polos que somos e nos sentimos nacionalistas, ou tamén o seu Día Nacional, proclamado deste xeito nos momentos vougos da primeirísima etapa autonómica. Un día, en fin, que celebra a nosa existencia e persistencia como territorio diferenciado. Territorio e algo máis, abofé.
Atrás quedan os anos en que o nacionalismo conquistou na rúa, resistindo a presións políticas e mediáticas e ás virulentas cargas policiais, o seu dereito a se manifestar libremente polas vellas rúas compostelás e até a Praza da Quintana. Anos que foron permitindo unha maior visibilidade institucional do nacionalismo e unha presenza social que debuxa un mapa político a tres no noso país, fronte á agudización bipartidista que se dá na práctica totalidade de territorios do Estado español, agás aqueles que se conforman como nación (Euskal Herria, Catalunya e nós).
O 25 de Xullo foi sempre unha data referencial para o nacionalismo galego, máxime naqueles momentos en que unha minguada presenza institucional exixía un aínda maior compromiso mobilizador, como xeito de amosar músculo e de demostrar a capacidade de incidencia política e social no país, á marxe das posibilidades (e imposibilidades) que oferece un marco como o estritamente institucional.
Así, o 25 era un día de confluencia de loitas sociais e de reivindicación política, en clave nidiamente soberanista e incuestionabelmente de esquerdas. Un día que servía para amosar a vitalidade dun movemento político e social, o do nacionalismo galego –daquela en siglas dicíase MN-PG (Movemento Nacional-Popular Galego)- que asumía sen ambigüidades como horizonte estratéxico a “liberación nacional e social” de Galiza, reivindicando a soberanía da nación galega (o seu dereito á autodeterminación) e a superación dun sistema, o capitalista, feito á imaxe e semellanza dos poderosos.
Hoxe, o papel e relevancia do nacionalismo mudou significativamente, sobre todo no que ten a ver coa súa responsabilidade institucional, a través fundamentalmente dunha forza política, o BNG, que vén acadando importantes cotas de representación e de espazo institucional, xa non só como un dos elementos vertebradores do Goberno bipartito na Xunta, senón tamén en diferentes gobernos da administración local, ou a súa propia presenza en boa parte dos concellos de Galiza ou non propio Parlamento galego, Parlamento onde se xestiona esa pequena ración de soberanía que nos atribúe o xa caduco e revello Estatuto de Autonomía de 1981.
Mais aí, na soberanía, radica para calquera nacionalista o auténtico leit-motiv do seu ideario. Rebaixar esa pretensión, reducila a mínimos mediante expresións case eufemísticas como “afondar no autogoberno” ou “buscar o encaixe de Galiza en España”, é tarefa que non debería caber na axenda política de ningunha organización ou de ningún militante que se diga nacionalista. É máis, no momento en que se renuncia á soberanía (por certo, no nome de quen? Dun pobo galego que non foi consultado nin o podería ser sobre esta cuestión cos actuais vimbios constitucionais?) estase abdicando dunha loita política, tan democrática como necesaria, que vén estando presente en xeracións e xeracións de galegos e galegas.
Se cadra máis ca nunca, a soberanía é precisa. Galiza, os galegos e galegas, necesitamos dela, por propia supervivencia. Os desafíos deste noso tempo (aínda de capitalismo e barbarie, aínda de uniformización españolista) piden manter ese compromiso. Soster ergueita a bandeira azul e branca, e a estrela vermella, vermella, que é símbolo común dos nosos anceios.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2008