
Nada en Vigo, en 1979, licenciada en Dereito
(rama económico-empresarial). Tivo un papel destacado no movemento estudantil
participando dos CAF e formando parte dos órganos de goberno da Universidade de
Vigo. Foi concelleira do BNG no último tramo da lexislatura 2003-2007. Milita
na CIG dende o ano 2002, tendo un intenso e activo labor no seo da
CIG-Mocidade.
Na rede, mantén o blog persoal Galiza_subversiva.
O Estado español gasta, dos nosos impostos, 500 millóns de euros (ou máis) para subvencionar a industria taurina. 500 millóns de euros para torturar e matar a un animal ante o deleite dun público entregado aos seus instintos máis sádicos. No circo romano as "bestas" mataban aos homes, no circo da españolidade casposa os homes matan á "besta". As masas aplauden o espectáculo da dor e o sangue.
Din que é unha loita de dous, curiosa forma de sumar; o boi por un lado e o toureiro, rexoneador, picadores e banderilleiros por outro. Din que de non ser polas corridas o boi de lidia non existiría, menudo derroche de demagoxia. Pois nada, a facer corridas de lince ibérico, lobo e oso pardo (por poñer tres exemplos).
120 latidos por minuto son as pulsacións do animal condenado a morte cando está no seu patíbulo particular, o dobre que en estado normal. Non ten defensa, non ten último recurso. O único que ten é unha morte lenta e dolorosa amenizada por unha banda sonora de olés cantados por un animal bípedo que hai tempo que ten o seu corazón podre.
"Que lástema de bois!", dicía o bo de Castelao.
Canarias primeiro e Catalunya despois prohibiron xa esta tortura demente, agardo que pronto o resto tomemos exemplo.