
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
A cuestión demográfica non se pode ignorar, non se trata de recuperar os preconceitos de Malthus, porén o certo é que o ecosistema xa amosa as súas limitacións, e non só é un problema de mudar os hábitos de vida ou de superar un sistema económico inxusto e non sustentábel. Os que sosteñen que o mundo pode manter o dobre de persoas, non teñen en consideración as condicións de vida e os custes.
Non hai convivencia posíbel nunha sociedade se non existe regras de comportamento aceptadas e respectadas. A organización en comunidade permitiu á humanidade superar os momentos duros e conseguir avanzar. As liberdades individuais non poden sobordalo todo colocando en perigo a todas as especies. Ningún tema, tampouco a cuestión demográfica, pode ser un tabú, xa que están en xogo fins superiores, para alén da nación, da raza, da cultura, do xénero, ou da ideoloxía.
Hai sesenta anos a poboación do mundo era de 2,5 mil millóns de persoas hoxe xa atinxiu os 7 mil millóns, con todo o que isto implica no medio ambiente. Se non temos en consideración tamén esta variábel será imposíbel rebaixar o consumo de recursos e despois mantelo constante, aínda que modifiquemos moito os hábitos de vida.
Neste tema os esforzos débense facer por parte de todos os países, porén hai algúns nos que os modos de vida (por motivos económicos, políticos, culturais, ou de dependencia) teñen que mudar moito e con grande rapidez. Non se pode aceptar que haxa lugares nos que os atrancos do imperialismo, o clientelismo, comportamentos sociais e prexuízos relixiosos, teñan graves consecuencias para a humanidade no futuro. A cuestión demográfica debe ser solucionada por medio do progreso e a solidariedade internacional; porén tamén pode ter saídas falsas mediante guerras, fames e desastres ecolóxicos non evitados.
Sen dúbida neste contexto é no que se ten que planificar a Galiza do futuro. Calquera outro escenario sería conxuntural. O normal é que a poboación non medre e a proporción de idade útil das persoas se reduza. Isto é o que sucede nas sociedades avanzadas nas que as persoas teñen de media unha vida longa. Xerar contradicións entre os activos e os inactivos é un debate falso e sen solución, xa que todos pasaremos por ambas as dúas condicións. Tampouco é normal (nen xusto) a importación de man de obra, con toda a traxedia que hai no feito. Unha solución axeitada obriga a mudar o modelo económico e social, a distribuír a riqueza e o traballo, a aumentar o papel do Estado e dos servizos públicos básicos. Algo ao que o neoliberalismo, un modelo anacrónico e ateigado de cobiza, resístese a aceptar con uñas e dentes.