Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
24/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O reformismo do rescate asimétrico

As políticas de recortes selectivos forman parte dunha estratexia máis ampla de fragmentación social que se xogou tanto no terreo das políticas públicas como no da xestión laboral das empresas. En ambos os espazos fóronse xerando múltiples mecanismos de avaliación, selección, diferenciación, que teñen o efecto de individualizar, fragmentar, promover a rivalidade entre persoas.

I

 A enxurrada de medidas de axuste e de anuncios de rescate é tan humillante que cando escribo este comentario, a finais de agosto, xa case esquecemos a brutalidade das medidas adoptadas polo goberno hai mes e medio. E estámonos preparando para a nova avalancha que chegará a finais de ano, calculando que a próxima bomba de destrución masiva caerá tras a convocatoria electoral de outubro. Se algunha imaxe me vén á cabeza nesta situación é a veraz descrición que fai Ramiro Pinilla da defensa republicana de Biscaia, onde un exército de esforzados militantes trataba de resistir a brutal combinación de bombardeos aéreos e ataques masivos dos fascistas. Todos sabemos como acabou aquilo e case todos pensamos que imos tragar os próximos axustes que diten Bruxelas, a Merkel, o FMI, o Banco de España ou o papa de Roma. O que non quere dicir que a resistencia sexa inútil ou innecesaria. Simplemente, constatar que neste momento as forzas son desiguais.

 Coido que hai pouco que comentar sobre os efectos sociais destes axustes, os intereses que as impoñen, o modelo social ao que nos conducen. Falamos reiteradamente desta cuestión, moita xente fíxoo con acerto. E ímolo continuar facendo, sen dúbida, nos próximos meses. O que me parece que paga a pena salientar no momento actual ten que ver cos tempos da intervención, coas formas e as orientacións.

II

 O aspecto máis relevante respecto diso é o dos prazos nos que se están realizando os rescates. Un seguimento detallado da conxuntura mostra unha enorme lentitude na toma de decisións e na súa aplicación práctica. A sucesión de cumios, minicumios, reunións de traballo, etc., é interminábel. As medidas anúncianse nos titulares, pero despois pasa longo tempo até que se encarnan en accións concretas, e en moitos casos quedan no aire. Podemos pensar que iso ten sobre todo que ver coa complexidade institucional da Unión Europea. A estas alturas resulta evidente o fracaso estrutural dun modelo que tenta unificar os mercados sen construír unha estrutura política acaída. Nun mundo onde as decisións financeiras se toman a velocidade supersónica un sistema de intervención pública que actúa a ritmo de tartaruga ou é simplemente inútil ou se converte en cómplice dos especuladores.

 Mais reducir a cuestión a un problema de simple deseño institucional resulta a estas alturas inxenuo. Aínda que a Unión Europea bateu todas as marcas de parsimonia na adopción de decisións básicas, non foi a única en retardar as reformas, nin en aplicar prácticas de dobre velocidade. En canto se tratou de soster o sistema financeiro todo o mundo tomou decisións drásticas, empezando polas nacionalizacións masivas de bancos en 2008 e continuando polo apoio sostido ao devandito sistema en forma de inxeccións masivas de crédito ás entidades financeiras levado a cabo polo Banco Central Europeo. En cambio, a lentitude foi máxima á hora de regular as institucións financeiras, aínda nos casos en que é evidente o seu comportamento criminal. Como se desvelou recentemente no caso de manipulación dos referentes crediticios Libor e Euribor por parte dun “pool” dos máis selectos bancos do mundo. Os rescates á banca foron rápidos e con esixencias menores; os rescates ao sector público, lentos e con grandes esixencias.

 Nisto consiste a práctica do rescate asimétrico. Unha práctica que mostra o equilibrio de poder e a ideoloxía dos que realmente mandan. O exemplo máis recente tivémolo no Estado español: mentres o Goberno inxecta 5.000 millóns de euros a Bankia, o seu banco amigo, relea as axudas ás autonomías e pon con iso en perigo moito benestar e moitos postos de traballo.

III

 Pero hai máis que derivas e inercias neste desigual tratamento dos problemas. Na lentitude ao aplicar axudas aos países ou comunidades en dificultades hai tamén un elemento de cálculo estratéxico na tardanza en aplicar axudas. Trátase, máis que dunha terapia de shock, dunha política de luz de gas, de ir esganando necesitado, de negarlle medidas de urxencia para que ao final acabe aceptando toda unha chea de esixencias que se lle queren impor. É unha política maquiavélica que conta, ademais, cunha boa colectividade de corifeos que a avalan. Unha política na que o dogmatismo e a cegueira ideolóxica se combinan coa defensa de intereses inconfesábeis.

 No eido dos dogmáticos están unha boa parte dos propagandistas teóricos pro-capitalismo. Calquera lector atento de ‘El País’ tivo a oportunidade de ler, nas últimas semanas, unha chea de artigos de economistas supostamente respectuosos (varios deles catedráticos en universidades estranxeiras, o que supón un plus de pedigrí) avogando pola necesidade de manter alta a esixencia como única forma para que se realicen as “necesarias reformas liberalizadoras” que nos levarán a adoptar o suposto modelo económico ortodoxo (inexistente en ningún país real) que nos permitirá saír prontamente da crise e retomar unha incomparábel senda de benestar e crecemento... Ningunha visión reflexiva sobre o pasado e o presente. Ningunha revisión do impacto que tiveron estas mesmas políticas nos países onde xa se aplicaron. Ningunha reflexión sobre o crecemento das desigualdades e a pobreza que trinta anos de políticas neoliberais xeraron nos países desenvolvidos. Ningunha reflexión crítica sobre a evolución da globalización, o papel das grandes corporacións, a financiarización e a existencia dun sistema económico mundial onde imperan importantes estruturas de poder asimétrico. Por suposto, ningunha reflexión profunda sobre os efectos perversos do capitalismo de mercado na xestión ecolóxica nin sobre os perigos de seguir replicando o mesmo modelo produtivo. Practicantes dunha pseudociencia sen visión crítica non dubidan en defender que a mellor autoestrada ao paraíso pasa por aceptar o malestar, a desigualdade, o empobrecemento.

 Xunto a eles os beneficiarios dos axustes. Os beneficiarios económicos, os que ven incrementadas as súas rendas, as súas posibilidades de negocio, o seu poder social, co esfaralemento das políticas de benestar e de dereitos laborais. E os beneficiarios políticos. Aqueles que practican a luz de gas como forma de manter o seu propio proxecto político. Como unha Merkel que necesita manter a firmeza fronte ao Sur de Europa como parte da súa política propagandística xenófoba no seu propio feudo alemán. Como Rajoy, que trata de manter a asfixia financeira das comunidades autónomas (ás que previamente fixo responsábeis do groso do gasto público) como medio para reforzar a súa visión centralista e españolista da política.

 Estamos en mans de individuos que por dogmatismo, interese, e/ou miopía, están practicando unha política de cerco xeradora dun elevadísimo custo social. Que pode xerar efectos insospeitados, como a xeneralización dunha nova recesión planetaria (a algo diso apuntan os últimos datos macroeconómicos de medio mundo) ou a incapacidade de facer fronte a novos desafíos globais como os do cambio climático ou o pico do petróleo.

 Para resistir a esta política de esganamento non abonda coa mobilización e a denuncia. É tamén necesario reforzar tanto un coñecemento económico alternativo, teórico e aplicado, como, especialmente, reconstruír plans e formas de intervención que fagan fronte a esta desfeita. É tempo de loita, de pensamento e de política. Doutro pensamento e dunha acción colectiva que vaia máis aló do necesario, pero ás veces narcisista, exercicio da protesta.

Recortar dereitos, dividir ás vítimas

 Non fai falta ser un especialista moi sofisticado en políticas sociais para percibir que os plans de axuste representan recortes brutais aos dereitos sociais e xeran máis pobreza e desigualdades. Dada a profundidade dos axustes en marcha, os afectados son millóns de persoas. E por iso podería esperarse unha ampla resposta social das vítimas. O que esta non se produza, o que os axustes teñan pouco custo político para quen os decide, é unha das grandes preguntas que deberiamos saber contestar.

 Sen entrarmos nunha análise máis global, paga a pena subliñar que unha parte desta resposta limitada ten que ver co propio deseño de moitas das políticas de axuste. Estas preséntanse sempre como medidas de racionalización orientadas non tanto a eliminar dereitos básicos como a actuar contra despilfarros innecesarios e abusos inaturábeis. Unha forma de presentar os axustes que puidemos ver nas diversas medidas que se foron tomando. Así, as reformas de dereitos laborais inténtanse xustificar co excesivo poder que teñen os traballadores fixos fronte aos temporais (o que se supón que se traduce en aumentos salariais insensatos, reticencias á adaptación laboral...). Os recortes ás prestacións de desemprego formúlanse como unha resposta á actitude laxa en materia de procura de emprego por parte dun sector de parados rentistas. Os recortes na sanidade propóñense como resposta ao excesivo consumo farmacéutico ou á presenza dun insoportábel turismo sanitario... Os recortes levan sempre asociadas medidas de discriminación de beneficiarios (atendendo pretendidamente a “circunstancias obxectivas”) cuxo control aumenta a miúdo a complexidade administrativa da xestión.

 E é que estas políticas están deseñadas cun dobre obxectivo: o de recortar dereitos e gastos e o de dividir a poboación en canto á aceptabilidade destas. Ningunha política social universal é allea á posibilidade de que haxa persoas que abusen ou se aproveiten. E sempre é posíbel detectar erros na súa aplicación. Pero o custo social de eliminar estes abusos pode ser a miúdo maior que o de permitilos. En moitos casos, a denuncia destes abusos só forma parte da estratexia de distracción empregada para camuflar o verdadeiro carácter antisocial destas medidas.

 As medidas de racionalización tentan converter os conflitos sociais xerais, de clase, en conflitos interpersoais ou intergrupais: entre traballadores fixos e temporais, persoas maiores e novas, nativos e inmigrantes, usuarios responsábeis e malgastadores, etc. Pódese pensar que se trata dunha estratexia groseira (do estilo da empregada pola ministra de Emprego ao relacionar os mozos perceptores do subsidio de 400 euros con familias de altos ingresos), pero en moitos casos resulta moito máis sofisticada e alcanza gran parte dos seus obxectivos de trasladar o conflito, empantanalo e obter a aceptación de suficiente base social.

 De feito, trátase da aplicación de algo que na fase de capitalismo neoliberal foi fundamental para erosionar tanto os servizos públicos como a solidariedade de clase. As políticas de recortes selectivos forman parte dunha estratexia máis ampla de fragmentación social que se xogou tanto no terreo das políticas públicas como no da xestión laboral das empresas. En ambos os espazos fóronse xerando múltiples mecanismos de avaliación, selección, diferenciación, que teñen o efecto de individualizar, fragmentar, promover a rivalidade entre persoas. Non se trata só da existencia de filtros e mecanismos de diferenciación, senón de todo un aparello “cultural” posto ao servizo desta diferenciación. Gran parte da ideoloxía que subxace en conceptos como “capital humano”, “carreira profesional”, ou “mérito individual” teñen que ver con esta política da diferenciación, sobre todo no plano laboral. Se cadra até o de agora foi menos sofisticada a súa versión nas políticas públicas, aínda que en todas elas está presente a construción cultural dos bos e malos merecedores de servizos, dos nacionais e os estranxeiros, dos contribuíntes e os parásitos. Agora estamos asistindo a un reforzamento destes discursos prácticas como un compoñente esencial das políticas de recortes.

 Inverter estas prácticas esixe non só denunciar os seus efectos perversos, o seu perigo social. Esixe tamén construír outro marco de referencia cultural capaz de combater as estratexias da división e a fragmentación que son consubstanciais á hexemonía social das políticas neoliberais.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, núm. 105, de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com