O argumento demográfico que se vén dando para xustificar a reforma das pensións púxoo en marcha o Banco Mundial hai case tres décadas cando se comprobou que a proposta de privatizar completamente os sistemas públicos que desexaban as entidades financeiras era demasiado cara e que podía xerar gran rexeitamento e conflitos sociais.
Empezouse a dicir que a poboación ía envellecer moito e que o gasto público en pensións ía chegar a ser non soportábel.
No Estado español, un mangado de economistas financiados sempre pola banca fixeron un bo número de predicións con resultados moi alarmistas que anunciaban déficits nas contas da Seguridade Social en 1995, 2000, 2005, 2010 e mesmo 2050. Nunca atinaron, nin sequera neste último exercicio de 2010, no que a pesar de que hai máis de catro millóns de parados, o sistema tivo un mínimo déficit de 278 millóns de euros pero compensado sobradamente polo ingreso dos intereses do fondo, obtendo finalmente un superávit de 2.383 millóns de euros.
É verdade que o gasto público en pensións aumenta normalmente a medida que envellece a poboación porque depende de dous factores: do número de pensionistas, que adoita ser maior canto maior sexa a lonxevidade da poboación, e da contía da pensión que reciban (así mesmo, pode aumentar o envellecemento e non o gasto se ao mesmo tempo baixa a contía da pensión, que é o que se busca).
Xa que logo, é lóxico que, a medida que un país se desenvolve e dispón dun mellor sistema sanitario e de condicións de vida máis saudábeis, aumenten os anos de vida da súa poboación e que iso supoña que haxa un maior número de persoas que queden á marxe da vida laboral a partir dun determinado momento. Tamén é lóxico, aínda que isto estano calando, que a medida que se vai dando este proceso de desenvolvemento, aumente a produtividade, de xeito que cada vez un menor número de persoas empregadas poden soster coa súa actividade a maior número de persoas inactivas.
En lugar de presentárennos esas dúas circunstancias de xeito conxunto, teiman na primeira como a orixe dunha futura desfeita financeira afirmando que o envellecemento continuado da poboación fará que chegue un momento (agora din que por volta de 2050) no que o gasto público en pensións (dado o número de pensionistas e a "xenerosidade" das nosas pensións) será non soportábel. De aí deducen que non queda máis remedio que empezar xa a reducir a contía da pensión (ampliando o período de cálculo) e o número de pensionistas (aumentando a idade de xubilación).
Posto que isto implica loxicamente que a pensión será máis tardía e de menor contía, ao mesmo tempo recoméndase á poboación que subscriba pensións privadas. Así o fixo expresamente hai uns meses o anterior ministro de Traballo: Corbacho -informou a prensa- recomenda contratar un plan privado para completar a pensión (Cinco Días 10-3-2010).
Todo isto parece moi lóxico. Tanto, que a poboación está amedoñada e ten a convición de que iso será o que ocorra: facémonos demasiado vellos e o Estado xa non poderá garantirnos a pensión que agora reciben os actuais pensionistas cando nós nos xubilemos. Convirá, pois, que subscribamos algún fondo de pensión privado.
Pero é importante saber que detrás destes argumentos hai un monumental engano. Segundo as predicións máis alarmistas (deses que nunca atinaron o que ía ocorrer nin nos cinco anos próximos) o gasto "non soportábel" ao que levaría o envellecemento previsto da poboación española suporía gastar en 2050 un 15% ou un 17% do noso PIB. Parece moito, pero Italia gasta nestes momentos ao redor do 14%. É tan irreal dicir que esa porcentaxe sería non sostíbel en 2050 que mesmo algún dos economistas que asinaron o manifesto dos 100 solicitando reformas liberais das pensións pública recoñeceu que ese non é o auténtico problema do sistema.
Pero o máis grave é que á hora de tirar conclusións sobre as consecuencias dese maior gasto público en pensións non se teñen en conta outros factores ou simplemente minimízanse. Se de verdade se quixese garantir o equilibrio financeiro do sistema público de pensións, que depende dos seus gastos e ingresos, non se deberían poñer sobre a mesa só propostas para a redución dos gastos senón tamén outras dirixidas a incrementar os ingresos do sistema. Tal e como se está facendo, só propoñendo recortar gastos, simplemente se consegue empeorar a condición de vida da poboación pensionista, agora e no futuro, unha forma bastante revirada de resolver os problemas do sistema. O correcto, pola contra, sería falar tamén dos factores dos que dependen os seus ingresos. A saber: como aumentar o emprego e sobre todo o da poboación feminina, como aumentar o peso dos salarios na renda total para que así haxa máis capacidade de achegar cotizacións sociais, ou como incrementar a produtividade. Ou mesmo, aínda que é un mecanismo de financiamento das pensións públicas ao meu xuízo menos acaído, como mellorar o sistema fiscal para facer ingresos ao sistema pola vía dos Orzamentos Xerais do Estado. Mentres non se fale de todo isto senón só de aumentar a idade de xubilación e alongar o período de cotización estarase facendo un debate inxusto e falso que non beneficia ao futuro da seguridade social senón que o debilita.
E o importante é saber que ese debate non se está facendo así por casualidade. Faise, como dixen, para incentivar a subscrición dos chamados plans de pensións privadas. É lóxico que as persoas que unha e outra vez oen que cando chegue a súa xubilación non van ter suficiente pensión pública tenten aforrar para ter unha privada. Pero aí tamén hai dúas trampas.
A primeira é obvia: non todos teñen a posibilidade de aforrar. De feito, é imposíbel que o faga o case 60% das familias españolas que afirma que non chega a fin de mes. A segunda trampa é a que se está ocultando aos incautos que subscriben pensións privadas: a súa rendibilidade é mínima, case sempre negativa en termos reais ao ter en conta a suba de prezos.
A Asociación de Institucións de Investimento Colectivo e Fondos de Pensións (INVERCO) fixo públicos o pasado 31 de decembro os datos sobre rendibilidades medias anuais ponderadas dos Plans de Pensións do Sistema Individual, en función dunha mostra de 1.229 Plans que representa aproximadamente o 99% do seu patrimonio total.
No cadro 1 que se presenta embaixo resúmense as ditas rendibilidades e no 2 a dos plans garantidos dalgúns dos fondos de pensións do Banco de Santander. Confirman os resultados dun estudo de Pablo Fernández e Javier del Campo sobre a rendibilidade dos fondos privados de pensións (“Rentabilidad de los Fondos de Pensiones en España. 1994-2009”) (...) Mostraba este estudo que nos últimos dez anos, o 93% dos fondos do sistema individual obtivo unha rendibilidade inferior á inflación e o 99,3% obtivo unha rendibilidade inferior á dos bonos do Estado a 10 anos.
É evidente, pois, que estes plans privados de pensións que queren converterse en substitutos das pensións públicas son un verdadeiro calote financeiro. O investimento que se fai neles só se pode chegar a compensar, se cadra, coa desgravación fiscal tremendamente inxusta (porque a gozan só os contribuíntes de rendas máis altas) que levan consigo, e que supuxo en 2010 un gasto fiscal de 1.443 millóns de euros, case a mesma cantidade do recorte nas pensións (1.500 millóns de euros) que sufriron, sobre todo, as clases de menos ingresos.
Os bancos crean primeiro o alarmismo sobre a solvencia das pensións públicas financiando estudos que realizan economistas con moi pouca capacidade preditiva e difundindo logo as súas conclusións por todos os medios ademais de obrigaren os gobernos a recortar os dereitos dos pensionistas. Así atraen miles de millóns dos que poden aforrar algo dos seus soldos. Colocan eses recursos nos mercados financeiros con altas ganancias pero non devolven esa rendibilidade aos clientes. E iso, se é que tratando de gañar o máximo posíbel non levan á creba aos fondos, como ocorreu en numerosas ocasións, e obrigan os gobernos, como recentemente en Estados Unidos, a que poñan centos de miles de millóns para salvalos. Un negocio redondo para os bancos.
E así, a base de trolas e medias verdades, é como levan a cabo as reformas das pensións públicas.
Cadro 1:
INVERCO: rendibilidades medias anuais ponderadas dos Plans de Pensións do Sistema Individual (Fonte: http://www.inverco.es/welcome.do)

Cadro 2: BANCO DE SANTANDER: rendibilidade plans de pensións garantidos (Fonte: https://www.bancosantander.es/cssa/Satellite?cid=1190620103260&pagename=...)

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 24 de xaneiro de 2011]