O poder do neoliberalismo é tremendo e contaminouno todo. Eliminou a socialdemocracia, quitouna do medio e meteuna en nómina. A partir de aí tes unha foto patética, onde o centro, a dereita, a socialdemocracia e algúns de esquerdas interpretan o mesmo guión. Por iso, hai que lle dar moitísimo valor á axenda reivindicativa...
- Por que é necesaria a folga xeral do 27 de xaneiro?
Porque na sociedade percibimos que hai un gran malestar, porque a clase política, de encarga e conducida como o gando, está atacando salarios e dereitos sociais. A política non vai cambiar se os políticos non son forzados a que tomen outras decisións. A folga xeral ten unha vertente informativa e de forzar o debate, porque o ocultan. Estamos realizando un gran esforzo militante de levar a alternativa aos centros de traballo, á clase traballadora e á sociedade. A folga xeral é coherente e proporcional coa dimensión do ataque que se está levando a cabo contra a sociedade.
- Os políticos non fan caso á poboación?
Unha gran parte da clase política non dirixe o coche no que vai montado. Outra parte é consciente do papel que desempeña. Uns e outros están moi preocupados, porque son coñecedores de que a poboación se decata de que non son os que mandan, que son os que representan o interese do poder económico, do capital e da gran empresa. Como é posíbel outra alternativa, están moi preocupados, porque a axenda sostida da reivindicación mobiliza a xente, fai que amose a indignación na rúa e temen que os interpele por ese papel que están xogando.
- A folga faralles dano?
Evidentemente, a folga non se pode xulgar como un acto illado, nunca foi así na historia do movemento obreiro. O poder do neoliberalismo é tremendo e contaminouno todo. Eliminou a socialdemocracia, quitouna do medio e meteuna en nómina. A partir de aí tes unha foto patética, onde o centro, a dereita, a socialdemocracia e algúns de esquerdas interpretan o mesmo guión. Por iso, hai que lle dar moitísimo valor á axenda reivindicativa, como estamos facendo a maioría sindical vasca desde 2009.
- Tres folgas en dous anos e medio, non son moitas?
En 1985 fíxose unha folga xeral contra a reforma das pensións porque se elevaba a base reguladora de dous a oito anos, entre outras cousas. O que hoxe se propón sobre aquela agresión é unha maior barbaridade desde o punto de vista da proporcionalidade, por iso ninguén pode discutir que a folga xeral sexa proporcional ao ataque que estamos sufrindo. Temos que denunciar con dureza ao poder político, á caste política que xestiona esa situación de absoluta irresponsabilidade porque actúa en conivencia co capital, a banca e a gran empresa. E é moi forte que non acepten que os que non lles damos valor os metamos nun debate distinto, porque a información e o debate son un límite para eles, e non o queren. Nesta fase, o que din é que lles dá igual o que se lles diga, porén, nunca pode dar igual unha resposta cidadá democrática.
- Euskal Herria non se mantivo indiferente.
Abofé. En relación a ese tema rompemos a súa axenda en maio de 2009, contra todos: a patronal, os gobernos e os demais sindicatos. Dixemos que se non se cambiaban as políticas virían os axustes, e cumpriuse. Non tiñamos unha bóla de cristal, pero era evidente que o capital quería instrumentalizar a crise para atacar os salarios e os dereitos sociais, porque este capital cobizoso que vén dunha fase de acumulación sen precedentes, non se adapta a unha fase de beneficios moderados. Soamente entende de beneficios especulativos. E nesta fase as reformas que se propoñen son a reforma laboral, reforma da negociación colectiva para limitar a resposta do movemento sindical mediante a centralización, o empeoramento das condicións de traballo e, evidentemente, a reforma de pensións para lle dar ao capital nesta nova fase o incremento do negocio que non xestiona.
- Algúns dos que anunciaron unha folga nada máis coñecerse esta reforma das pensións tan agresiva retiráronse.
Eu coido que o debate non é intersindical. Porque hai moita xente nesas organizacións que pensa, igual que nós, que hai un ataque ao que hai que responder. A explicación deuna un medio de comunicación do Estado español en novembro cando dixo que se os sindicatos españois non están á altura das esixencias do mercado, que se lles envíe a Facenda para recordarlles as inxentes cantidades de subvención pública que reciben. Rodríguez Zapatero colocou as subvencións a un lado e as reformas ao outro, o sindicalismo nacionalista español decidiu ir por elevación. Non queremos falar de cousas concretas, pero dinnos que van facer un pacto de reindustrialización, da enerxía despois de subir a tarifa nun 35%. É un teatro e non sabemos en que vai acabar.
- Mal para os traballadores...
Si, mal para os traballadores. Si, pero no horizonte está o desexo de desmobilizar a clase traballadora. Zapatero non busca unha alianza co movemento sindical, senón que o acompañen nas decisións. A alianza de Zapatero é coa dereita para facer políticas de dereita.
- Na reforma laboral, reclamou aos representantes políticos vascos que non desen o voto contra os traballadores, pero non lle fixeron caso. Que vai pasar agora?
Cos antecedentes, non hai por que pensar o contrario, porque con votos a favor ou con abstencións os recortes do Goberno español nas reformas, nos orzamentos, producíronse en Gasteiz, en Madrid, e noutras institucións. No fondo está a negativa a abordar o debate desde os ingresos, de facer unha reforma fiscal en profundidade para abordar elementos de progresividade. Agora mesmo non sabemos en que están en desacordo.
- Semella que en nada.
Así é. Desde logo en política económica e social non apreciamos distinción.
- Co recorte de pensións non hai diferenzas?
En función do que aparece, non; porque o Pacto de Toledo orienta moito e deixa marxe para que discrecionalmente o Goberno decida. Por exemplo, orienta que as pensións non se paguen con impostos. Que soamente se paguen con cotizacións sociais. Os que aceptan iso están xustificando os recortes; evidentemente cada un é soberano, pero ante ese ataque temos que dicir quen lle dá cobertura.
- O sistema de pensións está en crise?
Non, radicalmente non. O que hai en relación a iso é unha campaña argallada polos expertos para apercibir ao poder político. Están en nómina do poder financeiro. Condicionaron a axenda mediática para dar sensación de que non hai alternativa á reforma de pensións, pero a alternativa está en máis e mellor emprego, con máis cotización, subir as cotizacións sociais porque é salario diferido e que o pagamos os traballadores, discutir con que impostos se pode financiar as pensións, igual que se fai co Exército, a Casa Real ou os partidos políticos. Ou discutir a inutilidade das bonificacións que dan ás empresas, porque son totalmente inútiles para crear emprego. Hai alternativa, hai que tocar iso, e ese debate vétao a patronal mentres o poder político lle garda obediencia.
- Cal é a alternativa?
A que estamos propondo. Nesta conxuntura só as organizacións que teñen autonomía financeira, que teñen realidade organizativa, teñen capacidade de se enfrontar co rigor necesario ao que está pasando. O poder político e económico meteu en nómina a moita xente, a moitas organizacións e gran parte da “intelectualidade”. A folga interpela á clase política, pero non pode ser que interprete dun xeito tan cego, como un polo sen cabeza, o papel que fai. Uns si saben, outros renunciaron a preguntarse o que ocorre. Por iso, unha vez máis a folga vai ser un éxito.
- Que lle pediría á a poboación vasca ante esta nova folga xeral?
Diríalle que o cansazo e a carraxe que acumula -porque non hai unha persoa que non te pare e che diga que está en contra do que se propón coas pensións- o traduza en indignación e participación cidadá democrática no exercicio dun dereito fundamental como é a folga xeral, e que participe nas mobilizacións. Ao poder político asústalle ver xente que o contradí na rúa mobilizándose.
- Os mozos non chegarán a ter unha pensión? E os maiores?
Estamos todos neste problema: os autónomos, os labregos, os xubilados aos que se lles conxelou a pensión vulnerando o que indica o Pacto de Toledo, os activos, aos que nolo van poñer moi difícil para ter unha pensión, as mulleres e aos que teñen contratos temporais e a tempo parcial.
A realidade é que a contía da pensión se vai reducir moito, porque se modifica a base reguladora e o cómputo de anos. Os desempregados terán problemas porque na medida que se alonga a chegada da xubilación, eles tardarán en entrar ao mundo do traballo. Todos estamos chamados á folga e a responsabilidade é da militancia das organizacións para transmitir esta mensaxe e levar á rúa ese malestar.
- Euskal Herria pode ter un sistema propio de Seguridade Social?
Sen dúbida. Na axenda da maioría sindical vasca e no decálogo que realizamos tras a folga do 21 de maio xa figura o desenvolvemento do Marco Vasco de Relacións Laborais e de Protección Social. Unha parte do debate é a capacidade de decisión sobre as políticas publicas e entre as reivindicacións, está a reclamación de soberanía para poder decidir o noso futuro como pobo.
[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 23 de xaneiro de 2011]