
É membro da Executiva Confederal da CIG, na que ocupa a Secretaría de Muller e Mocidade.
O 27 de xaneiro é unha oportunidade para que o pobo galego amosemos na rúa, e non só nos centros de traballo, o noso rexeitamento á reforma de pensións, do mesmo xeito que fixemos coa reforma laboral o pasado setembro. Porque son medidas que atentan contra o conxunto da cidadanía, pero sobor de todo, contra as mulleres e a mocidade.
Todas as medidas expostas polo PSOE no estado, ou polo PP en Galiza, van dirixidas a asegurar os beneficios ás empresas e aos bancos, pero non a garantir e cubrir as necesidades básicas, nin da poboación en xeral, nin a das mulleres en particular. Concretamente, o aumento da idade de xubilación ou do tempo de cotización son medidas que agravarán a feminización da pobreza, xa que a maior parte dos traballos de economía submerxida, de traballos temporais ou sen prácticamente dereitos (como é o traballo no fogar) están feitos por mulleres, para as que será máis difícil conseguir pensións dignas. E aínda por riba, alongar o período para o cálculo de pensións, suporán incluír anos nos que as mulleres gañamos menos para adicarnos ao coidado de fillos e fillas ou de familiares dependentes. Do mesmo xeito, que perxudicará á mocidade, quen, por mor de alongar a súa formación, por mor da temporalidade e precariedade salarial dos seus traballos, por mor dos longos períodos de inactividade ate que acadan os seus contratos estábeis, non van poder acceder a pensións dignas.
O actual estado das pensións xa é de por si preocupante en Galiza. O risco de exclusión social é moi alto entre este colectivo, porque as súas prestacións son moi baixas, e porque os servizos públicos non cobren as súas necesidades. A metade da mocidade está en paro, e as mulleres teñen que soportar, unha vez máis a dobre carga que supoñen os labores de atención e coidado que deberían desempeñas os servizos sociais, o paro é máis elevado aínda que a taxa de actividade sexa máis baixa, sofren a precariedade con maior intensidade e teñen menos opcións para mellorar a situación xa que nos sectores feminizados as condicións para loitar son máis duras. Pero coa reforma proposta, a maioría das mulleres non terán dereito a cobrar a pensión, as mulleres e as mozas e mozos que están a traballar non poderán conseguila debido á reforma, e as e os que si a consigan van cobrar unha prestación tan baixa que non vai garantir un futuro digno.
Sobran, por tanto, os motivos para a folga e para mobilizarse contra todas estas reformas e recortes. As épocas de crise son especialmente perigosas para facer retroceder os teimudos avances conseguidos en relación ao estado de benestar. E todo isto faise co pretexto de reducir o gasto público e para saíres da crise, sen que se traduza na creación do emprego, nin para saíres dela. O que fan é trasladar unha crise económica a unha crise social. Cos nosos cartos que van parar aos bancos, mercan a débeda pública, pero non invisten nin melloran a sanidade, a educación ou as prestacións e servizos sociais.
A folga é necesaria para amosarlle aos poderes fácticos que non imos permitir que nos mintan e nos manipulen. Porque está en xogo o noso benestar e o dos nosos fillos e fillas, así como o dereito a termos e teren unhas pensións dignas. As reformas presentadas nos últimos meses supoñen un ataque sen precedentes, que esixen unha resposta do alcance dunha folga xeral.
Mentres CCOO e UXT continúan dando largas á mobilización e seguen empeñados a negociar os recortes cun goberno que lle está a facer o xogo ao poder económico, a clase traballadora galega temos a oportunidade de amosar non só na folga convocada en solitario pola CIG, senón tamén nas mobilizacións que van ter lugar en todo o país, que o que nos queren quitar nas mesas de negociación e no Parlamento, nós ímolos conseguir na rúa.
Temos que lembrar que o diálogo social non serviu na fase de crecemento económico, e menos aínda na actual crise, onde, no canto de dar un paso atrás nas medidas regresivas adoptadas, presentan recortes aínda peores para o conxunto das e dos traballadores.
Imos amosar que non estamos dispostas e dispostos a aturar unha privatización do sistema de pensións, ofrecéndolle o negocio redondo á banca, porque non imos aceptar que se deixe sen dereito á pensión a miles de traballadoras e traballadores. Por iso imos fortalecer a loita a favor de cambios imprescindíbeis neste sistema que deixou desprotexido a tanta xente tras a crise.
Non respostar a este tipo de recortes é renunciar aos nosos dereitos. Por iso imos saíres á rúa o 27 de xaneiro. Temos o poder e a oportunidade de pararlles os pes. Depende de min, e de ti, e de todas e todos nós. Depende dos traballadores e traballadoras que non irán traballar o día 27 de xaneiro. Depende de que non levemos aos nosos fillos e fillas á escola. De non usar ese día o transporte público. Que non fagamos mercas nin vaiamos tomar un café nin a xantar a ningún negocio de hostalería. De que asistamos coas nosas crianzas ás mobilizacións convocadas pola CIG ese día, amosándolles o motivo polo cal estamos na rúa. E de que difundamos esa convocatoria entre os nosos familiares e amizades.
Porque o benestar social que están derrubando hoxe conseguiuse no seu momento grazas á loita da clase traballadora. E se o xoves a folga en Galiza é masiva, terán que recuar.
[Artigo tirado do sitio web ‘Terra e Tempo’, do 25 de xaneiro de 2011]