A crise financeira tivo a súa orixe na crenza da autoregulación dos mercados financeiros a través da actuación das entidades financeiras totalmente privadas. Bancarizar as caixas de aforros, é dicir privatizar totalmente o sistema financeiro estatal e polo tanto o galego, é un erro de dimensións históricas que a sociedade volverá a pagar máis cedo que tarde se non somos capaces de frear a voracidade do FMI e dos seus gobernos lacaios.
Cando hai mes e medio que o Banco de España e demais organismos deron o visto bo á fusión que permitiu que Galiza seguira contando cunha caixa de aforros, o Goberno central anuncia unha serie de cambios normativos de urxencia que teñen como obxectivo que as caixas se transformen en bancos antes de que remate o ano.
No ano 1999, o FMI avanzaba no seu informe para o Estado español a necesidade de abordar a privatización das caixas de aforros, o debate vén de lonxe, para os neoliberais as entidades de aforro son unha distorsión no sistema financeiro estatal onde a banca estranxeira sempre tivo problemas para medrar. A semana pasada funcionarios do FMI visitaban o Estado español entrevistándose co Goberno e o Banco de España. Non é casual que coincidindo coa súa visita se reabrira o debate sobre a privatización das caixas e que agora o Goberno pretenda executala con toda urxencia.
O Goberno anunciou que anticipa para este ano os ratios de solvencia previstos no acordo Basilea III para o 2013, requirindo un core capital do 8%, que poderá ser superior no caso de entidades que non teñan accionistas e que teñan unha dependencia dos mercados financeiros maioristas superiores ao 20% dos seus activos. É dicir, unha norma creada para obrigar as caixas de aforros a privatizarse baixo a escusa da solvencia e a viabiabilidade. O Banco de España, organismo que non se enterou da crise financeira e da excesiva exposición ao ladrillo do sistema financeiro estatal e galego (quedan para a historia as declaración de Mafo no 2006 recomendándolle á xente nova mercar vivendas en lugar de dedicarse a viaxar), será quen no mes de setembro decida se os plans de privatización/capitalización, acompañados dunha nova restruturación e polo tanto de novos despedimentos, serán suficientes.
En primeiro lugar, cabe criticar unha normativa ad hoc para xustificar a privatización das caixas de aforros. As normas Basilea III elaboradas a nivel europeo polo Consello de Supervisores Bancarios (coa presenza do Banco de España) non tiveron en conta a realidade das caixas de aforros, son unhas normas creadas por e para os bancos. Menos entendible é que sexan as caixas de aforros as únicas entidades a nivel europeo ás que se lle esixan tales requerimentos excesivos en materia de solvencia, co fin exclusivo de xustificar a privatización.
Se calquera proceso de privatización sería totalmente inxustificado, empredelo no momento actual de incerteza económica e volatilidade dos mercados é pretender liquidar as caixas a prezo de saldo.
Cabe lembrar que as caixas de aforros son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, a trampulleira modificación ten como obviar estas competencias, nun proceso centralizador e de laminación da nosa capacidade de autogoberno e soberanía económica.
Novacaixagalicia é o maior patrimono empresarial común dos galegos e galegas. Máis alá das implicacións que terá a súa privatización na Obra Social, derivando os beneficios que hoxe eran devoltos á sociedade como obra social aos petos de accionistas privados, Galiza perderá un instrumento financeiro de primeira magnitude para apoiar os sectores e empresas estratéxicas para este país.
Hai que dicir que é aínda posíbel unha vía para salvar Novacaixagalicia da privatización. A Lei Galega de Caixas prevé posibles achegas de recursos nas mesmas condicións que as achegas fundacionais, é dicir sen que implique ningún tipo de privatización. A Xunta de Galicia, deputacións e concellos deberían realizar un esforzo colectivo, semellante ao que realizaron os nosos antergos para crear as caixas, co fin de salvagardar o futuro de Novacaixagalicia.
Por último, é obrigatorio lembrar que a crise financeira tivo a súa orixe na crenza da autoregulación dos mercados financeiros a través da actuación das entidades financeiras totalmente privadas. Bancarizar as caixas de aforros, é dicir privatizar totalmente o sistema financeiro estatal e polo tanto o galego, é un erro de dimensións históricas que a sociedade volverá a pagar máis cedo que tarde se non somos capaces de frear a voracidade do FMI e dos seus gobernos lacaios.
[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 25 de xaneiro de 2011]