Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Que pasa en Catalunya?

Desde que a masiva manifestación independentista do pasado 11 de setembro -Día Nacional de Catalunya- enchese o centro de Barcelona coa maior enxurrada humana que vira nunca esta cidade, abriuse a veda nos medios españois -oficiais e alternativos- para tratar de explicar esta “deriva separatista” dos cataláns e, na maioría dos casos, tentar convencernos de que nos deixásemos de quimeras.

 Houbo argumentos defendendo a unidade de España e o “inapropiado” desta reivindicación para todos os gustos e tendencias, pero para este artigo deixarei de lado os das dereitas -centrados na “indisolúbel unidade da patria” e ameazando co bloqueo económico e mesmo os tanques para mantela, nunha clara mostra da calidade da democracia española- e centrareime nos de esquerdas, máis interesantes para o lector deste xornal. Estes segundos, con máis tino, criticaron a viraxe economicista da reivindicación catalá -moi ligada aos malos tratos fiscais que recibe Catalunya por parte do estado central-, alertaron dos perigos de se subordinar politicamente á dereita catalanista e insistiron na dificultade do obxectivo.

 É certo que unha parte do boom soberanista ten que ver co déficit fiscal que padece Catalunya e que a crise se encargou de alimentar, aínda que este non sexa o único motivo e os recentes ataques ao sistema escolar tamén pesaron moito na percepción popular que era imposíbel permanecer en España como entidade diferenciada.

 Pero aínda así, segue sendo dubidoso que o argumento económico por si só permita deducir que o independentismo catalán é un movemento insolidario e de dereitas. A maioría de movementos sociais -os sindicais sen ir máis lonxe, pero tamén a loita dos gregos pola súa soberanía fronte os mercados- teñen unha orixe económica, e pensar que as inequidades territoriais no Estado español teñen unha función redistributiva é dunha candidez que linda coa mala fe. (Como se explicaría senón que o País Valenciano, cunha renda per cápita por baixo da media, sexa contribuidor neto á caixa común).

 Sobre os perigos de que o novo estado naza subordinado ao proxecto neoliberal de CIU e se converta nun laboratorio neocon sen ningún tipo de dereito social ou laboral, é innegábel que estes existen, aínda que os seus defensores parecen esquecer a realidade actual no Estado español, a permanencia no cal non parece precisamente ningunha garantía para dereito ou conquista ningunha.

 A loita polo modelo do futuro estado catalán xa empezou -e a súa próxima batalla será o 25 de novembro, na que se definirá a correlación de forzas dentro do campo independentista-. Pero se non dese a batalla, a esquerda perdería de antemán a guerra, tal e como defendía, por pór un só exemplo, alguén tan afastado da tradición nacionalista como é o antropólogo e membro do Comité Central do Partit dels Comunistes Catalans (PCC, integrado en Esquerra Unida), Manuel Delgado.

 Pero ademais, esta tese susténtase no feito falso de que a manifestación do 11 de setembro e a plataforma que a convocou (a Assemblea Nacional Catalá, ANC) non son máis que unha manobra de CIU para tapar o malestar das súas políticas sociais. En realidade a cadea de acontecementos é ao revés, aínda que por descoñecemento ou interese se tente formular o asunto de final a principio. A ANC é un movemento popular de amplo alcance e moi variado ideoloxicamente que pretende chegar á independencia e na que os militantes ou cargos de CIU son totalmente minoritarios. En realidade hai máis presenza do centroesquerda de ERC ou a esquerda radical da Candidatura de Unitat Popular (CUP), pero a maioría dos seus activistas proveñen do rico tecido social e cultural catalán e non ten carné de partido. Aínda que enfocado na reivindicación nacional, a ANC é moi quincemaiísta e centra o seu argumentario na radicalidade democrática e a vixilancia social dos políticos. Como moi ben sinalaba o economista Antonio Baños, a Diada foi “sen dúbida o maior éxito indignado” aínda que “o propio 15-M se fixese o tolo sobre o asunto”. Este é un movemento constituínte que foxe do enfrontamento nacionalista entre cataláns e españois, ao que antepón a súa vontade de crear unha nova constitución do século XXI. Non é CIU -e moito menos a súa dirección estreitamente vinculada á elite económica catalá nada amiga das aventuras secesionistas- quen o pilota, senón máis ben, e como bos políticos que son, que estes se limitan a tentar surfear unha inmensa onda popular que ameazaba con afogalos. E aínda hai xente na esquerda, aínda que moi pouca, que se postula voluntarimante a afogada en lugar de querer ser onda.

 Que o debate nacional conseguiu tapar o malestar social? É posíbel, pero isto só temporal e parcialmente. E se a independencia -no caso que Mais chegue ata o final, que está por ver- non significa un tipo diferente de políticas este volverá estalar con máis forza e, entón, CIU xa non será “o defensor dos intereses cataláns en Madrid, senón simplemente o defensor dos dereitos oligárquicos”, citando de novo a Baños. Un escenario non tan improbábel se se recorda que tamén Churchill perdeu unhas eleccións tras gañar unha guerra.

 Que esta vontade constituínte se puido dar nunha fórmula republicano-federalista española? É posíbel, pero non foi así. E non porque este sexa un proceso dirixido por unha dereita nacionalista fronte unha esquerda federalista. De feito, até hai moi poucos anos, o proxecto independentista era só defendido por unha banda da esquerda revolucionaria e, máis tarde, pola socialdemocracia de ERC. CIU -a pesar da propaganda de certos medios- nunca foi soberanista, a pesar que boa parte da súa base popular -non a súa dirección- tivese simpatías cara a esta idea.

 A opción federalista foi imposíbel sinxelamente porque ninguén en España creu sinceramente nela nas últimas tres décadas. Xa non falarei do PSOE, aliñado case sen falla co PP cando se trataba do “problema catalán” -ou vasco-, senón que para unha boa parte de Esquerda Unida o federalismo non pasaba de ser un instrumento retórico que poucas veces formou parte das súas prioridades políticas, a pesar que nesta coalición e o seu espazo sociopolítico estean os mellores amigos españois das reivindicacións catalás. Mesmo a explosión do 15M non tivo en conta para nada esta cuestión e os seus múltiples proxectos de rexeneración política cheiraban máis a certa recentralización, por exemplo a circunscrición “nacional” única.

 Ninguén pode negar ao catalanismo -e cabería incluír ao seu xeito o de dereitas tamén- os seus esforzos en favor dunha España máis democrática e plural, desde o fundador da Primeira República -o catalán Pi i Margall- até a colaboración nos pactos da Transición, pasando pola renuncia á independencia de Macià e Companys en favor do proxecto da Segunda República. Agora non hai, porén, no horizonte ningún proxecto estimulante similar. A capacidade de resistencia estase esgotando e urxe pasar á ofensiva.

 E, se cadra, para España, unha vez desposuída a extrema dereita que hexemoniza os seus aparellos estatais e económicos da súa coartada inmobilista, lle sexa máis doado tamén evolucionar cara a algo mellor.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 4 de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com