Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : Europa : : FMI : : Grecia : : neoliberalismo :
Grecia: O FMI, secundado pola Comisión Europea, organiza o saqueo

O Goberno de Grecia, vasalo da troika composta polo FMI, a CE e o BCE, organiza o saqueo do país en beneficio do gran capital e é culpábel dun delito de omisión do deber de socorro á poboación(...) A nova rolda de privatizacións ten no seu punto de mira os portos, os aeroportos, os ferrocarrís, a electricidade e as praias turísticas do país.

 Prosegue a mobilización popular en Grecia despois das nove folgas xerais organizadas desde febreiro de 2010. A medida que aumenta o desemprego, que pasou do 9,7% ao 12,9% da poboación activa entre o terceiro trimestre de 2009 e o terceiro trimestre de 2010 (1) (preto do 34% dos menores de 25 anos está no paro), o pobo segue mobilizándose para protestar contra as medidas de austeridade de corte ultraliberal ditadas no marco do “consenso” de Washington.

 A política que promove a troika composta polo Fondo Monetario Internacional (FMI), a Comisión Europea (CE) e o Banco Central Europeo (BCE) a cambio de axuda financeira para facer fronte ao pagamento da débeda pública está á altura daquela que, en 2001, conduciu á Arxentina, alumno modelo do FMI, a unha crise sen parangón. Os medios de comunicación dominantes ocúltannos o orzamento militar grego, que non fai senón agravar o déficit. Porén, en proporción ao PIB do país, o orzamento militar grego é o máis alto entre os países membros da OTAN se exceptuamos aos Estados Unidos, e en 2009 representaba o 4% do PIB. Será porque os vendedores de armamento como Dassault ou Lagardère, que por certo tamén son donos de imperios mediáticos, prefiren non arriscar a perder un mercado moi apetecíbel?

 Mentres o pobo se enfronta á destrución sistemática do estado social (recortes salariais e dos sistemas de pensións, aumento dos impostos indirectos, atraso da idade de xubilación, privatización e incremento do prezo dos servizos públicos...), o Goberno grego compra armamento a Francia (6 fragatas FREMM por valor de preto de 500 millóns de euros cada unha e helicópteros de combate SAR) e a Alemaña (submarinos).

 Resulta inadmisíbel que un país merque armamento á vez que somete á poboación a unhas medidas de austeridade draconianas. Os fondos que en lugar de se utilizar en beneficio da poboación se destinaron á compra de material militar deben devolverse integramente e debe levarse ante a xustiza aos responsábeis desa decisión.

 Segundo o SIPRI (Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación da Paz), Grecia é a nación europea que máis gasta en defensa en proporción ao seu produto interior bruto (PIB) e figura entre os dez principais compradores de armas do mundo. Trátase dun comportamento odioso e irresponsábel respecto da poboación grega, que afronta grandes sacrificios para reflotar as arcas do Estado. En maio de 2010, o Ministerio de Defensa de Francia respondía así a unha pregunta do deputado François Cornut-Gentille: «ningunha das medidas de restrición orzamentaria adicionais que se adoptaron en marzo de 2010 por mor da intervención da Unión Europea debería afectar este ano ao orzamento de adquisicións do Ministerio de Defensa grego.(?) por conseguinte, as negociacións para a compra de fragatas de tipo FREMM (fragatas multiusos) e helicópteros SAR (search and rescue) seguen vixentes (2).»

 Grecia asinou co FMI e a Unión Europea unha serie de novos empréstitos mal chamados de «axuda». Mentres trata de aliviar o déficit á conta de sacrificios inxentes, o país deberá facer fronte ao reembolso dunha débeda cuns xuros que non deixan de medrar a medida que as axencias de cualificación crediticia rebaixan a nota do país.

 En decembro de 2010, os deputados gregos aprobaron un novo paquete de recortes orzamentarios que consistía en rebaixar os salarios dos empregados da televisión e os transportes públicos. Os xornalistas gregos sumáronse ás protestas que percorrían o país; en Atenas, os manifestantes botaron pintura vermella á entrada do Banco Central. En febreiro de 2011 foron os médicos, farmacéuticos e empregados do sector sanitario os que se manifestaron ante o Parlamento para protestaren contra a rebaixa de 1.400 millóns de euros no gasto sanitario que reclamaban a Unión Europea (UE) e o FMI, mentres un centenar de médicos acampaba ante o Ministerio de Sanidade en Atenas. A delegación do FMI e a UE que se desprazou a Atenas o 7 de febreiro de 2011 agarda a que se poña en marcha a reforma do sistema de saúde para dar o visto e prace ao pagamento do cuarto tramo do empréstito, por unha contía de 15.000 millóns de euros, o devengo do cal estaba previsto para febreiro de 2011. Non falla: o cumprimento das medidas cada vez máis liberais esixidas pola UE e o FMI condiciona o pagamento dos tramos sucesivos do empréstito de 110.000 millóns de euros aprobado en maio de 2010.

 O Goberno de Grecia, vasalo da troika composta polo FMI, a CE e o BCE, organiza o saqueo do país en beneficio do gran capital e é culpábel dun delito de omisión do deber de socorro á poboación.

 Por se isto fose pouco, os acredores instan a unha “aceleración decisiva” das reformas estruturais para reducir a débeda e demoran o pagamento dese cuarto tramo. En febreiro de 2011, o Goberno de Giorgos Papandreou reaccionou por fin cando, unha vez máis, a troika composta polo FMI, a CE e o BCE esixiu que intensificase as reformas e ampliase os obxectivos relativos á privatización dos bens públicos do Estado, con obxecto de alcanzar uns ingresos de 50.000 millóns de euros para 2015, en lugar do obxectivo previsto de 7.000 millóns de euros para 2013 (dos cales 1.000 millóns en 2011).

 Esta reacción resulta mesmo divertida se observamos a submisión absoluta que demostra aos seus acredores un Goberno que se di socialista. De feito, tan só uns días despois o Sr. Papaconstantinou, Ministro de Finanzas, volveu sobre os seus pasos, ao sinalar que "o obxectivo dese plan de privatizacións por valor de 50.000 millóns sen dúbida resulta ambicioso, pero é alcanzábel", e ao aceptar de novo a inxerencia do FMI, co visto e prace da Comisión Europea. A nova rolda de privatizacións ten no seu punto de mira os portos, os aeroportos, os ferrocarrís, a electricidade e as praias turísticas do país. O representante da Comisión Europea, Servaas Deroose, propuña no diario To Vilma que se vendesen as praias para fomentar o turismo e impulsar o mercado inmobiliario turístico.. Noutra entrevista, engadía: «Grecia podería embolsar doadamente 5.000 millóns de euros vendendo o antigo aeroporto de Atenas, situado nunha lucrativa zona da costa». Pola súa banda, o xefe da misión do FMI en Grecia, Poul Thomsen, propuxo que se vendesen terreos, incluídos os do antigo aeroporto» de Atenas. Segundo declarou ao diario Kathimerini, «chegamos a un punto crucial e necesitamos acelerar as reformas» (3).

 Unha contracción do PIB grego maior que a prevista polas institucións (1,4% no cuarto trimestre de 2010), unha inflación galopante (5,2 % en xaneiro de 2011) e unha caída dos ingresos medios (que baixaron un 9% en 2010 (4)) a consecuencia das medidas de austeridade, son só o anticipo do fracaso estrepitoso da política da troika. Segundo o Banco de Grecia, «o poder adquisitivo dos empregados do sector público retrocedeu a niveis inferiores aos de 2003, mentres que no conxunto da economía o poder adquisitivo descendeu en media a niveis inferiores aos de 2006». Isto abre a porta a que os investidores realicen apetitosas operacións, atraídos por unha rebaixa do custo da man de obra do 3% en media.

 Estes datos provocaron un desacougo aínda maior nunha poboación xa golpeada por mor da crise, dando lugar a unha nova folga xeral que paralizou o país o 23 de febreiro de 2011. O pobo grego ten dereito a esixir outro tipo de medidas radicalmente distintas, como a suba de impostos aos ingresos máis altos e unha moratoria na compra de armamento militar. Porén, só unha auditoría cidadá das contas públicas do Estado permitirá analizar as débedas contraídas co fin de determinar cal é a parte ilexítima ou odiosa desa débeda e revertela ao seu verdadeiro acredor, que reclama soberanía e dignidade: o pobo grego.

 Neste sentido, cómpre celebrar a iniciativa da deputada Sophia Sakorafa quen, en decembro de 2010, propuxo ante o Parlamento grego a creación dunha comisión parlamentaria de auditoría da débeda pública.

_______________________________________________________________

Notas:

(1) Eurostat, 1 de febreiro de 2011: http://epp.eurostat.ec.europa.eu/cache/ITY_PUBLIC/3-01022011-AP/FR/3-010.... A taxa de desemprego oficial alcanzou o 13,9 % en novembro de 2010.

(2) L’optimisme du ministre da défense concernant les exportations d’armement françaises en Grèce, François Cornut-Gentille, deputado, maio de 2010, http://www.francois.cornut-gentille.fr/2010/05/31/loptimisme-du-ministre...

(3) Grèce: l’UE, la BCE et le FMI préparent le pillage du patrimoine: http://www.agoravox.fr/actualites/europe/article/grece-l-union-europeenn...

(4) Informe anual do Banco de Grecia, publicado o 15 de febreiro de 2011. http://lapresseaffaires.cyberpresse.ca/economie/international/201102/15/...

_______________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 22 de marzo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com