Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/5/2009
É membro da Executiva Confederal da CIG, na que ocupa a Secretaría de Muller e Mocidade.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A negociación dos plans de igualdade en tempos de crise

Nos tempos que nos toca vivir, no medio dunha gran recesión económica, a prioridade da clase traballadora é a de tirar cara adiante. Así as cousas, a preocupación por sobrevivir fai que a discriminación por xénero pase a un segundo termo.

Tal e como está a situación, nun contexto cheo de expedientes de regulacións de emprego, despedimentos, reducións de xornada relacionadas cunha menor carga de traballo, etc., a atención estámola centrando noutros elementos e non lle estamos a dar á igualdade o impulso que se lle debería dar. A propia administración, que foi a que creou un regulamento lexislativo sen precedentes nesta materia, agora amosa unha forte pasividade en torno a estas cuestións.

A día de hoxe os sindicatos carecemos de información ao respecto dos plans de igualdade que se están a adoptar nas empresas. Se queremos informarnos dos indicadores de xénero incorporados na negociación colectiva, temos que ser nós quen realice o estudo, posto que non temos dados que nos permitan coñecer a evolución e o impacto da lexislación en materia de igualdade no traballo.

Historicamente as mulleres rexistramos sempre niveis de paro superiores aos dos homes. Durante décadas xustificamos as políticas de igualdade no emprego pola necesidade de equilibrar o nivel de inserción laboral entre ambos sexos. Agora, nun contexto de crise económica, os medios de comunicación afondan en amosar que por vez primeira, as mulleres teñen un nivel de paro inferior ao dos homes, baseando a súa información en que a destrución do emprego foi moito maior en sectores masculinizados como o da construción ou a industria.

Ao fío do anterior, xa houbo voces mal intencionadas que indicaban que era innecesario continuar con políticas de igualdade neste contexto. Parece non falarse xa da segregación ocupacional, da temporalidade, do traballo a tempo parcial e da discriminación salarial que sofren en maior medida as mulleres, o cal convérteas en traballadoras máis vulnerábeis ante a situación da crise económica e de destrución no emprego.

Tampouco se ten en conta que xa no paro, as mulleres permanecen máis tempo ca os homes na situación de desemprego, e como se incorporan máis tarde ao mercado laboral, con peores contratos, a cobertura por desemprego é inferior, tamén.

Nun contexto de crise e aumento do desemprego, é preciso activar todos os mecanismos para protexer ás traballadoras e aos traballadores, pero poñendo atención a que nesa redución de cadros de persoal non se aumente a fenda da discriminación das mulleres no mercado laboral. Por iso é preciso seguir pulando pola aplicación de políticas activas que permitan avanzar no emprego feminino e reducir as discriminacións actualmente existentes.

A día de hoxe, a elaboración de planes de igualdade nas empresas queda en papel mollado, porque estas só os redactan porque están obrigadas legalmente a facelo, e porque son conscientes de que, a pesares dos requirimentos que neste senso poida facer a Inspección de Traballo, aínda non se está a sancionar economicamente ás empresas que non cumpran coa legalidade neste senso.

A pesares do apoio que tivo a Lei de igualdade, o certo é que a traslación aos convenios colectivos das medidas de igualdade non alcanzou a velocidade prevista inicialmente.

Neste contexto, ademais, os servizos públicos vense seriamente afectados do recorte orzamentario, comezando polo ensino, a saúde, os servizos sociais, ou, tal e como falamos, o fomento pola igualdade de xénero.

As medidas de apoio ao emprego concéntranse nos sectores da construción e do automóbil, en asegurar as prestacións ás persoas afectadas por ERE e ás persoas que desfrutan e esgotan as prestacións por desemprego. Sen embargo, non atopamos xa mención algunha ao impulso do emprego feminino nin á protección do colectivo desempregado máis vulnerábel, que está composto maioritariamente por mulleres.

Limítanse os recursos para os servizos de atención ás vítimas de violencia de xénero, a pesares de que coa crise aumentan os comportamentos violentos e diminúen as posibilidades económicas das mulleres para escapar deles.

Non se traballa en reformas legais para fomentar a corresponsabilidade, como é o caso da ampliación dos permisos de paternidade ou maternidade, mentres que se seguen a potenciar as excedencias por coidado, e pola contra, anúncianse novas medidas de fomento do emprego a tempo parcial.

A crise económica non pode empregarse máis como escusa para non desenvolver as medidas de igualdade adoptadas para frear a discriminación laboral e favorecer a conciliación. Por iso non debemos permitir que se instale tamén o medo no noso traballo e posterguemos calquera actuación que non teña como fin manter o emprego, aí que precisamos que as mulleres e os homes que formamos parte da negociación colectiva demandemos a aplicación de medidas de igualdade adoptadas para rematar coa discriminación laboral e favorecer a conciliación, aínda en tempos de crise.

[A Coruña, 24 de maio de 2009]
cig.prensa@galizacig.com