Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A banca alemá, beneficiaria do “rescate” español

Todas as medidas de austeridade, recortes incluídos (que representan o ataque máis frontal ao escasamente financiado Estado do Benestar no Estado español), están encamiñadas a pagar a débeda aos bancos alemáns e doutros países (Francia, Gran Bretaña e Bélxica), os cales conseguiran importantes beneficios durante a burbulla inmobiliaria, importantes beneficios que continúan.

Unha das causas da crise actual no Estado español é a explosión da burbulla inmobiliaria. A maridaxe entre o capital financeiro (banca, caixas de aforro, compañías de seguros e outras institucións financeiras) e o sector inmobiliario creou tal burbulla. Nos últimos dez anos construíronse máis vivendas no noso país que no conxunto de Francia, Gran Bretaña e Alemaña. E a malia esta enorme construción que supuxo case o 9% do PIB español, os prezos disparáronse o 150%, subindo moito máis rapidamente que os salarios, e iso como resultado dunha abusiva especulación.

 Non hai dúbida de que a banca, as caixas, o Banco de España e as autoridades públicas, tanto españolas, como europeas, eran conscientes diso. Abondaba con ver un gráfico no que se comparase a evolución dos prezos da vivenda e dos salarios (a gran maioría de compradores de vivenda derivan o seu diñeiro das rendas do traballo), para ver que os primeiros crecían moito máis rapidamente que os segundos. A distancia entre os dous prezos intentábase encher con crédito. E de aí o enorme endebedamento das familias.

 Todo isto era predicíbel. E poderíase ter visto vir e poderíase ter evitado. Pero nin o Banco de España (a pesar do aviso dos técnicos de tal institución), nin o Estado español tomaron ningunha medida. Levaba razón a Chanceler alemá, Angela Merkel, cando indicaba recentemente que as autoridades españolas actuaran dun xeito irresponsábel nos dez últimos anos ao non previr a burbulla inmobiliaria baseada en simple especulación, e a súa explosión.

 Agora ben, a Merkel esquecéuselle un detalle chave, esquecemento que lle permitiu non incluír o goberno e a banca alemá nesta crítica do que pasou no Estado español. E o esquecemento é que a banca alemá xogou un papel determinante nesta explosión inmobiliaria. Gran parte do diñeiro que alimentaba a explosión inmobiliaria procedía da banca alemá. En realidade, a explosión da burbulla inmobiliaria ocorreu cando a banca alemá interrompeu o crédito á banca e caixas de aforro españolas, consecuencia de que a banca alemá atemorizada pola súa contaminación con produtos financeiros tóxicos procedentes da banca estadounidense, paralizou todo fluxo de crédito.

 E aí foi cando o crédito financeiro se interrompeu e a burbulla inmobiliaria española estourou creando o enorme parón da actividade económica e a caída en picado dos ingresos ao Estado (tanto central, como autonómico) que creou o déficit público do Estado. Este déficit non o creou o crecemento do gasto público, senón o descenso dos ingresos ao Estado. En realidade, cando se iniciou a crise, no ano 2007, o Estado español tiña superávit. O déficit público no Estado español non é a causa da crise, como Rajoy está a dicinr, senón que é ao revés, o déficit público é a consecuencia do escaso crecemento económico e escasos ingresos ao Estado.

 Todas as medidas de austeridade, recortes incluídos (que representan o ataque máis frontal ao escasamente financiado Estado do Benestar no Estado español), están encamiñadas a pagar a débeda aos bancos alemáns e doutros países (Francia, Gran Bretaña e Bélxica), os cales conseguiran importantes beneficios durante a burbulla inmobiliaria, importantes beneficios que continúan.

 En realidade, a crise bancaria dos países periféricos (España, Grecia, Portugal e Irlanda) estalle indo moi ben á banca alemá, pois hai un fluxo de capital (é dicir, diñeiro) destes países, que foxen da crise, cara ao centro, e moi en particular, Alemaña. E os datos falan por si sós. Segundo Josef Ackermann, presidente do Deutsche Bank, os beneficios de tal banco alcanzaron a impresionante cantidade de 8.000 millóns de euros no ano 2011 (con 8 millóns de euros en bonificacións a tal señor). En realidade, mentres o desemprego alcanzaba cifras máis que alarmantes no Estado español (e outros países periféricos), o 50% da mocidade está desempregada, e a sanidade e a educación sofre recortes brutais (e non hai outro xeito de dicilo), os beneficios do Deutsche Bank subiron un 67% en tres anos (2009-2011), tal como sinala Conn Hallinan na revista ‘CounterPunch’ (15.06.12) (“Greed and the Pain in Spain”).

 Todos os datos mostran claramente que a banca alemá se beneficiou enormemente da burbulla inmobiliaria española (e tamén irlandesa), así como da crise financeira dos países periféricos. Os enormes sacrificios das clases populares imponse ao Estado español e aos outros países periféricos para que se poida pagar á banca alemá (entre outros países). E o famoso rescate financeiro de 100.000 millóns de euros ten como obxectivo salvar a banca española, non para garantir o crédito, que nin está nin é esperado, senón para que poida pagar as súas débedas, tamén á banca alemá. E o instrumento que a banca alemá utiliza para impor as súas políticas é o Banco Central Europeo, que [...] non é un Banco Central, senón un lobby da banca alemá e do Banco Central Alemán, o Bundesbank.

 O rescate financeiro é a última de moitas outras intervencións que os economistas da Comisión Europea, ao servizo do sistema financeiro europeo, liderado pola banca alemá, están impondo ao Estado españool. Como ben dixo o Ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schaube (contraviniendo a Rajoy), o rescate financeiro implicará unha supervisión directa por parte do Banco Central Europeo, da Comisión Europea e do Fondo Monetario Internacional, das reformas financeiras, así como das políticas fiscais e macroeconómicas españolas, convertendo así a España nunha colonia alemá. E todo iso coa colaboración do goberno conservador “súper patriota” español.

 E por que tal goberno colabora con estas políticas que significan unha perda clara de soberanía? E a resposta é clara. Porque utiliza este mandato exterior (argumentando que non hai alternativas) para conseguir o que sempre desexou a dereita no Estado español, é dicir, debilitar o mundo do traballo e privatizar o Estado do Benestar. Tal goberno coincide co obxectivo do rescate que queda moi ben definido polas declaracións do presidente do Banco Central Alemán, Jens Weidmann, quen nas devanditas declaracións en ‘El País’ non pode ser máis claro cando indicou que as reformas deberían acentuar máis as reformas laborais (que quere dicir baixar os salarios) e a privatización de servizos (que quere dicir o desmantelamento do Estado do Benestar). Así de claro.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 21 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com