Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Entrevista a Samir Amin: “Europa é unha ilusión emocional xigantesca”

A Unión europea asocia un centro dominante a periferias dominadas, nun modelo certamente particular, análogo porén ao que permite aos Estados Unidos explotar América Latina. Europa do Leste e do Sueste é un pouco como a “América Latina” da Europa do Oeste. As diferenzas de desenvolvemento permiten ao capital dominante dos centros europeos sacar beneficios de monopolios da explotación das periferias europeas...

- Para onde vai Europa?

Para responder a esta cuestión, hai que resituar o contexto actual nunha perspectiva que sitúe no seu lugar a transformación cualitativa do capitalismo de monopolios que se levou a cabo entre 1975 e 1990. O sistema caracterízase a partir de agora por un grao extraordinario de centralización do control do capital por parte dos monopolios, sen medida común co que fora en etapas anteriores. En diante, os monopolios -que eu cualifico por esta razón de “monopolios xeneralizados”- controlan todas as actividades económicas e extraen por este medio unha renda monopolista sempre crecente.

- A socialdemocracia non ten xa porvir?

 No marco da dominación dos monopolios xeneralizados, pasouse a páxina da democracia burguesa, e xa que logo dos compromisos sociais que definiran o papel histórico das socialdemocracias. Co fin de profundar o seu poder, os monopolios necesitan destruír todas as estruturas que organizaban as clases sociais, as súas loitas e os seus medios de influír no poder político no marco dos estados. A lóxica deste sistema non consiste en perseguir unha xestión democrática do liberalismo económico senón en destruír os estados e, máis aló diso, as sociedades. O proxecto “europeo” inscríbese nesta lóxica.

 Na súa orixe, este proxecto estaba destinado, baixo o mando dos Estados Unidos, a rehabilitar as forzas de dereitas que perderan a súa lexitimación polo feito de colaborar co fascismo e a reintroducilas no xogo político, a través da democracia cristiá. A construción de Europa (o Tratado de Roma de 1957), en principio reducida, xeneralízase progresivamente ao conxunto do continente. Non hai que ver a Unión Europea (UE) como unha gran potencia económica e política, igual dos Estados Unidos, senón como un building block da mundialización posto polo capital dos monopolios xeneralizados baixo o leadership dos Estados Unidos. A zona euro non é máis que un subconxunto deste sistema global, destinado a reforzar o control dos monopolios xeneralizados. Os estados membros da UE pecháronse nunha construción en cemento armado que aniquila a súa autonomía económica e política para sometelos ao diktat unilateral dos monopolios xeneralizados. Nunca considerei este conxunto, en ningún dos seus niveis, como algo que puidese ser viábel.

- Se Europa estivese composta de réximes semellantes politicamente, cunha maior harmonización das políticas sociais ou fiscais, podería resistirse á dominación do capital de monopolios?

Non hai lexitimidade política supranacional en Europa, porque non hai pobo europeo. A construción mundial baixo leadership norteamericano, a de Europa e a do euro constitúen niveis diferentes do mesmo sistema global.

- E o parlamento europeo?

 É unha mascarada. Non ten ningún poder e carece dunha lexitimidade que transcenda a dos parlamentos nacionais.

 Volvamos ao euro. Non hai moeda sen Estado, agora ben, non hai Estado europeo, e a perspectiva de que xurda está excluída do posíbel. O euro é unha moeda administrada unilateralmente polo capital dos monopolios; o estatuto do Banco central Europeo preveo precisamente.

- Mais Europa contribuíu a elevar o nivel de vida dos países máis pobres da Unión?

 A lóxica deste sistema non consistiu nunca en facilitar unha recuperación relativa dos países menos avanzados senón pola contra en acentuar as desigualdades na UE en beneficio dos máis fortes, Alemaña especialmente. A UE asocia un centro dominante a periferias dominadas, nun modelo certamente particular, análogo porén ao que permite aos Estados Unidos explotar América Latina. Europa do Leste e do Sueste é un pouco como a “América Latina” da Europa do Oeste. As diferenzas de desenvolvemento permiten ao capital dominante dos centros europeos sacar beneficios de monopolios da explotación das periferias europeas. Este sistema non axuda a Grecia a “modernizarse” senón que se utiliza para reducila ao estatus doutras periferias balcánicas (Bulgaria, Albania). A crise mostrou a crúa real desta perspectiva.

Audacia!

 Cando os comunistas se opuñan ao Tratado de Roma, non se equivocaban. Salvo que a alternativa que tiñan que propor, unha Europa inspirada polos principios dos países do Leste, non era moi atractiva. A partir deste feito, Europa converteuse en lugar dunha ilusión emocional xigantesca. Está prohibido ser “antieuropeo”, e senón un é considerado un pasadista chovinista. E cando un pobo europeo di non, non é escoitado, repítense as eleccións ata que resulten favorábeis ao mantemento desa Europa tal cal. Os sucesivos plans de austeridade, asociados a métodos políticos cada vez máis autoritarios, profundan a crise. Alemaña, primeiro país exportador de Europa, é un país no que o nivel de vida dos traballadores é inferior nun 30% ao de Francia. Pero séguese presentando como modelo ideal, porque o é para o capital dos monopolios.

- Por que o capital se sente satisfeito con esta situación de deterioración do poder adquisitivo? Onde está o seu interese obxectivo?

 O único obxectivo que persegue o capital dos monopolios xeneralizados é maximizar no seu beneficio a renda monopolista/imperialista, malia que vaia en detrimento das actividades capitalistas que domina.

- Pero tamén a renda está tocada?

Non se pode esixir aos capitalistas que actúen contra os seus intereses inmediatos para preservar os intereses do capitalismo a longo prazo.

- China faino?

 Si, porque hai un Estado chinés que dispón de poderes reais. Mentres existe, o Estado pode actuar a favor do capitalismo contra os capitalistas que non miran máis que polo seu interese a curto prazo. Debilitando o Estado, volveuse imposíbel a xestión desta contradición entre o interese inmediato e o interese do capital a longo prazo.

 Volvamos a Europa. Fronte a unha situación dramática, aparecen dúas actitudes. Algúns cren poder reacomodar ao capitalismo aceptando o esencial, é dicir, a dominación do capital dos monopolios xeneralizados, para volver a un capitalismo de rostro humano, grazas a formas neokeynesianas, etc. Unha parte da poboación que vota á esquerda cre que se poderán restablecer as cousas sen atacar frontalmente o capital dos monopolios xeneralizados. A outra actitude perigosa é a resposta da extrema dereita. O nacionalismo do que se fan linguas non pon en cuestión o sistema. Ese falso nacionalismo rebáixase a problemas menores -evidentemente non para as vítimas- como son a inmigración ou o matrimonio homosexual.

- O ascenso da extrema dereita, non pode presaxiar un retorno máis firme de réximes fascistizantes?

 Se as cousas seguen evolucionando como vemos, si, a extrema dereita seguirá reforzándose. Xa vimos a súa banalización en Italia, onde se rehabilita os neofascistas e a Liga Norte. A previsíbel erosión da construción europea conducirá á casa de saída: a Europa dos anos 30. Teriamos unha Alemaña dominante sobre as súas periferias do Leste, fronte a unha Francia illada, unha Gran Bretaña que o atlantismo afastaría de Europa, e unha Europa meridional indecisa! Se se quere evitar esta deriva tráxica, fai falta que as esquerdas radicais despreguen con audacia un proxecto alternativo auténtico.

- E como procederían concretamente?

 Con nacionalizacións, en primeiro lugar. Non para outorgar ao Estado poderes de dominación na xestión da vida política e social senón para crear as condicións de socialización desta xestión. No meu traballo “Sobre a audacia”, dei exemplos do que pode facerse seguindo este espírito.

- Pódese imaxinar iso a escala europea?

 Desde logo que non. Pero se chegase a iniciarse un proceso deste xénero nun ou varios países, funcionaría como unha bóla de neve.

- Non hai nada que sacar do debate en curso sobre a austeridade e as propostas destinadas a facilitar o crecemento?

 Até o de agora, as propostas feitas neste sentido seguen sendo dun insignificante. Con todo, as cousas poderían evolucionar se François Hollande logra mobilizar a estreita marxe da que dispón. Podemos imaxinar que o sigan os socialdemócratas alemáns?

- E en Grecia?

 O pobo grego rexeita os plans de austeridade. É perfectamente lexítimo. Pero conseguirá a súa esquerda radical formular unha estratexia alternativa audaz?

_____________________________________________________________

Os agricultores, vítimas dos monopolios xeneralizados

Os agricultores europeos, os mellores do mundo, son dominados e explotados polos monopolios situados ao comezo e ao final da cadea de produción. Ao comezo, polos bancos e os produtores de inputs; ao final, polas grandes cadeas de distribución. No sistema de prezos imposto polos monopolios xeneralizados, a remuneración do traballo da terra é nula e os campesiños non sobreviven máis que grazas ás subvencións do Estado. Falar de “prezos de mercado” ou de “verdade dos prezos” parece unha farsa. Os monopolios xeneralizados obteñen unha renda monopolista considerábel deste sistema que fan financiar por medio de fondos públicos, é dicir, cos impostos dos traballadores.

 Como resposta alternativa, sería necesario nacionalizar os bancos, os produtores de inputs, as grandes cadeas de comercialización para organizar a xestión social deste sector vital, creando directorios de negociación colectiva compostos polos agricultores, as empresas que fornecen os inputs e as que comercializan os produtos agrícolas, os representantes dos cidadáns, os poderes locais, os consumidores. Sería un bonito avance cara á xestión social da economía.

 Pódense multiplicar os exemplos, pois, no capitalismo contemporáneo, practicamente todas as actividades de produción (as PEME) quedan reducidas ao estatus de subcontratistas e a plusvalía que producen acapárase en forma de renda monopolista. Os monopolios xeneralizados nútrense da expropiación dos capitalistas! Danse, xa que logo, as condicións para unha ampla alianza social alternativa.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 24 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com