Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O de Paraguay chámase golpe de estado

O acontecido o venres no Paraguay é un golpe de estado en toda regra, pero ao non termos ollado imaxes do exército patrullando as rúas de Asunción nin contar até o momento con información ao respecto de actuacións represivas violentas contra o pobo nin sobre a instauración de toque de queda, os acontecementos do xoves e do venres pasado corren o perigo de ser esquecidos en poucas semanas ao desaparecer dos destacados dos informativos.

 Un exemplo semellante tivémolo en 2009 en Honduras, pouca xente lembra xa que o vindeiro 28 de xuño fará tres anos o golpe de estado institucional contra quen era o lexítimo presidente daquela república centroamericana Manuel Zelaya.

 Nin nun país nin no outro estabamos diante de procesos revolucionarios de transformación política e social camiñando a pasos axigantados cara a instauración do socialismo, pola contra, eran procesos contraditorios moi marcados polas peculiares personalidades dos presidentes respectivos, pola marca deixada nas sociedades hondureña e paraguaia por decenas de anos de sanguentas ditaduras militares e pola pequena e débil articulación dos sectores sociais que apoiaban os procesos de cambio dirixidos por Lugo e Zelaya.

 O presidente Lugo foi xulgado e sentenciado polo Congreso e o Senado paraguaios en menos de 24 horas acusado de non desempeñar correctamente as súas funcións de presidente da república, servindo de excusa para a realización dese xuizo político a morte o pasado 17 de xuño de 15 persoas, seis policías e 11 labregos, cando os primeiros tentaban poñer remate á ocupación de terras dun latifundiario nunha zona fronteiriza con Brasil ao noreste do país. Sendo este o último capítulo, polo de agora, de múltiples operacións de desestabilización e ataques ao tímido proceso de reformas posto en marcha por un Lugo que desde o inicio do mandato en 2008 foi sempre cedendo nas súas pretensións reformadoras con medo a que chegase a producirse esa situación e cecais debido ao seu carácter sacerdotal confiante de máis en que só pola vía do diálogo podía executar os cambios que desexaba.

 Ese xulgamento exprés foi unha simple mascarada e as acusacións só serviron para dar visos de legalidade a unha decisión que había tempo tiñan tomada os sectores da dereita paraguaia, moitos deles herdeiros directos da ditadura de Alfredo Stroessner. Unha dereita con medo ás eleccións presidenciais previstas para o 21 de abril de 2013 e que non podía soportar que Lugo quixese mellorar as condicións de vida da maioría nun país caracterizado polo alto nivel de desigualdade social, con perto dun 30% da poboación total en situación de miseria e un 50% no rural, cuns servizos de saúde e ensino penosos, unha economía baseada na exportación de materias primas e o 80% da terra cultivábel en mans de latifundiarios nacionais e tamén brasileiros adicados fundamentalmente ao cultivo de soia da que o Paraguay é o cuarto exportador a nivel mundial.

 Nas últimas horas diversos estados latinoamericanos veñen de condenar o golpe de estado esixindo a volta de Fernando Lugo á presidencia do país e anunciando que non recoñecerán a Federico Franco. Todos os gobernantes que dirixen procesos transformadores no subcontinente saben que un ataque contra un deles é un ataque contra o resto, e a derrota dun deles supón abrir unha fenda no conxunto.

 Cómpre estarmos atentos aos acontecementos neste pequeno país e proseguir na denuncia do golpe de estado, dado que un posíbel recoñecemento internacional de Federico Franco como presidente do Paraguay suporía unha importante vitoria para os intereses norteamericanos na rexión, que voltarían contar entre os seus cun país que até a chegada de Fernando Lugo en 2008 á presidencia era un aliado fiel.

 

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘Sermos Galiza’, do 24 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com