
Non existen demasiadas razóns para supor que o Consello Nacional da Transición vaia inaugurar un período democrático. Os seus membros non teñen mellores credenciais que Gadafi e pesa sobre eles a irredimíbel infamia de convidar as potencias imperialistas a bombardear as súas cidades e aldeas para viabilizar o seu derrocamento.
A sorte do réxime libio está botada. A tal hora a única cuestión pendente é o destino de Muammar Gadafi: renderase ou loitará até o fin?, será Allende ou Noriega?, vivo ou morto? e, se vivo, que vai pasar con el? O exilio é altamente improbábel: non ten quen o reciba e, ademais, a súa inmensa fortuna, depositada en bancos de Estados Unidos, Inglaterra, Francia e Italia está bloqueada. O máis probable será que siga a sorte de Slobodan Milosevic e termine enfrontando as acusacións do Tribunal Penal Internacional, que o acusará de xenocida por ordenar ás súas tropas que disparen contra do seu pobo.
Facendo gala dunha obscena dobre moral, o TPI vai acoller unha petición dun país, Estados Unidos, que non só non asinou o tratado e que non lle recoñece xurisdición sobre os seus nacionais senón que lanzou unha teimuda campaña en contra deste obrigando máis dun centenar de países da periferia capitalista a renunciar ao seu dereito a denunciar ante o TPI a cidadáns estadounidenses responsábeis de violacións semellantes -ou peores- que as perpetradas por Gadafi.
Unha infamia máis dunha suposta "orde mundial" que se está a caer a cachos grazas aos continuos atropelos das grandes potencias. E unha lección para todos aqueles que confían -como no seu momento fixo a Arxentina dos noventa- en que consentindo as "relacións carnais" co imperialismo se gozaría para sempre da súa protección. Craso erro, como se comprobou na derruba da Convertibilidade e como hoxe o experimenta en carne propia Gadafi, atónito ante a ingratitude daqueles de quen se converteu en obediente peón.
Sendo isto así, por que Obama, Cameron, Sarkozy e Berlusconi lle soltaron a man? En primeiro lugar, por oportunismo. Eses gobernos, que se aliñaron incondicionalmente con Mubarak en Exipto durante décadas, cometeron o erro de subestimar o fervor insurreccional que conmovía a Exipto. Cando cambiaron de bando, deixando na estacada o seu xendarme rexional, o seu desprestixio ante a revolución democrática fíxose ostensíbel e irreparábel. En Libia tiveron a ocasión de reparar ese mal paso, facilitado pola brutal represión que Gadafi descargou nas primeiras semanas da revolta.
Isto ofreceu o pretexto que estaban buscando para desencadear a non menos brutal intervención militar da OTAN -coa súa funesta secuela de vítimas civís produto dos "danos colaterais" das súas “bombas intelixentes”- e, doutra banda, dando pé ao comezo das actuacións do TPI a cuxo fiscal xeral de ningunha maneira se lle ocorrería citar o comandante da OTAN para que renda contas de crimes tanto ou máis monstruosos que os perpetrados polo réxime libio.
Nunha entrevista recente Samir Amin manifestou que toda a operación montada en contra de Gadafi non ten que ver co petróleo porque as potencias imperialistas xa o teñen nas súas mans. O seu obxectivo é outro, e esta é a segunda razón da invasión: "establecer o Africom (o Comando Militar de Estados Unidos para África) actualmente con sede en Stuttgart, Alemaña, dado que os países africanos, non importa o que se pense deles, se negaron a aceptar o seu emprazamento en África".
O que require o imperialismo é establecer unha cabeza de praia para lanzar as súas operacións militares en África. Facelo desde Alemaña, alén de pouco práctico é altamente indignante, por non dicir ridículo. Agora tratarán de que o réxime lacaio que se instale en Trípoli acepte o amábel “convite” que seguramente lle cursará a OTAN. De todos os xeitos, o operativo non será para nada sinxelo, entre outras cousas porque o Consello Nacional da Transición (CNT) é un precipitado altamente inestábel e heteroxéneo de forzas sociais e políticas debilmente unidas pola argamasa que só lle proporciona o seu visceral rexeitamento a Gadafi, a pesar de que non son poucos quen até había poucos meses se contaban entre os seus máis obsecuentes e servís colaboradores.
Hai fundadas sospeitas de que o asasinato aínda non aclarado do ex xefe militar dos rebeldes, Mohammed Fatah Younis, ex ministro do Interior de Gadafi e ex comandante das forzas especiais libias, foi perpetrado por un sector dos rebeldes en represalia pola súa actuación no esmagamento dunha revolta islamita na década dos noventa. Outro exemplo, non menos esclarecedor que o anterior, ofréceo o propio presidente do CNT. Segundo Amin, Mustafá Abdel Jalil é “un curioso demócrata: foi o xuíz que condenou ás enfermeiras búlgaras a matar antes de ser promovido a Ministro de Xustiza por Gadafi”, cargo no estivo desde 2007 até 2011.
O CNT, en suma, é un bloque reaccionario e oportunista, integrado por islamitas radicais, socialistas ("estilo Zapatero ou Tony Blair"), nacionalistas (sen nación, porque Libia non o é) e, como sinala o analista internacional Juan G. Tokatlian, "bandidos, empresarios, guerrilleiros e ex militares" por non falar do faccionalismo tribal e étnico que marcou desde sempre a historia dese territorio sen nación que é Libia.
Por iso non existen demasiadas razóns para supor que o CNT vaia inaugurar un período democrático. Os seus membros non teñen mellores credenciais que Gadafi e pesa sobre eles a irredimíbel infamia de convidar as potencias imperialistas a bombardear as súas cidades e aldeas para viabilizar o seu derrocamento.
Por iso, o máis probábel é que unha vez derrotado o réxime, as sanguentas loitas intestinas e a ingobernabilidade resultante tornen inevitábel para as potencias imperialistas entrar noutra lameira, como Iraq e Afganistán, para establecer un mínimo de orde que permita organizar a súa rapina.
Infelizmente, o que espera a Libia non é a democracia senón un turbulento protectorado europeo-estadounidense e, como dixo Winston Churchill do seu país en tempos da Segunda Guerra Mundial, sangue, suor e bágoas.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 24 de agosto de 2011]