Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
25/8/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Limitar constitucionalmente o gasto público: Un referendo necesario

Os ingresos ao Estado español son dos máis baixos da eurozona, representando só un 34% do PIB (a media da UE-15 é un 44%, e en Suecia un 54%) e iso resultado dunha política fiscal sumamente regresiva que favorece enormemente ás rendas superiores á conta das rendas do traballo (nas que se inclúe á maioría da cidadanía). De aí o baixo gasto público, incluíndo o social. Querer frear este gasto significa, na práctica, conxelar (por moito que o neguen os que propoñen tal medida) calquera corrección deste enorme déficit.

Resultado dunha Transición inmodélica da ditadura á democracia (realizada baixo o enorme dominio das forzas conservadoras herdeiras do réxime ditatorial anterior), o sistema democrático español é escasamente representativo, non só por estar baseado nun proceso electoral moi pouco proporcional (que se afasta moito do principio de que cada cidadán debería ter a mesma capacidade de decisión na gobernanza do país), senón tamén polo escasísimo espazo que se ofrece á cidadanía para participar nas decisións públicas que afectan o ben común.

 A democracia queda limitada no Estado español a votar cada catro anos sen que se lle ofreza á cidadanía a oportunidade de participar en referendos vinculantes e outras formas de democracia directa que permitisen unha maior capacidade de incidencia dos cidadáns no quefacer común. É certo que hai posibilidades de facer referendos a nivel do Estado central, pero non é nin doado nin frecuente, como demostra a escaseza de referendos que houbo no Estado español durante o período democrático. A única expresión de desaprobación que os representados teñen ao seu alcance é deixar de votar ou votar por opcións distintas cada catro anos. Iso é un indicador do enormemente limitada que é a democracia española.

 Estivemos vendo recentemente como partidos gobernantes (tanto a nivel central como autonómico) están aprobando medidas altamente impopulares, que non estaban incluídas nas súas propostas electorais, e que se están levando a cabo supostamente por mandato dos mercados financeiros, a quen ninguén elixiu. O 82% da cidadanía estaba en contra, por exemplo, do atraso da idade de xubilación; o 86% en contra da conxelación das pensións; o 68% en contra dos recortes do gasto sanitario, e así un longo etcétera, o cal non foi un obstáculo para que a maioría das Cortes españolas aprobasen tales medidas. Unha consecuencia diso é a enorme distancia que se está creando entre representados e representantes, coa perda de lexitimidade dos últimos. Non é de estrañar que a clase política dominante estea considerada pola poboación como o terceiro gran problema que ten o país.

 E estamos a piques de ver outro caso no que unha decisión de enorme transcendencia (a reforma da Constitución, para garantir un límite ao gasto público) se está propondo pola dirección dos dous partidos maioritarios, medida que non estaba no programa electoral de ningún deles (e que afectará negativamente á calidade de vida da maioría da poboación). E iso sen que se consultase ao pobo español, argumentándose, ademais, que o Estado -como dixo en varias ocasións Rajoy (o dirixente político español que promoveu tal medida de limitación de gasto público con maior frecuencia)- non pode vivir por riba das súas posibilidades.

 En realidade, o Estado español gastta moito menos no seu sector público (do cal, o capítulo máis grande é o do Estado do benestar) do que debería polo seu nivel de desenvolvemento económico. O PIB per capita do Estado español é xa o 94% da media da UE-15, mentres que o gasto público social por habitante (que inclúe gasto en pensións, en sanidade, en educación, en servizos domiciliarios a persoas con dependencia, en escolas de infancia, en servizos sociais, en axudas ás familias, en vivenda social, entre outros) é só o 74% da media da UE-15. Se fose o 94% (como debería ser), gastariamos 66.000 millóns de euros máis no noso Estado do benestar do que nos gastamos agora.

 O problema do sector público (do cal o maior compoñente é o Estado do benestar) non é que sexa excesivo, senón que está pouco desenvolvido. O Estado español está á cola da Europa social (o seu gasto público social por habitante é o máis baixo da UE-15). Como resultado diso, só un de cada dez españois adultos traballa nos servizos públicos (primordialmente nos servizos públicos do Estado do benestar). En Suecia, porén, é un de cada catro. Se no Estado español fosen catro, crearíanse case cinco millóns de postos de traballo, eliminándose o desemprego.

 E non nos enganemos. O que desexan as forzas conservadoras, lideradas por Merkel e Sarkozy na UE, e por Rajoy no Estado español (e agora por Zapatero), é saír da crise a base de reducir aínda máis os xa escasamente financiados estados do benestar dos países periféricos da eurozona, incluíndo o Estado español. De aí a súa proposta de escribir en pedra (póndoo na Constitución) a limitación do gasto público esixindo unha eliminación do déficit público. A súa aplicación ao Estado español significaría un obstáculo para a corrección do seu enorme déficit social. Esixir limitacións de tal gasto (nun contexto de escaso crecemento e de redución de impostos) non é só un suicidio económico (pois pérdese a oportunidade de estimular a economía), senón tamén unha condena a manter subfinanciado o Estado do benestar español.

 Os ingresos ao Estado español son dos máis baixos da eurozona, representando só un 34% do PIB (a media da UE-15 é un 44%, e en Suecia un 54%) e iso resultado dunha política fiscal sumamente regresiva que favorece enormemente ás rendas superiores á conta das rendas do traballo (nas que se inclúe á maioría da cidadanía). De aí o baixo gasto público, incluíndo o social. Querer frear este gasto significa, na práctica, conxelar (por moito que o neguen os que propoñen tal medida) calquera corrección deste enorme déficit.

 Por iso é polo que cómpre unha mobilización popular para que tal medida poida ser confirmada ou rexeitada pola poboación española, da cal deriva todo o poder do Estado. É importante que aos representantes se lles lembre este principio básico de calquera democracia.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 25 de agosto de 2011]

cig.prensa@galizacig.com