O efecto da proposta de reforma das pensións públicas, xunto con outras que se incluirán, traerán consigo unha redución das pensións medias de enorme importancia, que poderán superar o 25 ou o 30% e un incremento da pobreza na vellez, especialmente entre as mulleres de máis idade. As propostas do Goberno e dos que o apoia requiren dunha oposición radical. Por esta razón a folga xeral do próximo 27 de xaneiro non só está xustificada senón que é imprescindíbel...
A conmoción social que levantou o anuncio de reforma das pensións de xubilación demostra que a vellez que nos espera, e como vivila o mellor posíbel, é unha preocupación xeral. O poder financeiro leva anos poñendo de relevo o avellentamento da poboación e o seu incremento futuro e, con algunha que outra trampa nas estimacións, os datos son innegábeis. O que nos separa son as consecuencias que se deben extraer do fenómeno. O que vivamos moitos anos por riba dos 65 xera algunhas necesidades de atención que deberían formar parte das prestacións da protección social e que amplían a esixencia dunha boa vida na vellez, máis aló da contía da pensión de xubilación.
As limitacións importantes na capacidade de autocoidado, iso que chamamos dependencia, non están nin de lonxe cubertas polo sistema de protección social e non hai pensión de xubilación suficiente para prover o coidado persoal privado. Nesta situación de dependencia as mulleres dobran os homes pola súa maior lonxevidade. Por agora, o aforro no sistema de protección á dependencia realízase a custa do coidado que proporcionan mulleres, gratuitamente, ou cobrando a prestación económica por coidado no contorno familiar, que non chega nin ao salario mínimo e se dá case no 50%. Esta prestación recortouse no decreto de maio de 2010 para a redución do déficit público.
A que responde o ataque ás pensións públicas? Non á urxencia de combater un déficit inexistente no sistema de pensións: o Fondo de Reserva ten un superávit de 62 mil millóns de euros e segundo as previsións do mesmo Goberno español seguiría aumentando ata o 2023. Fai inevitábel o avellentamento demográfico a redución das pensións e o aumento da idade de xubilación? A resposta é claramente que non. É certo que o aumento do número das persoas xubiladas vai dar lugar a un aumento do gasto en pensións -segundo a Unión Europea do 8,9% do PIB ao 2010 ao 15,1% previsto no 2060-, pero o aumento previsíbel da produtividade permite afirmar que o sobrante do producido tras pagar as pensións será en valor constante moi superior á cifra actual, segundo V. Navarro.
A focalización sobre o aumento a 67 anos da idade de xubilación está dando lugar a unha reacción puramente defensiva, obviando que a situación actual non é boa en canto á idade de xubilación, porque esta é xa demasiado elevada. O discurso sobre o aumento da esperanza media de vida non ten en conta que esta é unha media e que as diferenzas son moi elevadas entre as diferentes clases e grupos profesionais. Ademais, a xubilación non debe ser só para vivir, senón para gozar cando aínda se ten boa saúde. Segundo un informe de 2010 do Ministerio de Sanidade, despois dos 65 anos de idade, a esperanza de boa vida, un índice que pondera a «esperanza de vida libre de discapacidade» coa percepción que teñen as persoas do seu estado de saúde, é doutros 8,6 anos máis para os homes e de 7,2 para as mulleres, polo que o atraso aos 67 anos, deixaría poucos anos de goce da xubilación. Por iso é necesario non só non aumentar senón reducir a idade de xubilación, especialmente para as persoas que empezaron a traballar moi novas e en malas condicións de traballo. Ademais, o mantemento no emprego das persoas maiores suporá un bloqueo para o acceso a este dos máis novos (...).
A oferta de Zapatero de manter a idade de 65 anos para quen alcance os 41 anos de cotización, hoxe día cubriría a poucas persoas e a menos aínda no futuro próximo. O anuncio de aumentar de 35 a 37 os anos de cotización para alcanzar o 100% reducirá as pensións da maioría (especialmente das mulleres, que actualmente se xubilan con 30 anos de media). Tamén se reducirán as pensións de quen teña menos anos de cotización, se se adopta a recomendación do Pacto de Toledo, que propón que os anos cotizados sirvan o mesmo, o que para unha cotización de quince anos reduciría a porcentaxe da pensión do 50% actual ao 42,87%, despois de sufrir xa en 1997 un descenso do 60% ao 50%.
O aumento do desemprego e a política empresarial de despedimento das persoas de máis idade para substituílas por mozos con contratos máis precarios e máis baratos, dá lugar a unha taxa de emprego moi baixa no tramo de 55-64 anos de idade (...). A protección das prexubilacións a través do subsidio de desemprego para maiores de 52 anos é mínima se non vai acompañada de complementos decentes a cargo das empresas, o que só abrangue a unha pequena parte da poboación traballadora. Quen accede á xubilación anticipada sofre unha penalización de até o 40% da pensión e iso aínda que cotice 40 ou máis anos. A quen poida manter o emprego e desexe xubilarse, o aumento da idade de xubilación ocasionaralle máis sufrimento.
Nos últimos anos fixéronse reformas á baixa de prestacións da Seguridade Social, que non tiveron gran eco social porque afectaban a minorías en débil situación para responder. É o caso da incapacidade temporal, que en decembro de 2001 sufriu unha rebaixa radical para as persoas que enferman estando en desemprego, ou a pensión de incapacidade permanente, que en decembro de 2007 sufriu tamén unha diminución no caso de quen con 30 ou máis anos de idade non teñan un longo historial de cotización.
Respecto do que vén, xunto ás medidas xa coñecidas, o informe da Comisión do Pacto de Toledo propón eliminar a cobertura de baleiros, que consiste en encher coa base mínima os ocos que xeran os meses non cotizados. Estes baleiros que no futuro se propoñen levar a cero, suceden nos períodos de paro sen prestación ou co subsidio non contributivo (salvo o de maiores de 52 anos), ou nas excedencias para o coidado (salvo dous anos por fillos e un ano por coidado de maiores) o que baixaría as pensións de xubilación e tamén as de incapacidade permanente de quen teñen interrupcións nas súas traxectorias de cotización. Tamén se propón algo que podería baixar as pensións contributivas mínimas (601,40 euros mes), que son as que reciben hoxe a terceira parte das mulleres xubiladas: proponse que ninguén reciba un complemento a mínimos superior á pensión non contributiva (347,60 euros mes). Isto prexudicaría especialmente a quen, cumprindo os quince anos esixidos para a xubilación, ten pouca cotización no período anterior a solicitar a pensión; podería recibir pensións mínimas aínda inferiores ás actuais.
O panorama actual das pensións das mulleres en parte é herdanza dos obstáculos legais e de todo tipo para acceder ao emprego durante o franquismo, polo que o 93% dos pensionistas de viuvez son mulleres, e ademais o 35% das viúvas cobra a mínima. Por outra banda, a pensión de xubilación dunha muller é o 59,3 % da dun home, pero o dato é unha media e podería pensarse que a desigualdade desaparece nas novas pensións. Non é así, as mulleres que se xubilaron no ano 2009 entre os 60 e 64 anos de idade, reciben unha pensión do 67,7% da dos homes. A diferenza explícase pola concentración das mulleres en sectores de salarios baixos, o traballo a tempo parcial e as interrupcións de cotización en períodos dedicados ao coidado. Segundo a Estatística de Renda Persoal e Familiar da CAV de 2006, a renda do traballo do conxunto das mulleres entre os 25 e 49 anos era un 41% inferior á do conxunto dos homes da súa idade, e as diferenzas profúndanse progresivamente a partir dos 50 anos; estas son as desigualdades que logo traducen as pensións. O principio de contributividade segundo o cal unha pensión digna esixe unha dedicación longa e intensiva ao emprego castiga especialmente ás mulleres.
Nas últimas recomendacións do Pacto de Toledo fálase da igualdade de xénero como obxectivo, pero as medidas que se propoñen alentan a división sexual do traballo dentro da familia. Propoñen que en caso de ruptura se recoñezan á muller para efectos de cotización períodos de tempo dedicados aos negocios do matrimonio. Recoñécese a gran cantidade de situacións de economía mergullada nos sectores do traballo autónomo, rural, comercio e hostalaría, nos que só o home está de alta na Seguridade Social, pero que se sacarían á luz só en caso de ruptura matrimonial.
O único principio que menciona a Comisión é o de «a igual desempeño igual retribución», que dentro dos factores de desigualdade entre mulleres e homes é o menor; o problema principal é a falta de control dos procesos de selección, que permite discriminar canto se queira ás mulleres no acceso á empresa privada, ou a oferta de traballo a tempo parcial, que ademais ten especiais subvencións de cotización a partir da crise. Como medida para favorecer a igualdade de xénero, a Comisión propón ampliar os períodos recoñecidos como cotizados cando se dedicaron ao coidado, o que está ben a condición de que tamén os homes os utilicen, o que significa aumentar os permisos obrigatorios e intransferíbeis para eles.
O 8'5% da poboación ocupada de mulleres traballa no emprego doméstico e máis da metade non está de alta na Seguridade Social. O seu réxime especial leva sen transformacións importantes desde 1969, e ten as pensións máis baixas do sistema; esta reforma case no único que as pode prexudicar é na rebaixa do complemento a mínimos, que cobra un 58% delas. Unha de cada tres traballadoras domésticas que traballan internas coidando persoas non ten papeis e non pode estar de alta na Seguridade Social. Este feito, coñecido, forma parte dunha estratexia de mantemento dunha parte dos servizos de coidado na economía mergullada.
A actual crise financeira trouxo consigo grandes perdas para os fondos de pensións entre 2008 e 2010, que alcanzou no 2008 o 23% no conxunto da OCDE. A súa rendibilidade media no Estado español nos últimos 10 anos foi inferior á inflación e vólvese negativa cando se unen os gastos de administración que cobran as institucións financeiras. A única forma de atraer as pensións privadas de capitalización é concederlles un vantaxoso trato fiscal, que favorece ás rendas máis altas, que poden eliminar a aplicación do tipo marxinal máis alto, do 45%, sobre as cantidades achegadas. Aínda que a desgravación no momento da achega se acompaña coa tributación posterior como renda de traballo cando se percibe como pensión, será gravada a un tipo marxinal inferior, xa que durante a xubilación a renda adoita ser menor que no período en actividade. Ademais, na CAV, mantense a posibilidade de non tributar polo 40% se se percibe en forma de capital, o que se pode repetir cada cinco anos. Ademais das vantaxes para as persoas individuais, as contribucións empresariais aos Plans de Pensións do sistema de emprego son deducíbeis no Imposto de Sociedades. Os servizos de xestión e depósito quedan exentos do IVE. O Pacto de Toledo propón unha intensificación das vantaxes fiscais das achegas aos plans privados de pensións realizadas por un cónxuxe en favor do outro, o que ademais de non ser xeneralizábel porque esixe unha capacidade de aforro ao alcance dunha minoría, reduce a recadación fiscal necesaria, precisamente, para crear servizos que liberen as mulleres do seu papel de coidadoras forzadas.
Os quen subvencionan os estudos catastrofistas sobre as pensións públicas e propoñen aumentar a idade de xubilación, prexubilan o seu persoal (cun traballo dunha penosidade inferior á media), nalgúns casos a cargo de fondos públicos, como é o caso da reestruturación bancarizada das caixas de aforro que van prexubilar a case 20.000 empregados/as a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (para o financiamento do cal o Estado anticipa 6.750 millóns, unha parte dos cales non se vai recuperar). Ademais de responder aos intereses da banca, a privatización das pensións tende a introducir unha fenda na identidade colectiva da poboación traballadora ao facer depender os dereitos de pensión da rendibilidade dos mercados financeiros en que se invistan as achegas, aínda que sexa ao prezo de recortar os dereitos laborais das empresas en que se invistan os fondos, á vez que fomenta un individualismo que dificulte a oposición a posteriores recortes en pensións e outros dereitos sociais.
A revalorización -cando non se suspende como este ano- segundo o custo vida en lugar dos salarios, ocasiona unha distancia crecente co paso do tempo das pensións en relación cos salarios, que tende a aumentar a pobreza das persoas maiores.
O efecto das medidas que comentamos, xunto con outras que se incluirán, traerán consigo unha redución das pensións medias de enorme importancia, que poderán superar o 25 ou o 30% e un incremento da pobreza na vellez, especialmente entre as mulleres de máis idade. As propostas do Goberno e dos que o apoia requiren dunha oposición radical. Por esta razón a folga xeral do próximo 27 de xaneiro non só está xustificada senón que é imprescindíbel.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 24 de xaneiro de 2011]