A batalla das xubilacións é representativa do que está en xogo, pois sitúase no centro das cuestións de reparto dos ingresos e do traballo. Na crise financeira actual, consolidar o sistema de xubilación tamén é afirmar a superioridade da democracia fronte aos ditados dos mercados financeiros.
No discurso gobernamental, preséntase os manifestantes e os folguistas, no peor dos casos, como case reaccionarios aferrados a supostos privilexios, e, no mellor, como malpocados miserébeis que se “equivocan” segundo François Fillon. Porén, a opinión pública non se equivoca. Comprende perfectamente que esta enésima reforma das xubilacións é dura, profundamente desproporcionada, e que se impón de forma violenta por un poder cínico. Esixir a retirada do proxecto de lei non é soamente rexeitar este texto extremista, tamén é loitar por outro proxecto de sociedade. Cunhas cantas boas razóns.
Para garantir a todos un nivel de vida satisfactorio. Coas contra-reformas aplicadas ao noso sistema de xubilación desde hai máis de vinte anos, o empobrecemento dos xubilados xa está programado. Dentro de corenta anos, a pensión media representará menos do 45% dos ingresos por habitante, fronte a máis do 65% a principios dos anos 80. O nivel das pensións coincidirá co de principios dos anos 70: naquela época, o 35% dos xubilados eran pobres.
Para o goberno, isto non é suficiente. Hai que afondar aínda máis nesta regresión atrasando as idades legais de xubilación de 60 a 62 anos e de 65 a 67 anos respectivamente, o que acentuará aínda máis a precariedade das persoas maiores, das que, dunha forma ou outra, haberá que se facer cargo, sobre todo cun sobrecusto da indemnización do paro.
Con todo, é completamente posíbel, non soamente preservar o nivel de vida de todos, senón tamén elevalo. En corenta anos, a poboación francesa aumentaría un 12% co efecto do envellecemento. Para manter o nivel de vida medio e financiar as pensións, abonda cun crecemento do 0,3% ao ano. Nada imposíbel, mesmo sen ser un productivista obstinado. O crecemento anual medio dos últimos vinte anos foi superior ao 2% (2,2%) até a crise financeira de 2008. Nas predicións máis pesimistas do COR (Consello de Orientación das Xubilacións), o crecemento sería aproximadamente dun 1.8%, o que permitiría aumentar o nivel de vida de todos (activos e xubilados) un 35% en vinte anos e máis dun 80% en corenta anos.
Para traballarmos todos e vivirmos mellor
A xubilación non é só un ingreso, é tamén un tempo liberado que permite á xente organizar a súa actividade fóra da subordinación salarial e... vivir máis tempo. A xubilación é unha das formas maiores de redución colectiva do tempo de traballo. Por esa razón, posúe unha gran forza emancipadora. “Salvagardar a xubilación traballando máis”, como recalca o goberno, é un desatino e unha auténtica fraude.
A patronal sempre se mostrou ferozmente oposta a toda forma colectiva de redución do tempo de traballo (RTT). Sabe moi ben recuperar as subas de salario enganosas, pero cústalle moito repor o tempo que os traballadores gañan coas RTT colectivas (duración semanal, vacacións, xubilación). Contrariamente á ladaíña da ideoloxía liberal, non se trata de estar a favor ou en contra da RTT, posto que esta se desprega cada día ante os nosos ollos na súa versión empresarial, co paro e o subemprego, que constitúen as súas formas máis violentas e inxustas, e que só poden inflarse co atraso da idade de xubilación.
Co seu proxecto, o goberno quere impor pola forza a vontade empresarial. Preservar a xubilación e consolidala é unha necesidade, non só para dar aos xubilados unhas pensións satisfactorias, senón tamén para ir cara a unha organización colectiva do tempo de traballo que permita a todos traballar e vivir mellor.
Para deter a especulación financeira e romper coa ditadura dos mercados financeiros
Todos o sabemos ben, o debilitamento do réxime de reparto só pode conducir a acrecentar o peso da capitalización no financiamento da idade dourada. Con todo, os ingresos da propiedade representan xa unha parte importante dos recursos dos xubilados: cerca do 30% na actualidade. Obrigar a aqueles que poden a aforrar aínda máis para a xubilación só pode alimentar a especulación financeira e acelerar a chegada doutra crise, probabelmente aínda máis profunda que a dos últimos anos. Manter e consolidar o noso sistema de xubilación por reparto significa pór un freo a esta especulación mortífera.
A hexemonía das finanzas atopa tamén unha poderosa substitución nas axencias de cualificación que supostamente avalían a solidez financeira dos diferentes países. E o goberno non se agocha delas: coa súa reforma, intenta “tranquilizar” os mercados financeiros e conservar unha boa nota nestas axencias. Non se pode aceptar un proxecto de sociedade onde as condicións de vida dos traballadores están sometidas aos ditados dos mercados financeiros.
Por unha maior liberdade e democracia
Este é o leitmotiv do goberno: hai que liberar o traballo e fomentar o aforro individual. Pero esas liberdades sempre existiron! Todos os traballadores poden aforrar... a condición de que teñan medios. En canto ao traballo, no sector privado agora é posíbel traballar até os 70 anos sen ser xubilado de oficio, e, mesmo, os xubilados poden engadir sen límites un ingreso de actividade á súa pensión. O único problema é que non hai empregos para todos e que se trata entón dunha liberdade falsa.
A gran novidade da xubilación -e da protección social en xeral- é engadir a estas liberdades individuais a liberdade colectiva dos traballadores de organizárense para garantir a súa seguridade económica. O goberno quere conxelar o financiamento da xubilación socializada e, en diante, prohibir aos traballadores que sexan solidarios. O proxecto do goberno non acrecenta as liberdades, asfíxiaas. E, co mesmo xesto, asfixia a democracia. Podemos manifestarnos e facer folga para protestar contra unha regresión da xubilación socializada. Un non baixa á rúa cando as cotizacións de bolsa se afunden e o aforro de toda unha vida de traballo pasa a alimentar a voracidade dos financeiros. Agás cando un está arruinado, atado e forzado, sen medios de existencia.
Por todas estas razóns, a retirada do proxecto de lei é necesaria.
A democracia non se resume no feito de meter unha papeleta nunha urna cada cinco anos. Tamén se manifesta na expresión directa dos cidadáns. Contrariamente ao que salienta o goberno, non hai ningunha necesidade económica nin demográfica de afogar a xubilación por reparto. Trátase dunha elección de sociedade fundamental, pois a sociedade non se resume nunha colección de individuos, senón que se constrúe a través de solidariedades colectivas. A batalla das xubilacións é representativa do que está en xogo, pois sitúase no centro das cuestións de reparto dos ingresos e do traballo. Na crise financeira actual, consolidar o sistema de xubilación tamén é afirmar a superioridade da democracia fronte aos ditados dos mercados financeiros.
[Artigo tirado do xornal francés ‘l’Humanité’, do 18 de outubro de 2010]