Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
26/11/2009
Militante nacionalista de esquerdas. Naceu na barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega. Na actualidade está a preparar a súa tese e é colaborador de diferentes publicacións.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os nacionalistas e a lingua
Masiva manifestación convocada pola Plataforma Queremos galego!, o 18 de outubro de 2009

O nacionalismo galego sempre foi a bandeira da dignidade do idioma galego. Poucos e moi contados foron os que quixeron defender o galego denantes da chegada dos nacionalistas. E por que os nacionalistas? Porque xa Manuel Murguía comprendía que o símbolo nacional, o trazo distintivo dunha nación, era a lingua. Unha teoría propia dos tempos do Rexurdimento enchoupados das correntes románticas chegadas de Europa na esculca do noso volksgeist.

Hoxe os nacionalistas comprendemos que a lingua é un trazo máis entre outros para concluír que a nosa terra é unha nación. Superamos, afortunadamente, a teoría romántica como tamén fomos quen de superar a irmandiña adoutrinada por Vicente Risco ou a de Castelao influído por Luís Soto.

A lingua tampouco nos serve para marcar diferenzas de clase. As diferenzas de clase responden a unha base económica. A lingua non marca a diferenza entre clases en Galiza. Non serve a dicotomía burguesía-castelán falante fronte clase traballadora-galego falante. A proba máis concluínte é a lingua maioritaria dos traballadores concentrados nas cidades. É dicir, os nacionalistas non debemos confundir a lingua coa loita social pois o galego como idioma é un patrimonio do pobo galego no seu conxunto.

O nacionalismo non debe aturullar a súa mensaxe e vencellar galego con esquerda nin mesmamente con nacionalismo. Outra cousa é que nós, os nacionalistas, dentro do bloque histórico, sexamos quen potenciemos a loita máis activa pola lingua. Ese potenciar debe estenderse a todas as capas da sociedade, aos diferentes estamentos da sociedade galega. Por iso cómpre a tarefa da normalización en diferentes sectores e en diferentes niveis: funcionariado, empresariado, ensino, xudicatura, sindicalismo, asociacionismo, cultura... Non podemos renunciar a ningunha destas tarefas.

Ora ben, debe haber axentes concretos para cada ámbito de actuación, alén das organizacións en defensa da lingua a nivel xeral, que obrigatoriamente teñen que ser amplas e abertas. Os nacionalistas temos que potenciar esta táctica (por moito que se diga parece que non queda claro que en Galiza a táctica e a estratexia non se confunden) e arengar a aqueles axentes a prol da normalización.

Polo cal non sería negativo que os nacionalistas foramos introducindo a contradición nas organizacións de orde madrileña. Nós non dubidamos no galego. Eles parece que si. Pois fagámolos posicionar con propostas públicas e abertas, con iniciativas parlamentares nas que non sumarse impliquen a creba do anteface ou levar o debate fóra do ensino.

O ensino non é o único problema como os galegófobos queren mirar. Nós aquí batallamos rudamente e non podemos ceder. Mailo problema é que odian o galego e iso haillo que amosar ao pobo traéndonos á nosa cancha. A toponimia é un exemplo transparente. No caso de aprobaren a castelanización da Coruña marcaría un precedente que nos levaría ás barbaridades filolóxicas que espetou un día Blanco Valdés: Rianjo, Vivero ou Puentearenas.

Os nacionalistas seguimos sendo o escudo do idioma. Potenciemos o protagonismo da sociedade civil. Introduzamos a contradición no Partido Popular e no PSOE. Fomentemos a súa crispación interna (existente xa) á par do noso traballo pola lingua para cando chegue o derradeiro combate as súas bases estean tan debilitadas e as nosas tan fortes que fagan da súa teima antigalega a espada de Damocles. 

cig.prensa@galizacig.com