En política, como noutros eidos, hai problemas que non teñen solución se non se cambian as regras do xogo. É o que ocorre en Europa, co financiamento dos servizos públicos, a protección social e os sistemas de pensións.
En maior ou menor grao, a maioría dos Gobernos están mergullados en enormes déficits públicos amplamente imputábeis ás operacións de rescate dos bancos e aos plans de reactivación con miras a dominar a crise económica e financeira provocada... por eses mesmos bancos. Salvados da desfeita polo diñeiro público, estes agora queren máis. Como?, impoñendo, en complicidade coas axencias de cualificación, tipos de xuros exhorbitantes para os seus empréstitos aos Estados máis vulnerábeis. O que profunda aínda máis os seus déficits públicos...
Os gobernos europeos dobregáronse a estas imposicións implementando algo que eles chaman “reformas”: redución brutal dos efectivos e mesmo dos soldos dos funcionarios; claros recortes nos orzamentos sociais; atraso da idade mínima para a xubilación dos traballadores. Son os mesmos obxectivos, que desde hai tempo, perseguían as organizacións patronais, os neoliberais de todos os credos e as institucións internacionais que estes controlan. Para eles, a crise constituíu un formidábel pretexto para obter practicamente da noite para a mañá o que lles foi imposíbel alcanzar en tempo normal.
E teñen aínda máis razóns para felicitarse polo feito de que son os propios gobernos os que se encargan de “vender” á opinión pública a necesidade das ditas “reformas”. A primeira vista custa comprender como, entre outros, dirixentes que se din socialdemócratas, como Yorgos Papandreou, José Sócrates ou José Luís Rodríguez Zapatero, puideron traizoar desa forma os seus compromisos de outrora e tomar partido polos mercados contra os seus propios cidadáns e nomeadamente contra as súas bases electorais.
Lonxe das explicacións psicolóxicas, o tema que se suscita é saber se tiñan outras opcións. É máis que probábel que estivesen e sigan estando convencidos de que non era así. E que, ao prezo do esfarelamento da súa imaxe persoal, “salvaron” o país da quebra. Ao permanecer endentro dos parámetros do sistema -tratados europeos, Pacto de estabilidade, papel de cérberos do Banco Central Europeo (BCE), regras da OMC, condicións do FMI- están sen dúbida no certo.
Nin por un segundo tiveron nos miolos que podía haber outras regras de xogo. Por exemplo, combinar medidas tales como a reestruturación (por non falar do rexeitamento) da débeda pública, a obriga de que cada banco posúa unha parte da mesma, o control cambiario, gravar as rendas financeiras polo menos ao mesmo nivel que as rendas do traballo, a imposición do capital e do patrimonio, a subordinación dos fluxos comerciais a normas sociais e ecolóxicas, taxas globais, etc. Resumindo: unha redistribución radical da riqueza e unha redución das desigualdades que, como lembra reiteradamente o premio Nobel de Economía Joseph Stiglitz, (de quen o presidente Zapatero se declara “moi amigo”), son a causa profunda da crise de 2008.
Poderase obxectar que practicamente todas estas medidas de xustiza son incompatíbeis coas regras da Unión Europea e das institucións financeiras internacionais. É exacto. E iso explica tamén o pánico dos dirixentes ante a perspectiva de dar un salto nesa terra incógnita... A non ser que se acepte que se afunda na regresión social, algún goberno terá necesariamente, nalgún momento, que dar o primeiro paso. O seu exemplo será daquela máis contaxioso.
[Artigo tirado do sitio web de ‘Attac’, do 23 de novembro de 2010]