Na última semana de novembro o Banco Central Europeo e a Reserva Federal tiveron que aplicar unha nova inxección masiva de diñeiro para cubrir os problemas de liquidez da banca internacional. Unha operación que vén repetíndose con moita frecuencia desde a crise de Lehman Brothers. A xustificación pública é sempre a mesma, a de ofrecer fondos para que a banca poida seguir prestando diñeiro a empresas e particulares e non se colapse a economía real.
I
O peor que lle pode acontecer a unha profecía é que se cumpra, e a crise do euro sitúanos nesta posición a todos aqueles -máis ben poucos e con pouca enerxía- que nos mobilizamos contra o Tratado de Maastricht. Abonda con realizar unha procura documental nas revistas críticas como mentres tanto, ou nos materiais que no seu momento elaboraron as plataformas críticas, para constatar que estamos nun dos peores escenarios previstos polos analistas críticos. Supoño que, como a moitos outros, a un éntralle a sensación de padecer a síndrome de Casandra: o da impotencia por non convencer a suficiente xente no pasado e o da mesma impotencia por non poder impedir a catástrofe á que nos condenan unha serie de malas decisións.
Como dixemos daquela, o problema fundamental do euro era a súa construción como unha simple unificación monetaria, sustentada nunha institución, o Banco Central Europeo, á que só se lle encargaba o control da inflación mentres, en troca, estaban ausentes tanto unha política fiscal común como a creación dun marco estatal colectivo.
Dado que os países integrantes da Unión Europea mantiñan entre si enormes diferenzas en canto a estrutura produtiva, dimensión económica e desenvolvemento do sector público, era previsíbel que estivesen sometidos a tensións económicas de desigual magnitude, que serían en moitos casos insoportables a falta dunha política fiscal colectiva. De feito, o propio proceso de unificación podía acelerar estas tensións.
Por unha banda, un dos argumentos máis favorábeis á Unión (ben reflectido no documento “Os custos da non Europa”) era que a integración económica favorecería a eficiencia económica ao posibilitar o funcionamento de plantas produtivas máis grandes que se beneficiarían de economías de escala maiores. Porén, pasábase por alto que se a lóxica da integración conducía a esta reestruturación e concentración de plantas produtivas, iso podía ter importantes impactos territoriais, posto que unhas nacións ou rexións sairían beneficiadas (aquelas en os que se concentrasen esas plantas) e outras prexudicadas. Algúns dos problemas do sur de Europa radican nesta estrutura produtiva desigual e na dinámica xerada pola integración. Por outra banda, a moeda única tiña moitas posibilidades de se apreciar fronte a outras moedas cuxos gobernos optasen por promover políticas de gasto máis xenerosas ou simplemente con manexo político do tipo de cambio. Isto é o que ocorreu co euro fronte ao dólar e o yuan, e agravou a posición dos países con menor desenvolvemento, máis afectados pola competencia de países con baixos salarios e sen a oportunidade de depreciar a súa moeda cando as cousas fosen mal.
A negativa a desenvolver un sistema fiscal único privou á UE da posibilidade de desenvolver unha política comunitaria de apoio ás áreas máis desfavorecidas en caso de crise e favoreceu a competencia fiscal á baixa (propiciada ata pola incapacidade ou falta de vontade da propia Unión para erradicar os paraísos fiscais interiores, como son os moi destacados casos de Luxemburgo, as diversas colonias británicas e, en parte, Irlanda e Holanda). As políticas de limitación do déficit impostas polo Tratado de Maastricht, en parte para evitar a lenidade fiscal dos sempre sospeitosos países do sur, lonxe de contribuír ao desenvolvemento dunha fiscalidade responsable traducíronse en políticas de axuste que limitaron o desenvolvemento do sector público destes países sen tocar as bases da fraude fiscal.
Cando a crise estourou e o sistema foi posto a proba, volvéronse visíbeis todas as incoherencias do proxecto. A política monetaria, lonxe de paliar a crise, agudizouna, con alzas dos tipos de xuros en 2008 e 2011 que agravaron a posición dos debedores. A negativa primeiro a financiar a débeda pública dalgúns países, e despois a financiarse con eurobonos, conseguiu converter un simple furuncho (o déficit grego) nun cancro que ameaza a supervivencia do conxunto; a imposición de plans de axuste a curto prazo pon ás poboacións de moitos países nunha situación dramática e xera unha nova recesión que agrava aínda máis os problemas financeiros; a imposibilidade de practicar unha depreciación non é substituída por ningunha política real que permita recompor a estrutura produtiva de moitos países, e a aplicación de novas reformas laborais vai resultar tan inútil como as anteriores, aínda que pode contribuír poderosamente a aumentar as desigualdades e a demolición de dereitos. Todo isto avisámolo ben de veces, pero acertar no diagnóstico non nos consola, porque non impediu un chisco de sufrimento social nin está servindo para un cambio de modelo.
Máis ben, a proposta de confluencia fiscal anunciada pola Comisión parece un simple mecanismo para impor novos plans de austeridade aos países con problemas e para garantir o seu cumprimento. Os países periféricos do sur de Europa estamos no proceso de transición desde o estatus de estados membros ao de simples protectorados, tal e como testemuñan os golpes de man “brandos” que impuxeron en Grecia e Italia.
II
Neste contexto, é doado entender a xente que pensa que o euro é a causa do problema e que o mellor sería saír da eurozona e volver adoptar unha moeda propia. O seu argumento forte é que iso traería unha depreciación monetaria que permitiría aumentar as exportacións e tirar da economía. Así mesmo, poderiamos eludir a brutal política fiscal que Alemaña trata de impor e gañar autonomía financeira.
Non apoiei o modelo do euro nin apoio a actual política europea (toda ela unha desfeita e un crime social), pero temo que non se vai producir unha saída controlada do sistema euro e que, máis ben, o que nos cabe esperar é unha operación moito máis caótica e provocada desde fóra. Como do que se trata é de prever que pode ocorrer e contribuír ao debate, ofrezo algunhas reflexións sobre que ocorrería no caso dunha saída do sistema monetario actual.
É certo que unha “nova peseta” levaría unha depreciación monetaria que podería mellorar a posición internacional dos produtos españois, pero hai que ter en conta algunhas circunstancias que, cando menos, xeran escepticismo. As depreciacións teñen dous efectos: abaratan as exportacións e encarecen as importacións. O balance neto para un país é o resultado da resposta relativa de ambos os tipos de produtos á variación de prezos (a elasticidade-prezo do produto). Cando deprecia un país que produce bens e servizos de alta demanda potencial, é posíbel que o resultado sexa positivo. Por exemplo, a Arxentina a depreciación permitiulle recuperar o turismo perdido e algo da súa produción industrial á vez que se beneficiaba do tirón da demanda mundial de alimentos.
Porén, no Estado español poida que as cousas non estean tan claras, sobre todo por dúas razóns: por unha banda, pola elevada dependencia enerxética, nun momento en que o prezo do petróleo xa tira á alza por razóns propias e en que a depreciación non faría senón encarecelo aínda máis -unha dependencia que vale tamén para outras materias primas básicas para o aparello produtivo actual (soia, metais, etc.)-, e, por outra, pola propia reestruturación industrial das dúas últimas décadas, que provocou tanto a desaparición de liñas de produción que é imposíbel reanimar a curto prazo como a especialización doutras. A resposta de cada sector é bastante incerta, pero a miña presunción é que os efectos netos serían menores do previsto.
Se no plano do comercio exterior as cousas non están claras, máis negros aínda son os nuboeiros noutras esferas. É pouco críbel que un sistema público e un nivel de endebedamento privado que levan meses no punto de mira das quenllas financeiras fosen paliar as presións sobre a débeda. Máis ben, cabe esperar que a incerteza financeira se traduza e en pánico financeiro, que é a mellor vía para acabar atrapados no “corralito”, en recortes drásticos do gasto e nun maior desastre social. A actitude medorenta das capas medias con aforros pode contribuír a acentuar esta tendencia ao desastre. O euro foi unha trampa, pero a miúdo, cando un caeu nela, a volta atrás é o menos factíbel e deben buscarse respostas alternativas. Postos a facer proxeccións, parece máis verosímil que nos acaben expulsando do euro, non que vaiamos ter un Goberno disposto a desandar ordenadamente o camiño. Un camiño que, en todo caso, sería unha aventura de alto risco.
III
Só somos figurantes do coro dunha traxedia que outros desataron. Pero, a diferenza das obras gregas nas que o heroe é o que carga coa carraxe dos deuses ou o destino inapelábel, aquí todos os males van caer sobre o coro. Debemos buscar outras respostas. Unhas, fundamentais pero non suficientes, xa as imos dando cando protestamos contra os custos do proceso, contra os recortes de todo tipo. Sen protesta non hai saída. Pero necesitamos máis propostas. E estas deben cubrir polo menos dúas posíbeis eventualidades: que sigamos no euro ou que nos boten del.
A primeira esixe desenvolver un novo internacionalismo, posto que non sairemos do enguedello sen un profundo redeseño da Unión Europea. Nas nosas mobilizacións e propostas debemos incluír demandas de reforma do tratado actual, de creación dunha boa política fiscal europea, de conversión do Banco Central nun verdadeiro prestatario financeiro, de eliminación dos paraísos fiscais internos, dunha política económica que dea respostas ás necesidades desiguais de cada territorio... Unhas demandas que esixen, ademais, unha necesaria procura de aliados, de movementos que noutras partes esixan o mesmo e que axuden a neutralizar o que nos países do norte funcionou como mecanismo lexitimador das políticas actuais: a estendida convición de que os problemas da Unión, lonxe de ser froito dunha opción económica mala e clasista, o son da desidia e a ausencia de rigor dos habitantes da periferia.
A segunda presupón pensar algunha resposta se acabamos sendo expulsados do euro e padecemos un verdadeiro caos económico. Os nosos gobernantes -os que se van, os que veñen e os que seguen- demostraron abondosamente a súa impericia e a súa impudicia. Por isto hoxe é tan urxente que realicemos un exercicio de reflexión antiutópica que nos permita elaborar propostas no medio dunha situación caótica.
O banco malo e a débeda pública
Unha das posíbeis contrarreformas que xa puxo sobre a mesa o novo Goberno de Mariano Rajoy é a creación dun banco malo que absorbese os créditos inmobiliarios de dubidosa recuperación. A banca española leva tempo insistindo nesta proposta para superar a crise financeira. Dada a estreita conexión do PP cos intereses do sector bancario a proposta ten bastantes posibilidades de formar parte do paquete de reformas con que nos ameaza a nova maioría absoluta.
Desde o punto de vista da banca esta solución é perfecta. Por unha banda o banco malo permitiríalles sacar do seu balance activos improbábeis que os obrigan a efectuar provisións que ao final reducen a súa rendibilidade. Este banco sería “vendido” ao Estado. A compra financiaríase con títulos da débeda pública, co que os bancos transformarían os seus créditos de dubidoso cobro por títulos da débeda pública, o pagamento dos cales está garantido pola mesma Constitución española. Ademais pasarían a aumentar a súa posición de acredores do Estado e xa que logo verían reforzada a súa capacidade de “ditar” reformas ao sector público. Negocio redondo.
Dado que a exposición da banca ao crédito financeiro se situaba en xuño nos 176.000 millóns de Euros, a creación deste banco financiado con débeda significaría un elevado aumento da débeda pública e xa que logo unha reforzada exposición do país á esixencia de axustes. Ademais dun forte aumento da carga financeira sobre o orzamento público. Oporse á creación dun banco malo debe ser a primeira batalla polo tema da débeda. E unha boa oportunidade para denunciar o dobre trato aplicado ás débedas do sector financeiro e dos particulares que non poden pagar a hipoteca da súa vivenda. Aos que argumentan que non pode aprobarse a dación de pago porque afundiría á banca pódese obxectar a posibilidade de crear algún organismo público que os protexa.
Liquidez a escape
Na última semana de novembro o Banco Central Europeo e a Reserva Federal tiveron que aplicar unha nova inxección masiva de diñeiro para cubrir os problemas de liquidez da banca internacional. Unha operación que vén repetíndose con moita frecuencia desde a crise de Lehman Brothers. A xustificación pública é sempre a mesma, a de ofrecer fondos para que a banca poida seguir prestando diñeiro a empresas e particulares e non se colapse a economía real. Vista a situación que atravesan empresas e particulares non parece que até o momento estas inxeccións cubran o seu obxectivo.
É hora de esixir aos responsábeis da política monetaria que aclaren cales son os circuítos obturados que impiden que funcione o seu presunto circuíto virtuoso, por onde se perde a inxección de capital. É posíbel que unha parte se perda pola retirada de fondos de investimentos nerviosos que tratan de converter as súas posicións en activos monetarios noutros activos que consideran máis seguros (como o ouro). Pero é tamén plausíbel que gran parte dos desvíos teñan lugar nos complexos e especulativos mercados financeiros nos que a banca realiza unha parte importante da súa actividade. A calquera posuidor dun modesto plan de pensións resúltalle doado tomar conciencia da magnitude destes circuítos opacos: con preguntar ao banco onde está colocado o fondo, recibirá unha listaxe de fondos de investimento totalmente descoñecidos e de difícil control. A liberalización da banca produciu unha enorme expansión dos seus campos de acción e favoreceu que os circuítos do diñeiro se volvesen opacos e sinuosos. As inxeccións de liquidez, máis que trasladarse a créditos a un mundo real do que non se fían os banqueiros, parece destinado a salvar os bancos das súas dificultades financeiras e a facilitarlles a súa posibilidade de seguir xogando nos mercados financeiros que tantos problemas nos crean.
Non podemos máis que seguir esixindo dúas cuestións básicas: unha nova regulación do sistema financeiro que reduza o peso dos mercados especulativos e acoute e clarifique a actividade de cada institución financeira; e a creación dun verdadeiro sistema de banca pública que permita que realmente se realice o que prometen e non fan as inxeccións financeiras dos bancos centrais.
Sanidade pública, intereses mercantís e cohesión social
Hai tempo que a sanidade pública está na mira do capital. Non en balde o gasto sanitario constitúe unha importante partida económica, e xa que logo fonte potencial de negocio. A proba é que unha parte do gasto sanitario enche as arcas das empresas farmacéuticas e provedoras de equipamento sanitario, que adoitan atoparse entre os negocios máis rendíbeis do planeta. Non en balde tamén alí onde a xestión sanitaria privada está máis estendida, os EE.UU., o peso do negocio sanitario constitúe a partida máis importante do PIB, algo que ten pouco que ver co nivel de eficiencia do modelo sanitario se se toman como referencia indicadores de esperanza de vida ou de desigualdade no acceso á asistencia sanitaria.
Hai xa tempo que algunhas Comunidades Autónomas, especialmente Madrid e a Comunidade Valenciá, adoptaron un modelo de externalización da xestión sanitaria con efectos sobre o benestar da poboación e as condicións de traballo do persoal merecentes de ser avaliados. Hai uns meses unha avaliación da calidade dos sistemas sanitarios en base a 19 indicadores situou a ambas as comunidades na categoría de “deficientes” (xunto con Canarias e Galiza, sendo a Comunidade Valenciá a peor cualificada (El País, 2 setembro 2010)).
Tamén en Catalunya existiu desde sempre un sistema mixto de xestión sanitaria, en parte herdado do modelo sanitario anterior ao establecemento da seguridade social. Un sistema sanitario onde se combinan hospitais públicos cunha extensa rede de centros semipúblicos, en mans de padroados con presenza de institucións locais, Igrexa católica e grupos privados. CiU, no seu longo mandato na Comunidade, reforzou este modelo e deulle estrutura, algo bastante parecido ao dobre circuíto educativo. O Triparto foi incapaz de cambialo e aínda que incrementou o gasto sanitario tamén levou a cabo unha reforma estatutaria do Institut Català da Salut (o propietario da parte pública do sistema) que apostaba por unha xestión máis liberal. A escusa sempre é o alto e crecente custo sanitario e a necesidade de modernizar a xestión. Un alto custo que é difícil de argumentar cando se contrasta o gasto sanitario español co de países da UE (tanto en termos de PIB como de gasto per cápita), como o catalán respecto ao resto do Estado español (segundo o informe citado o gasto per cápita catalán só está 4 euros por riba do gasto medio e sitúase na metade da táboa).
O novo goberno de CiU, co ínclito conseller Boi Ruiz á cabeza, non dubidou con todo en lanzar unha auténtica cruzada en prol da demolición do sector público sanitario. A política de axuste orzamentario foi a escusa para iso. O peche de camas e quirófanos hospitalarios, de urxencias nos ambulatorios (especialmente grave en zonas semirrurais onde os hospitais están distantes) xeraron encabuxamento e sentimento de deterioración, Tras as eleccións, CiU séntese con músculo para seguir a súa política privatizadora, xa visíbel nun dos múltiples apartados da “lei omnibus” onde se contempla a posibilidade que os hospitais públicos aluguen a operadores privados as súas plantas pechadas e os seus quirófanos, que deixaron de operar pola tarde. Un agasallo ao sector privado que poderá ofrecer a quen teña diñeiro a alta calidade da asistencia pública sen ter que pasar polas incómodas (e polo menos democráticas) listas de espera. Agora proponse outra volta de parafuso, primeiro en forma dun novo copago por receita médica (como non se pode cambiar a realidade créase a neolinguaxe e chámaselle ticket moderador) e despois coa proposta do sempre contundente Boi Ruiz a favor de crear un seguro privado obrigatorio para a xente con recursos e deixar o servizo público para os pobres (aínda que ao paso que imos co paro e os recortes salariais a categoría “pobre” vai camiño de ser universal).
Non deixa de ser insólito que en Catalunya se defenda a xestión das mutuas privadas como unha mostra de eficiencia e bo facer cando no pasado a Generalitat dedicou importantes recursos ao salvamento de xestións erradas e fraudulentas (Hospital General de Catalunya, Mutua l’Aliança) e outras importantes institucións entraron en barrena (Agrupació Mútua) ou estiveron salferidas por importantes casos de corrupción (Mutua Universal). Se de algo pode presumir o sector privado catalán é de fracasos continuados de xestión.
A proposta, de ir para diante, significa bastante máis que unha simple privatización. Significa a ruptura do propio concepto de cidadanía e de solidariedade social por canto rompe o continuo entre os que poden pagar e os que non. Se o problema é simplemente financeiro, e suponse que hai unha parte da poboación con recursos, abondaría con subir os impostos a esta parte da poboación para cubrir o aumento do gasto. Propugnar un dobre circuíto é con todo optar por un modelo dual, un “de pagamento” (aínda que todo o mundo sabe que ao final as mutuas privadas practican todo tipo de discriminacións para reducir os seus custos) e outro para pobres. Unha nova oportunidade para fomentar unha cultura da insolidariedade e incultura fiscal das clases medias e un desprezo fronte aos pobres que se salvan do seguro privado.
Nun país con elevados índices de evasión fiscal, cunha elevada porcentaxe de poboación inmigrante pobre, este modelo é unha verdadeira invitación á iniquidade e a xenofobia. Ruiz non é só un privatizador senón un verdadeiro axente promotor da fragmentación social. Algo no que se mostra túzaro, pois xa antes de facer esta proposta atribuíu os problemas de saúde á xenética e os hábitos individuais (outra forma de mentalizar a poboación de que a xente enferma éo por culpa propia, de separar bos e malos cidadáns, aínda que entre os factores de malos hábitos nunca adoiten incluír o do uso intensivo dos vehículos que xeran contaminación e accidentes, nin o das malas condicións de traballo).
Boi Ruiz, o que representa, non é só un perigo para a sanidade senón tamén para o mesmo sentido de sociedade. Non só promove negocio senón tamén división social, clasismo. Non é por desgraza o único. Aí están tamén os responsábeis da sanidade galega de tirotear desactivando ilegalmente cartóns sanitarios a xente desamparada. Hai que lles parar os pés: está en xogo a nosa saúde e o noso sentido de sociedade.
[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, do 30 de novembro de 2011]