Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
26/2/2010
Escritor e responsábel técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Pauto co demo: Unha saída conxunta á crise?

Estes días repenican uns e outros, Monarca español incluído, acerca de procurar un pacto político e social que contribúa a que o Estado español saia da crise. Crise identificábel nos números cegos da macroeconomía mais que, sobre todo, é recoñecíbel nos pequenos números en que se move a clase traballadora, a cal se ve duramente golpeada polo desemprego galopante, a incerteza de conservar o posto de traballo e unha clamorosa mingua das súas condicións laborais e sociais.

O que pasa é que as receitas, tanto dun PSOE torpón e gobernante en Madrid como dun PP que afía a navalla dunhas eleccións xerais anticipadas (posibelmente ese será o seu leit motiv político tras o semestre de presidencia española da UE), que se están a deitar enriba da mesa son máis do mesmo, un auténtico déjà vu dos que confían cegamente nun sistema económico que se vén revelando tan fráxil como inxusto. Ese capitalismo predador e feroz que na súa versión neoliberal leva arrasando desde hai tres décadas, como un verdadeiro tsunami de cobiza capitalista, devastación de dereitos laborais e condena eterna para países enteiros e poboacións cada vez máis sumidas na pobreza.

Arrepía escoitar estes días os debates abertos na nosa sociedade, verbo de flexibilizar as (non pouco precarias) condicións de traballo, de ampliar a idade de xubilación ou de reducir considerabelmente o gasto social como únicas fórmulas posíbeis para saír da crise, por parte dos que invariabelmente veñen sostendo un modelo económico e social que baseaba todo na falta de regulación estatal e confiaba o seu futuro na exclusividade do deus mercado.

Aí as coincidencias dos grandes partidos estatais é tal que mesmo semella un insulto á intelixencia acreditar nunha demediada democracia bipartita, PP vs. PSOE, no Estado español, democracia trampulleira de alternancia pactada cos grandes poderes para que en realidade nada mude. Nese tristeiro acomodo, tamén transitan infelizmente os dous grandes sindicatos estatais, CCOO e UGT, que estes días simulan unha mobilización social na que hai lustros que non cren, como xeito de tentar que as súas bases organizadas non desconfíen en exceso dunhas cúpulas acomodadas. Cúpulas acomodadas que, entre outras cousas, veñen de asinar coa patronal española un novo acordo de contención salarial para os vindeiros anos, obviando por suposto calquera rego de participación dos traballadores e traballadoras nesta súa nefasta decisión.

Fronte a esta escenificación obscena das forzas políticas, patronais e sindicais maioritarias a nivel do Estado, o nacionalismo galego, o político e o sindical, só pode trazar un camiño diferente, rexeitando ser partícipe desta cerimonia da confusión que estes días andan a perpetrar as direccións políticas, sindicais e patronais españolas, mentres a clase traballadora permanece á intemperie, cargando máis unha vez sobre os ombros as consecuencias dunha crise, profundísima crise, que os traballadores e traballadoras maldito se provocaron e que, pola contra, sofren nas propias carnes día si, día tamén.

Que sexan outros os que pacten unha nova ofensa aos dereitos laborais e sociais da clase traballadora. Outros os que pretendan confundir o conxunto da sociedade do Estado español. Outros os que tropecen dúas veces coa mesma pedra, o do fracasado modelo neoliberal que se bate en retirada. Nós, non, seguros de que ademais existe a alternativa, e é posíbel, tanto como necesaria e urxente.

O próximo 10 de Marzo o sindicalismo nacionalista dirao na rúa, e alí saberemos estar os que sen lugar para as dúbidas ou os timoratismos avogamos por superar o actual estado de cousas, e que somos conscientes de que máis cedo que tarde este é un debate a enfrontar polo conxunto da sociedade, e que as respostas non poden estar só no vento.

 

[Galiza, 23 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com