Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
26/4/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Voto emigrante

Non é casual que os dous principais partidos manifesten resistencias a que se restrinxa o voto emigrante porque son os máis favorecidos, cuns resultados que superan en moito a porcentaxe que acadan no país, o que amosa a distorsión do sistema. Agora ben, que en moitos concellos sexan os non residentes os que poden decidir o goberno local non semella lóxico, xa que despois afecta só aos que moran na Galiza. Lembremos que un alcalde de Ponteareas, un concello que non é precisamente pequeno, tiña perdida a alcaldía e conseguiuna revalidar grazas ao voto emigrante.

Tampouco se pode ignorar que a maioría dos que votan no exterior xa non son emigrantes, senón que son descendentes, e que ambos teñen pouca información, especialmente os segundos. Mesmo dánse casos nos que os fillos e netos poden ter, se queren, varios pasaportes, e polo tanto votar, por exemplo, nas eleccións de Arxentina, Italia e Galiza (se nai e pai son galega e italiano). Non semella razoábel que eles podan decidir politicamente en varios lugares, e os que vivimos no país non teñamos uns dereitos recíprocos.

Ademais, xa hoxe non se garanten todos os dereitos aos emigrantes ou aos que adquiren a nacionalidade española (por magoa aínda non se admite a galega), por exemplo, non se lle asegura a sanidade, o ensino, os servizos sociais básicos, etc. Estes son dereitos que só se poden exercer cando se reside no territorio do Estado, hai daquela máis argumentos para que isto aconteza cun dereito que se considera fundamental e no que hai que garantir a transparencia e igualdade de oportunidades as persoas e partidos.

O que realmente lle preocupa aos descendentes dos nosos emigrantes, e polo que solicitan a nacionalidade (alentando o seu medre nas últimas décadas) é poder acceder sen ningún tipo de atrancos á residencia e ao mercado laboral, en caso de que decidan inmigrar á Unión Europea. É evidente que existe morriña nos emigrantes galegos (eu tamén a sentín), e un certo sentimento nos seus fillos e netos en relación con Galiza, porén son arxentinos, brasileiros, cubanos ou uruguaios (como podemos comprobar cando “retornan”). O mesmo sucede coa emigración en Europa, coa diferencia de que veñen máis de vacacións á Terra dos seus antergos, e a proximidade xeográfica.

A emigración masiva galega a América e Europa rematou, onde hoxe realmente é moi grande é no Estado español (máis de 400.000), e son os que coñecen mellor os problemas e as alternativas. Porén estes últimos son os únicos que non poden votar nas eleccións galegas. Estou dacordo co dereito de nacionalidade para os fillos e netos, mais exercer o voto debe estar condicionado a que residan no país, doutro xeito hai unha discriminación cos que viven en Galiza, e dáselle folgos a todo tipo de fraudes e manipulacións, que non se poden seguir consentindo.

[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 26 de abril de 2010]

cig.prensa@galizacig.com