Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
26/7/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Insaciábeis

Desde a chegada do neoliberalismo á política económica coa crise dos setenta -impulsado polos poderes económicos do mundo, con Thatcher e Reagan como valedores políticos, lexitimados por unha enorme cohorte de académicos, sobre todo economistas-, asistimos a un continuo ataque aos dereitos laborais, sociais e cívicos das poboacións dos países “desenvolvidos”.

 A crise actual, desde 2007 en diante, está facilitando un novo e moi potente ataque aos intereses destas poboacións (o que tampouco non é obstáculo a que se intensifique a explotación dos demais pobos do mundo globalizado).

  No Estado español, como noutros países da denominada periferia da UE, estes ataques estanse exercendo con inusitada virulencia. Toda unha serie de elementos coñecidos conduciron a altos niveis de endebedamento da economía, e sobre todo a unha débeda externa difícil de xestionar. Os mercados financeiros aos que se recorre, reforzados por institucións públicas internacionais (FMI, OCDE) e en particular pola propia Unión, impón esixencias crecentes ás economías debedoras, requirindo dos gobernos a realización de políticas que supón un durísimo ataque ás condicións de vida e dereitos cívicos e sociais.

 As medidas “de axuste” sucédense sen cesar. A xestión da crise foi desacertada e caótica en 2008 e 2009, pero é a partir de 2010 cando se intensifica o ataque. En febreiro emprendéronse novas medidas de austeridade, e a partir de maio produciuse un xiro drástico na política económica española para penetrar de cheo nun período de severidade: forte recorte orzamentario, reforma laboral e reforma das pensións, seguidas por outras parecidas de menor entidade en decembro.

 En 2011 estase acentuando esta orientación, a pesar de que o Acordo Social e Económico de febreiro foi totalmente superfluo. Supuxo pouco máis que reiterar a vontade de reformar as pensións e abrir a porta á reforma futura da negociación colectiva, xunto a pobres medidas para o emprego e baleiras retóricas sobre política industrial, enerxética e de innovación. Podémonos preguntar se o obxectivo real do acordo, composto só de medidas preexistentes e futuras, non era só mostrar o consenso entre Goberno e forzas sociais (con foto incluída) respecto da política que establecía o primeiro.

 A partir de marzo, a presión vén de instancias máis potentes e acentúase intensamente. A cambio do establecemento dun fondo de axuda financeira por se é necesario para rescatar os países, e a través principalmente do Pacto polo Euro, a UE decreta unha serie de medidas de envergadura que os países da zona euro terán que cumprir, supostamente para impulsar a competitividade, o emprego, a sustentabilidade das finanzas públicas, e reforzar a estabilidade financeira. Os aumentos salariais deberán seguir a pauta da produtividade e non actualizarse segundo o IPC; hai que afondar na flexiseguridade -léase precariedade laboral-; eliminar a economía mergullada; diminuír a tributación do traballo (dos máis ricos e as cotizacións sociais) e aumentar a fiscalidade indirecta (o IVE); “harmonizar” a fiscalidade do imposto de sociedades cun sistema que suporá a diminución na tributación das empresas transnacionais europeas; revisar a estabilidade do gasto público -léase diminuír- especialmente en saúde, educación e asistencia social; as xubilacións deberán demorarse até os 67 anos ou máis tarde segundo a esperanza de vida; os orzamentos públicos terán que cumprir o Pacto de Estabilidade e Crecemento de 1997 ou ser penalizados con multas do 0,2% do PIB (no Estado español uns 20.000 millóns de euros anuais); e, ademais, deben ser revisados pola UE antes de seren presentados aos parlamentos; etcétera, etcétera.

 O Estado español dáse présa en cumprir: Iberdrola xa logrou que os seus salarios se negocien en función da produtividade e Telefónica seguirá un complicado sistema mixto (produtividade e IPC); a lei sobre a economía mergullada xa se emitiu por Decreto-Lei; xa estaba aprobada a reforma das pensións; os recortes en sanidade, educación, asistencia social, e todo o gasto público son drásticos. Asistimos á continua implantación de políticas económicas severas e crueis coa maioría da poboación, que deterioran as condicións de vida en todas as súas facetas.

 Aínda hai aspectos máis graves. Un, que debido ao seu carácter fortemente recesivo estas medidas non serven para resolver a crise, senón que implican a deterioración da economía e, xa que logo, a perpetuación da crise por un longo período (Grecia sinala a evolución posíbel). E segundo, que as medidas negativas para a poboación non se terminan, senón que seguirán afondando nesta deterioración.

 A recente normativa sobre a negociación colectiva, que supón eliminar a forza desta, é un potente ataque ás condicións laborais do futuro; ademais, os grandes empresarios que rexen a orientación da política económica e os seus asesores, o gobernador do Banco de España e a UE, sinalan que as medidas de “austeridade” en curso teñen que se completar. Mesmo explicitan que hai que as finalizar antes de convocar eleccións. Este tipo de medidas non teñen límites, non se acaban nunca. Máis e máis do mesmo, insisten.

 O seu obxectivo de fondo non é outro máis que, coa escusa da crise da débeda, lograr diminuír de forma permanente o nivel de vida da poboación, facendo retroceder moitos anos os dereitos adquiridos con longas loitas para conseguir manter e aumentar os beneficios que o capital necesita. Non van parar se non os forzamos a iso. Son insaciábeis.

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 26 de xullo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com