
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
As mobilizacións e os paros no ensino público reflicten que os recortes decididos pola Xunta de Galiza no sector con seguridade afectarán negativamente a un servizo tan esencial. A dificultade para normalizar a situación é evidente, xa que os retallos foron tomados ao inicio do curso, sen practicamente escoitar e negociar cos profesores, pais e estudantes.
Unha actitude que amosa un autoritarismo propio dunha dereita cavernícola, por máis que agora empregue masivamente uns medios de comunicación en moitos casos submisos, e que maliciosamente se agoche baixo unha imaxe de modernidade e unha planificada representación escénica de seriedade.
As modificacións decididas pola Consellería de Educación significan que os centros de infantil e primaria terán 800 profesores menos, desaparecen 156 unidades e 14 escolas unitarias. Os sindicatos consideran que estes recortes atinxen a uns 2.000 empregos en total, sumándolle secundaria onde se espera unha mingua semellante. O retallo contempla a rebaixa dun 5% nos salarios e un 30% nas pagas extraordinarias. Asemade hai menos cartos para o mantemento, mellora e ampliación dos centros. No que respecta á formación do profesorado, algo directamente relacionado coa calidade do ensino, rebáixase nun 3%, cando o ano pasado xa tivo unha redución do 24%. No relativo aos libros de texto, os cartos adicados para a súa distribución gratuíta diminúen un 50%, que hai que sumar aos 25% do pasado curso (este é un tema que atinxe especialmente ás familias con baixos recursos).
Deste xeito a Xunta seica espera aforrar 60 millóns de euros. Pola contra amplíanse unidades no privado concertado, que xa recibe 250 millóns dos cartos públicos e ve ampliar programas complementares. Un dato importante, os sacrificios non son iguais. No ensino público retalla nun 6,77% mentres que o privado concertado faino nun 3,5%. Mesmo dáse o paradoxo de que nalgúns lugares péchanse as unidades públicas e ábrense privadas concertadas.
Outro dos aspectos máis afectados polos recortes é todo o relativo á lingua galega, xa que retallan nun 33,66% os recursos para o seu fomento (de 17,5 millóns a 11 millóns). Compre lembrar que no orzamento do pasado ano xa se reduciu nun 20%. É demostrativo do pouco interese pola lingua propia do país por parte da actual Xunta de Galiza, mentres non escatima recursos para promocionar o inglés (ignorando séculos de marxinación e persecución).
O argumento básico da Xunta é a necesidade de aforrar, por mor dos menores ingresos, polo que meteu tesoira alí onde lle parece máis convinte, malia que despois afirme que nunca vai retallar en educación e saúde, xa que son sagrados. Xa se sabe que o papel sosteno todo. Engade o Conselleiro, que estes retallos eran necesarios e que non van afectar a calidade do ensino. En resumo, que se van xestionar mellor os cartos públicos (se fora así, magoa que deixara pasar dous anos de mandato sen se decatar da eiva). Porén todo indica que o tema é máis complexo, e a retallada non vai precisamente en beneficio de ensinantes e estudantes.
A Consellería pon o acento no aumento das horas lectivas, mesturando a xornada laboral coa xornada de clases dos estudantes, que non se modifica. Considera aos profesores uns privilexiados, cando o número de horas lectivas é superior á media Europea. En realidade detrás de toda esta leria hai unha clara intención de degradar a calidade do ensino público, que sería dirixido só á clase traballadora, e deixar en mans privadas (especialmente da Igrexa) a formación dos futuros cadros ao servizo do sistema. Que se vai deteriorar a calidade do ensino parece evidente: menos medios humanos e recursos técnicos. Non se pode manter a calidade cando se pretende que os profesores dean materias nas que non están especializados, e cando ademais, elimínanse recursos para atender alumnos que necesitan atención especial.
Diante da actitude autoritaria da Xunta, que resta importancia á protesta dos profesores, cómpre salientar que todos os sindicatos do sector ¡todos!, calquera sexa a cor política máis próxima, e hai de todas as tendencias, opóñense a estas medidas neoliberais. Non o fan só porque significa un retroceso laboral, senón fundamentalmente porque afecta á calidade do ensino e son moitos postos de traballo perdidos. O argumento de que só protestan os liberados sindicais non se sostén despois da masiva manifestación do 8 de setembro en Compostela.
O debate de fondo é a importancia da educación, que teña carácter público e que non se fagan diferenzas entre os estudantes polos seus recursos ou calquera outro motivo. Hai opcións ideolóxicas que apostan por dous niveis claramente diferenciados, un ensino público gratuíto para as clases populares, e outro privado (con apoio público se fixera falla) onde se eduquen as elites. Estamos diante dunha visión mercantilista e clasista do ensino, que quere reducir o público a algo básico, mínimo. Non é unha visión nova, porén neste intre conta co arroupe da Xunta do PP. Quérese trasladar o neoliberalismo a todos os espazos da sociedade.
[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’, do 25 de setembro de 2011]