Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
27/1/2009
Escritor arxentino.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estados Unidos: Cambios?

O flamante presidente de EEUU afirmou no seu discurso inaugural que as cuestións de seguridade nacional non deben afectar a vixencia dos dereitos humanos. Ben dito. As súas primeiras medidas foron o "peche" da base de Guantánamo nun ano, a suspensión dos procesos iniciados por tribunais militares a algúns dos 245 detidos que alí seguen e a suspensión do réxime de torturas ao que foron sometidos. Ben feito, sobre todo o último.

Porén, os presos seguirán presos noutros campos de concentración que o Pentágono instalou xa en distintos países e Barack Obama (BO) non dispuxo que os seus casos pasen a tribunais civís, como demanda Amnistía Internacional. Estas decisións sen dúbida non interromperán o declive do máis que danado prestixio de EE.UU. no mundo.

Non parece que se vaia modificar a política exterior: a estratexia do novo mandatario non entraña o cesamento da guerra "antiterrorista" que a Casa Branca desatou, apenas un cambio de acento. Falou dunha retirada de Iraq "responsábel" e non reiterou a súa intención de facelo en 18 meses, anuncio de campaña electoral que lle trouxo moitos votos. Tampouco a mencionou despois da súa recente reunión cos xefes do Pentágono para tratar o asunto e os comentarios do xeneral Ray Odierno, comandante en xefe das tropas estadounidenses en Iraq, indican que se cadra Obama lle dá outro peso agora á palabra "responsábel" (www.mccclatchydc.com, 21-1-09). O xeneral sinalou que a retirada dependía das eleccións nacionais que levarán a cabo en Iraq a fin de ano. Imposíbel completala en 18 meses.

A idea, polo demais, non é sacar até o último home do país invadido. Máis ben non. Colin Kahl, importante asesor de Obama durante a campaña electoral, sinalou que EE.UU. debía manter en Iraq unha forza de 60.000 a 80.000 efectivos polo menos deica fins de 2010 (www.prorev.com, 4-4-08). O New York Times (13-12-08) subliñou a "aparente evolución" do mandatario afroamericano neste tema, só que non a houbo: BO sempre mencionou a necesidade de deixar unha "forza residual" en Iraq, aínda que nunca indicou a contía do "residuo". Se se cumprise a observación de Kahl, os mozos tardarán en volver aos seus fogares. Dito doutro xeito: a ocupación de Iraq seguirá.

O demócrata Obama, que votou contra a invasión a Iraq, reuniuse asiduamente ao longo dos últimos tres meses co seu vencido adversario republicano John McCain, que votou a favor, para lle solicitar asesoramento e opinión sobre as guerras en curso e sobre os futuros encargados da política exterior. McCain díxolles a varios colegas republicanos que "moitos deses nomeamentos fíxenos eu mesmo" (www.newsmax.com, 19-1-09). Non sorprende esa declaración: empezando pola actual secretaria de Estado, Hillary Clinton, e pasando polo reconfirmado xefe do Pentágono Robert Gates -outra herdanza de W. Bush-, o equipo que seleccionou BO neste delicadísimo eido está integrado por demócratas partidarios da guerra e non hai signos de que se volveran pacifistas.

É notorio que BO se comprometeu a aumentar o número de tropas norteamericanas en Afganistán: o Pentágono pediu o envío de 30.000 soldados máis nun lapso de 12 a 18 meses e Washington presiona á OTAN desde hai meses para que incremente tamén os seus efectivos nese país (Reuters, 20-1-09). Varios gobernos da Unión Europea amósanse remisos a aceptar a xentil invitación. Francia rexeitouna xa, Alemaña enfronta un ano electoral difícil, aínda que é posíbel que todo cambie logo da primeira reunión de Obama coas súas contrapartes europeas. Continuamos.

Obama reiterou na súa campaña que EE.UU. debe atacar as bases de Al Qaeda e dos talibáns en Paquistán con ou sen o consentimento do goberno paquistaní. "Se chegamos a ter información fiábel sobre obxectivos terroristas importantes –dixo- e o (entón) presidente Musharraf non actúa, actuaremos nós" (Reuters, 1-8-07). Cada tanto un avión non tripulado de EE.UU. deixa caer mísiles na zona de Paquistán lindeira con Afganistán. A pregunta chave é cal será a magnitude do ataque anunciado.

O mandatario xa en funcións chamou por teléfono ao presidente da Autoridade Palestina e ao primeiro ministro de Israel afirmando que non escatimará esforzos para desarmar un conflito que acaba de custar a vida de 1.300 palestinos, na súa maioría civís e sobre todo nenos. Pero se Obama insiste na demanda dunha "Xerusalén única" e capital de Israel -que formulou ante o poderoso lobby xudeu proisraelí que percorre infatigabelmente os corredores da Casa Branca e do Capitolio-, fracasará como Bill Clinton no cumio de Camp David do 2000. E verase que distancia media entre o seu discorrer de campaña e a realidade dos seus actos.

BO non preocupa a Tel Aviv. Como sinalou ao xornal israelí Yediot Ahronot o ex embaixador de Israel en Washington, Daniel Ayalon, "en canto ás relacións Israel/EE.UU., teño a impresión de que non haberá cambio ningún. Ao contrario: o mapa dos intereses estadounidenses non depende da identidade da persoa sentada na Casa Branca e EE.UU. seguirá tratando a Israel como un aliado leal" (www.ynetnews.com, 20-1-09). Ben clariño, non si?

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 25 de xaneiro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com