Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Ecuador: A paso firme avanza a Revolución Cidadá

O mandatario ecuatoriano Rafael Correa nos seus escasos dous anos e medio de goberno puxo a andar un novo proxecto de sociedade no que se privilexia a supremacía do traballo humano sobre o capital, a acción colectiva para o desenvolvemento, o papel preponderante do Estado na vida socioeconómica da nación, o respecto polo medio ambiente, os dereitos humanos, a xustiza social, e a procura pola real integración latinoamericana. Principios, todos estes, que fan parte do que en América Latina se coñece como Socialismo do Século XXI, que é un proceso en construción.

Definitivamente, como o propio presidente Rafael Correa oO veu sinalando desde que chegou ao poder hai dous anos e medio, o Ecuador está en plena “época de cambio”, na que por fin se enterrou a mafiosa “partitocracia”, a negra noite neoliberal e os líderes de barro, para avanzar cara a un modelo político solidario, democrático e incluínte.

O novo triunfo electoral de Correa o pasado 26 de abril constitúe un fito no proceso político deste pequeno país andino de algo máis de 12 millóns de habitantes. Por primeira vez despois de 30 anos de que nesta nación se reinstaurou o xogo democrático, un mandatario é elixido na primeira volta electoral. E por primeira vez, tamén, inaugúrase un proceso político que está antecedido por un cambio substancial tanto no institucional como na correlación de forzas, grazas ao impulso dunha nova Constitución liderado polo goberno do Movemento Alianza País.

As últimas tres décadas para o Ecuador foron de frustración e desesperanza, logo de que uns partidos corruptos de dereita utilizaron o poder como botín para saquear o Estado, consolidar unhas camarillas lideradas polos banqueiros, acabar coa soberanía monetaria, adoptando como moeda oficial o dólar, e manter o país en permanente crise institucional.

Proceso de transformación

O ascenso ao poder de Correa significou para os ecuatorianos iniciar unha etapa de transformación política e socioeconómica no seu atormentado devir histórico dado que é a primeira vez, en décadas, que un mandatario conta cun verdadeiro proxecto de país, sustentado en equidade social, renovación institucional e soberanía nacional.

Este proxecto político comezou a plasmarse hai dous anos e medio cando Correa chegou ao Palacio de Carondelet a enfrontarse coa mafia “partitocrática” de dereita que dominaba todos os poderes públicos, os especuladores financeiros que manteñen aínda os grandes medios de comunicación e os sectores máis podentes da sociedade ecuatoriana que se beneficiaron en grao superlativo do modelo neoliberal.

A loita deste mandatario foi teimuda. Iniciouse facendo realidade unha das súas principais ofertas de campaña consistente na convocatoria dunha Asemblea Constituínte para o que debeu enfrontarse co Congreso Nacional que estaba dominado polos sectores tradicionais. Derrubado ese primeiro obstáculo, convocou a eleccións para escoller os membros da devandita asemblea que redactarían o novo estatuto constitucional. Ese foi un primeiro avance considerábel porque os aliados do goberno obtiveron un resultado exitoso. E veu despois a consolidación do proceso transformador cando en referendo foi aprobada a nova Constitución por algo máis do 64% dos electores.

Enterro de terceira

Co novo marco constitucional fíxose necesario renovar todas as instancias de poder no Ecuador e por iso convocaron eleccións xerais, nas cales Correa non só logrou outro contundente triunfo e maioría absoluta na Asemblea Lexislativa que lle permitirá desenvolver sen traumatismos o seu programa de goberno, senón que, ademais, se deu enterro de terceira aos cadáveres insepultos da corrupta “partitocracia”.

En efecto, os ecuatorianos de forma abafadora déronlles as costas aos líderes responsábeis do desafortunado pasado desa nación andina.. O desprestixiado ex presidente Lucio Gutiérrez, quen fora defenestrado por actos de corrupción e por traizoar o seu electorado ao terse aliado co goberno norteamericano de Bush e co ultraconservador mandatario colombiano Álvaro Uribe, mantendo o modelo neoliberal e apoiando decididamente o malfadado Plan Colombia. O magnate bananeiro Álvaro Noboa Pontón, quen por catro veces consecutivas buscou chegar á Presidencia para converter o Ecuador nunha “banana republic” e nun paraíso fiscal para beneficio dos seus desmedidos intereses persoais e empresariais. Martha Roldós Bucaram, sobriña tanto do excéntrico ex presidente Abdalá Bucaram como do ex dirixente político León Roldós, avogado dos inescrupulosos banqueiros, quen ía de líder de esquerda, cando todos no país saben da catadura ética do seu clan familiar que tivo un protagonismo nefasto na política ecuatoriana do último medio século.

Cara ao Socialismo do Século XXI

Grazas ao liderado de Correa, no Ecuador constituír unha forza política que é o Movemento Alianza País, que á súa vez, logrou xerar unha forza social co cal cambiou as correlacións de poder nese país.

Deste xeito, o mandatario ecuatoriano nos seus escasos dous anos e medio de goberno puxo a andar un novo proxecto de sociedade no que se privilexia a supremacía do traballo humano sobre o capital, a acción colectiva para o desenvolvemento, o papel preponderante do Estado na vida socioeconómica da nación, o respecto polo medio ambiente, os dereitos humanos, a xustiza social, e a procura pola real integración latinoamericana. Principios, todos estes, que fan parte do que en América Latina se coñece como Socialismo do Século XXI, que é un proceso en construción. O anterior traduciuse nun amplo paquete de axudas económicas para que os menos favorecidos poidan ter acceso á vivenda, á compra de material escolar e uniformes. Así mesmo o goberno ecuatoriano impuxo a gratuidade dos servizos de saúde e en só dous anos multiplicou por oito o gasto público. Igualmente, esixiu ás compañías petroleiras que paguen máis impostos e negouse a renovar a concesión ao goberno norteamericano para continuar coa base militar de Manta. Os gobernos progresistas desta América mestiza como Venezuela, Bolivia e Ecuador, malia as súas diferenzas, teñen tres coincidencias fundamentais: a loita pola igualdade social enterrando o criminal modelo neoliberal, a democratización política e a soberanía nacional.

Así como ao amencer do século XX un gran visionario e patriota como Eloy Alfaro foi o protagonista da revolución liberal, agora, cen anos despois, Rafael Correa Delgado, asumiu o liderado para facer realidade a que denominou “Revolución Cidadá”.

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 27 de abril de 2009]

cig.prensa@galizacig.com