Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
27/7/2012

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Galiza en New York.

Emigrar (non) é marabilloso

Placa recordatoria (Xurxo Martiz. CIG-Migración).

Hai xa uns anos en Carballo, escoitei unha eurodeputada galega que se dirixía a inmigrantes uruguaios e retornados, asegurándolles que coñecía os seus problemas porque ela tamén era «emigrante» (en Bruxelas). Lembro que moitos dos presentes ollaron uns para os outros.

 Non todos os españois que están no estranxeiro son emigrantes. Os responsábeis políticos e administrativos do Estado español aínda non o saben ou non o queren saber. Son terríbeis as malpocadas piruetas dialécticas que viaxados responsábeis políticos e administrativos dan á hora de falar da emigración. Á anterior secretaria de Estado de Inmigración co goberno socialista, Anna Terrón, escoiteille dicir que non había que dramatizar co tema da emigración, pois non era máis que unha mellora no persoal e unha procura de oportunidades. A propia Terrón é un bo exemplo do que non é un emigrante, malia residir no estranxeiro desde 1994 até 2009, ano en que abandonou as súas diversas responsabilidades en Europa, para ocupar o posto no Ministerio. Nunha entrevista Pilar Pin, anterior responsábel da Dirección General de la Ciudadanía Española en el Exterior, aseguraba outro tanto: «...y discrepa sobre el debate que está planteado en la sociedad de considerar emigrantes a esos profesionales cualificados que se marchan fuera en busca de empleo».

 Eu tamén discrepo, con Terrón e con Pin e con moitos «notébeis» da Administración, porque non se me ocorrería nunca pensar (e moito menos aos verdadeiros emigrantes) que todos os españois que están no estranxeiro son emigrantes. A lista dos «non emigrantes» é cumprida: eurodeputados, persoal diplomático, membros de ONG, deportistas de elite (Guti, Torres, Silva...), artistas (Nacho Duato, Alejandro Sanz, Bardem...), cardeais no Vaticano, lectores en universidades estranxeiras, profesores do Instituto Cervantes, soldados en misións «humanitarias», científicos e inclasificábeis (Valentín Fuster, Julio Iglesias, Sara Carbonero na televisión mexicana, Manolo Otero no Brasil...) e descendentes de galegos e españois, fillos e netos, que adquiriron a cidadanía española sen ter pisado o Estado español (nalgúns países máis do 90% dos censados, como Cuba).

 Unha das principais distorsións do tema migratorio é consideralo como unha opción individual, unha terapia de coaching ou un empurronciño de autoaxuda.  Como se as persoas non tivesen raíces culturais, afectivas, familiares, olfativas ou gustativas, ou como se isto fose unha partida na que sempre se gaña, sen pensar o que representa de perda para o país que non pode contar coa súa poboación. Si dá o mesmo marchar a Bruxelas cun marabilloso salario de eurodeputado (ou de calquera actividade das anteriormente citadas), pero non dá o mesmo marchar cun título (ou sen el) fregar pratos a Londres ou Bruxelas. Aquí está o segundo arrepío, semella que a única xeración preparada de Europa é a española que, cando emigra, están a agardar por ela.

 A diferenza entre emigrar e non emigrar reside na imperiosidade de facelo. Os xubilados europeos da Costa del Sol non son emigrantes no Estado español, senón estranxeiros. Ningunha necesidade vital os trouxo aquí, nin renunciaron a nada, todo o contrario.

 A historia de Galiza reflicte ese drama. Hoxe o fillo e o neto do obreiro, do pescador, do emigrante e do labrego teñen títulos universitarios e van tomando conciencia da súa clase ao ter que emigrar, porque os fillos e netos de outra clase non emigran, son «trasladados» a unha sucursal ou «toman posesión do cargo» no estranxeiro.

 En 1900 os suízos facían cola para poder emigrar ao Uruguai ou á Arxentina. Cóntanme os rapaces, peóns e albaneis emigrados da Costa da Morte, que adoitan ver, en grupos de dous ou tres, rapaces galegos deambulando na procura de traballo nas obras e durmindo nos coches en Suíza. Por que non se fala dese 80% da emigración?

 

 

[A Coruña, 26 de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com