
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
Venezuela non é unha ditadura nin o seu presidente Hugo Chávez un ditador. Á espera dos resultados das eleccións lexislativas do 26 de setembro, é máis que probábel que o partido da revolución, Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) baixe en número de votos e, polo tanto, en número de deputados.
Isto xa estaba previsto porque nas últimas eleccións lexislativas a oposición venezuelana, aconsellada pola CIA, decidiu non presentarse ás eleccións coa idea de deslexitimar unha Asemblea e unhas leis que non podían confrontar nas urnas.
Os ditadores e os seus partidos non baixan en votos nin teñen oposición. Os principais medios de comunicación do Estado español, incluíndo o “progresista” Público farán lecturas equivocadas, nesgadas e malintencionadas do que foi este proceso limpo e democrático. Algúns medios e “entendidos” asegurarán que con menos votos que a oposición, terá maioría na Asemblea nacional venezuelana e que, xa que logo, o goberno revolucionario bolivariano fixo unha lei electoral que o favorecía electoralmente.
Este tipo de “acusacións” son aínda máis ferintes cando veñen dun sistema político e electoral coma o do Estado español, en que os dous partidos maioritarios, PSOE e PP, argallaron de tal maneira que agrupacións políticas como IU, cun millón de votos, a penas pode ter un deputado.
Falar do que vale un voto dun coruñés ou dun ourensán para a representatividade parlamentar galega sería aínda máis aldraxante e escandaloso, resultado dunha reforma que fixo no seu momento o PP galego para asegurarse que os votos carretados dos caciques de Lugo e Ourense tivesen máis peso que os de A Coruña ou Pontevedra.
Venezuela demostrou unha vez máis ante o mundo que sempre foi unha democracia e que o seu presidente e os deputados revolucionarios do PSUV son libres e democraticamente elixidos polo pobo. Daquela, sen lugar a dúbidas, a revolución gañou nestas eleccións.
[A Coruña, 27 de setembro de 2010]