Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
27/9/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Existe loita de clases?

No Estado español mentres que os ingresos ao Estado derivados da gravación ás rendas do traballo foron aumentando desde 2006 (pasando de representar 430.428 millóns de euros en 2006 a 494.431 millóns de euros en 2010), as derivadas do capital descenderon considerabelmente, pasando de 75.027 millóns de euros a 53.455 millóns de euros, e iso en gran parte, como consecuencia das baixadas de impostos, sobre todo ás rendas superiores e do Imposto de Sociedades.

 Warren Buffet é un dos ricos máis superricos de EEUU e do mundo. Caracterízase por ser intelixente, por coñecer moi ben a realidade que o arrodea e por falar moi claro, frecuentemente en contra da clase social á que pertence. É, como The Wall Street Journal o define, un “traidor á súa clase”. Entre as súas declaracións, a máis citada polos non ricos é aquela en a que indicou que, en contra daqueles que cren que xa non hai clases sociais en EEUU (e que, polo tanto, asumen que o concepto de loita de clases é anticuado e irrelevante), a realidade que el coñece é que si que hai clases sociais e que tamén existe unha loita entre elas na que a súa clase -os superricos- gaña cada día á conta dos intereses da maioría da poboación, que consegue as súas rendas a partir do traballo en lugar do capital.

 Tal señor escribiu recentemente un artigo en The New York Times, “Stop Coddling the Super-Rich” (Xa está ben de consentir aos superricos”, 15-08-11), no que explicaba os impostos que el paga comparándoos cos que pagan os empregados da súa compañía (el é un investidor financeiro). Salienta que pagou este ano en impostos 6.938.744 dólares, o cal, sinala, é unha cifra máis que respectábel. Pero tal cantidade é menos do 17% dos seus ingresos anuais, unha porcentaxe moito menor que o dos seus empregados, cuxa porcentaxe varía desde o 33% ao 41%, cunha media (dos empregados do seu despacho) dun 36%. Considera, con razón, que iso non é xusto. E subliña que os superricos non están contribuíndo ao sacrificio xeral que o Goberno federal de EEUU está pedindo de todos os cidadáns para saír da crise. A ningún dos superricos se lles pediu mesmo recentemente que faga ningún sacrificio, e iso a pesar de que -tal como sinala Buffet- a crise foilles moi ben aos superricos.

 E como pode ser que paguen moito menos en impostos que a clase traballadora e que as clases medias? Buffet dio claramente. A maioría da súa renda deriva dos beneficios que consegue dos seus investimentos (a maioría investimentos financeiros). É dicir, é diñeiro do que antes se chamaba o capital financeiro. Subliña Buffet que os impostos sobre as rendas do capital (como o Imposto de Sociedades) gravan moito menos que as rendas do traballo, o que lle parece unha profunda inxustiza. Segundo el, todas as rendas, tanto as derivadas do capital como as derivadas do traballo, deberían gravarse por igual, sen privilexios (como ocorre agora) ás rendas do capital, que se gravan moito menos. En realidade, non só gravan menos, senón que mesmo foron descendendo máis e máis, baixo o argumento de que diminuír tales impostos ao capital facilita a creación de postos de traballo. A sabedoría convencional no coñecemento económico -que, en xeral, está orientado a favor das rendas do capital- promove políticas que favorecen estas últimas á conta das rendas do traballo, argumentando que é necesario incentivalas para conseguir máis investimento e máis emprego. Pero, como Buffet sinala no seu artigo en The New York Times, os ingresos derivados do capital creceron astronomicamente para os superricos, á vez que os impostos sobre tales rendas foron diminuíndo e, porén, a creación de postos de traballo en EEUU foi menor que antes (de 1950 a 1980) cando as rendas do capital se gravaban moito máis que agora.

 En realidade, as políticas fiscais que definen quen paga impostos e en que cantidade non veñen definidas por factores económicos, senón por factores políticos, o cal quere dicir polo poder e influencia que distintos colectivos de persoas teñen nas nosas sociedades sobre as institucións políticas (e mediáticas). E destes colectivos, os ricos e superricos (o que adoitaba chamarse a clase capitalista ou burguesa, termos hoxe abandonados por seren considerados anticuados) son os máis influentes. O feito de que non se fale de clases sociais e loita de clases no Estado español débese precisamente ao seu enorme poder sobre as institucións políticas e mediáticas. Como consecuencia, a versión convencional da estrutura social dos nosos países afirma que as clases sociais basicamente desapareceron, posto que a maioría de cidadáns pertence á clase media, aceptando que por riba están os ricos -a clase alta- e por baixo os pobres -a clase baixa-. Polo demais, falar de clase capitalista ou burguesía, pequena burguesía, clase media e clase traballadora (a maioría da poboación) considérase ser moi anticuado. As ciencias sociais, con todo, son ciencias. E a clase social é unha categoría científica. E en ciencia non debe confundirse antigo con anticuado. A lei da gravidade é moi antiga, pero non é anticuada. Se o dubida, bótese dun cuarto piso e verao. E isto é o que está ocorrendo a gran parte das esquerdas gobernantes. Están saltando do cuarto piso e están caendo en picado.

 O famoso dito do presidente Zapatero de que “baixar impostos é de esquerdas”, continuando unhas políticas iniciadas no Estados español polo Partido Popular, favoreceu enormemente á clase capitalista (é dicir, aquel colectivo que deriva as súas rendas do capital), que como ben di Buffet, existe. E os datos da Axencia Tributaria española así o documentan. Mentres que os ingresos ao Estado derivados da gravación ás rendas do traballo foron aumentando desde 2006 (pasando de representar 430.428 millóns de euros en 2006 a 494.431 millóns de euros en 2010), as derivadas do capital descenderon considerabelmente, pasando de 75.027 millóns de euros a 53.455 millóns de euros, e iso en gran parte, como consecuencia das baixadas de impostos, sobre todo ás rendas superiores e do Imposto de Sociedades. Onde está a versión española de Buffet?

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 22 de setembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com