Fai 75 anos, que Don Modesto López Teixeiro era sacado da Prisión Provincial de Ourense para ser “paseado”. O seu delito ser un dos dirixentes do Sindicato da Banca durante a república.
O 30 de xullo do 1936 Modesto López Teixeiro era detido no Hotel La Bilbaína de Ourense, despois de ter chamado aos traballadores e traballadoras da banca a unha folga xeral para defender o réxime vixente nos primeiros días do alzamento militar feixista.
Abríuselle un proceso militar, no mes de agosto do 1937, durante o proceso a Comisaría de Investigación e Vixilancia remitiu un informe no que se afirmaba que o detido “significouse sempre e dun modo ostensible coma comunista (…) en reunións do sindicato de banca e cando se trataba de prestar solidariedade para propostas de folga era un dos que con maior tesón apoiaban aos que dirixían á clase traballadora”. (…) é un elemento perigoso, toda que é un suxeito de talento e pon este ao servizo de ideais que non perseguen mais que sementar xenreira e a destrución”.
Coma noutros casos, non houbo resolución e o 27 de setembro do 1937 Modesto López Teixeiro que estaba preso na Prisión Provincial de Ourense foi entregado a forza de seguridade para ser trasladado a outra prisión, “opoñendo resistencia ao saír”, un eufemismo para xustificar o seu asasinato.
O compañeiro Modesto, que segundo “Ben-Cho-Sey” fora colaborador da revista nacionalista “Nos”, foi vilmente asasinado sendo un dos milleiros de desaparecidos.
O seu non foi un caso illado, o 16 de agosto do 1936 foi asasinado Manuel Fuentes Canal, traballador do Hispano Americano en Ourense. Outros moitos traballadores e traballadoras coma no caso do Banco Pastor foron obxecto de persecución, dos 115 empregados/as da Central da Coruña, 77 foron considerados sospeitosos, coma outros 15 da rede de oficinas. Finalmente a Dirección do banco sancionou a 51 e despediu a 6. E non podemos esquecer o asasinato do fundador da Caixa Pontevedra e colaborador na fundación de Caixa Ourense, Don Alexandre Bóveda.
É xusto que colaboremos á recuperación da memoria histórica e que fagamos unha lembranza de cada unha daquelas persoas.
É por iso que cando se cumpren 75 anos do asasinato de Modesto López Teixeiro, é de xustiza que os seus compañeiros e compañeiras teñamos unha xusta lembranza para un home bo, acusado do delito de defender aos traballadores e traballadoras da banca.
[Galiza, 27 de setembro de 2012]