A novena edición do Foro Social Mundial (FSM) comezou onte en Belem do Parà cunha marcha multitudinaria e colorista contra a guerra, que percorreu as principais rúas da cidade cunha forte mensaxe contra o armamentismo, o neoliberalismo e o arrequecemento global.
A marcha estivo encabezada polas cores africanas da oitava edición do FSM que se realizou en 2007 en Quenia e que, con este simbólico acto, devolvía a testemuña a Brasil, país onde naceu en 2001 este movemento.
Entre as 5.176 delegacións, representantes de 150 países, na manifestación atopábase presente a delegación vasca integrada por Herriak Aske, LAB, a esquerda abertzale e Askapena, que durante esta semana traballará para que Euskal Herria teña o seu lugar na carpa do «Dereito colectivo dos pobos e nacións do Estado», un dos trece espazos do FSM e unha das novidades desta edición.
Amplo programa
Difícil vai ser para calquera que desexe seguir o Foro achegarse ás 2.400 actividades que compón o programa oficial, no que está máis presente que nunca a mensaxe ecoloxista.
A xornada de hoxe estará dedicada á cuestión amazónica, baixo o lema «500 anos de resistencia, conquistas e perspectivas afro-indíxena e popular», co obxectivo de integrar na axenda mundial a loita dos pobos indíxenas por un novo modelo de desenvolvemento máis sustentábel. A elección do tema responde ao desexo do Consello Internacional de que, ademais de coller este encontro, a Amazonia sexa tamén o seu protagonista.
Así, moitos dos debates estarán centrados na dramática realidade dos indios, habitantes orixinarios da Amazonía e marxinados no seu propio hábitat pola acción depredadora das grandes empresas.
A Amazonia é unha rexión administrada por Bolivia, Perú, Venezuela, Colombia, Ecuador, Brasil, Guaiana, Guaiana Francesa e Surinam, que alberga a maior biodiversidade do planeta. No seu seo existe un forte movemento social estruturado ao redor dos múltiples pobos que o habitan, ademais do movemento brasileiro dos «Sem Terra», moi radical na súa política de ocupacións.
Ambos converxen na esixencia doutro modelo de desenvolvemento e son moi críticos coa política que desenvolve, neste sentido, o Goberno brasileiro de Luiz Inàcio Lula da Silva, principalmente en materia de biocombustíbeis.
Ademais, este ano, o FSM fixo unha aposta pola descentralización. Consciente das dificultades de acceso que presenta Belem do Parà propuxeron que os foros locais organicen tamén as súas propias actividades paralelas. O territorio virtual Open FSM, en internet, permite interrelacionalas coas experiencias de Belem.
Debate de presidentes
Unha proba do referente mundial en que se converteu FSM é a presenza mañá en Belem do Parà de cinco presidentes latinoamericanos. Evo Morales (Bolivia), Hugo Chávez (Venezuela), Rafael Correa (Ecuador) e Fernando Lugo (Paraguai) aceptaron a invitación de Lula da Silva (Brasil) de acudir ao FSM para debater, fronte á sociedade civil, sobre Latinoamérica e os seus rumbos e asuntos máis globais, como a guerra e a crise do capitalismo, no que se espera participen ao redor de 8.000 persoas.
As relacións entre os gobernos e a sociedade civil nun continente en pleno cambio como é Latinoamérica é, precisamente, un dos aspectos centrais desta edición do FSM. Varios dos presidentes que se achegarán a Brasil estiveron xa presentes como activistas en foros precedentes. Un sector do Foro estima que as ideas que propugna este axudaron á elección destes mandatarios e que se debe aproveitar esta oportunidade histórica para que os movementos sociais condicionen a axenda oficial dos gobernos.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 28 de xaneiro de 2008]