Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/10/2010
Director da publicación con sede en París Le Monde Diplomatique.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O espertar de Francia

Francia non coñecía manifestacións desta magnitude desde hai corenta anos. A personalidade de Nicolas Sarkozy, a súa fachenda, o seu desexo de esmagar o «adversario», conseguiron que unha gran fronte se axunte contra el.

Porén, a onda e as multitudes non se orixinaron polos antollos dun home. Responden á elección dunha civilización inxusta levada a cabo, coa escusa da crise financeira, polos gobernos europeos cuxo abano de partidos vai desde a dereita sen complexos até a esquerda que capitulou. En Italia Berlusconi non fai nin máis nin menos que os socialistas Georges Papandreu en Grecia ou José Luís Rodríguez Zapatero en España. Todos poñen en perigo os servizos públicos e a seguridade social. Todos, para compracer ás axencias de cualificación, pretenden facer que paguen os traballadores o que custou ao país o saqueo perpetrado polos bancos, os cales continúan gañando preservados de calquera obriga de mostrárense «valentes» e solidarios coas xeracións futuras.

Non é «a rúa» a que se revolta, é o pobo francés o que sae a escena. Ningunha lexitimidade dos gobernos pode oporse á súa protesta. A Asemblea Nacional elixiuse tras unha campaña presidencial durante a que Nicolas Sarkozy escondeu as súas intencións relativas a unha reforma das pensións presentada despois como a «marca» do seu quinquenio. «O dereito á xubilación aos 60 anos debe permanecer», proclamou catro meses antes da súa elección. Un ano despois, referíndose a un eventual adiamento dese dereito, o novo presidente da República insistía «Non o farei (...). Comprometinme cos franceses. Non teño potestade para facelo. E isto é importante para min».

Gobernados xa por un tratado constitucional europeo rexeitado masivamente por referendo e que os elixidos de dereita (apoiados por algúns socialistas) impuxeron por vía parlamentaria, os franceses maniféstanse tamén contra o autoritarismo despectivo do poder. Os mozos decatáronse do que lles vén enriba.

A medida que o capitalismo encadea as crises, endurece a súa lóxica. Para se manter, primeiro ten que se afundir a sociedade: avaliacións permanentes, competencia entre os traballadores, desgaste do traballo. A última entrega do «informe Attali» xa recomenda a conxelación do soldo dos funcionarios deica 2013, a transferencia aos pacientes dunha parte da carga económica das enfermidades de longa duración (cancro, diabetes), aumento do IVE, todo, por suposto, mantendo o «escudo fiscal». «Temos ante nós dez anos de rigor», vaticinou con resaibo o ex conselleiro especial de François Miterrand, que fixo fincapé no rigor do aforro.

O pasado 7 de outubro un manifestante estudante de secundaria explicaba o sentido da súa loita: «Primeiro é o ensino, a escola. Despois o traballo, o máis duro. E despois a xubilación, a recompensa. Se nos rouban a recompensa, que nos queda?» Os liberais ironizan sobre eses mozos estrañamente preocupados pola súa xubilación. Non se decatan desa ansiedade acusadora das políticas que levaron a cabo desde hai trinta anos e que están desembocando nun futuro sen esperanza.

As manifestacións e as folgas son o mellor modo de reverter ese destino.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 28 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com