Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A vagarosa agonía grega

Grecia está nun punto no que debe decidir se prefire unha morte vagarosa no seo do euro ou unha operación cirúrxica rápida que lle permita recuperar a saúde logo dun período de convalecencia que sempre será inferior á duración da agonía que tan xenerosamente ofrece a troika.

 O domingo reuníase en Bruxelas o Consello Europeo para non chegar a máis conclusión para resolver a crise da eurozona que aquela que vén reiterando como unha ladaína para evitar enfrontar a súa responsabilidade como instancia de goberno colexiada da Unión Monetaria: os países periféricos deben seguir profundando os seus plans de axuste. Punto e final.

 Porén, mentres isto ocorría, a propia troika (BCE, a Comisión Europa e o FMI) comezaba a dubidar de se a dose desa menciña que se aplicou no caso grego, e que recomendou a todos por igual con independencia de cal sexa a enfermidade, non sería excesiva (porque, por suposto, cuestionar a posibilidade de que a menciña non fose a adecuada é absolutamente impensábel).

 En efecto, nun documento confidencial da troika de hai uns días procedíase a unha revisión das previsións sobre o escenario ao que se enfrontará a economía grega durante os próximos anos coa intención de anticipar cales poden ser as consecuencias das desviacións desas previsións sobre a “sustentabilidade” da débeda grega.

 Unha revisión que, doutra banda, parte do recoñecemento explícito de que a situación en Grecia empeorou moito máis do previsto en anteriores avaliacións como consecuencia das medidas de axuste impostas pola troika. A pesar diso, non se realiza ningún indicio de autocrítica respecto diso e o documento limítase a recoñecer que os efectos do axuste, en lugar de producir un incremento positivo nos niveis de produtividade como se agardaba (!), están resultando nunha profundación da recesión como consecuencia do proceso de deflación de prezos e salarios que está tendo lugar.

 Dito o cal, e evidentemente sen o menor indicio de proposta de cambio do receitario tendo en conta de que se aplicou até o momento non só está matando o enfermo senón que nin sequera garante o que tanto lles preocupa, a sustentabilidade da débeda pública, pasan a reavaliar o escenario para ver que tería que facer Grecia para conseguir o devandito obxectivo.

 O escenario que se ofrece entón é dantesco a pouco que un pense que detrás das cifras do informe se está implicitamente falando do benestar, o emprego ou a saúde de millóns de persoas, a pesar que non se realice nin a máis mínima mención a ningunha desas cuestións no documento. Parece que Grecia fose un país sen cidadáns, sen habitantes, un país de ruínas arruinado do que fuxise toda vida humana.

 De entrada, e tras atribuír a responsabilidade á falta de celeridade na aplicación das reformas por parte do goberno grego, o informe afirma que o PIB caerá en 2011 nun 5,5% e nun 3% en 2012, non esperándose un leve crecemento dun 1,25% até 2013-2014 e, se as reformas teñen o efecto esperado sobre o crecemento (algo que pode ser moi discutíbel dado que, por exemplo, os ingresos esperados das privatizacións a acometer entre 2010 e 2020 se sobreestimaron, segundo os novos cálculos, en máis de 20 mil millóns de euros), este sería algo superior ao 2,5% entre 2015-2020. Unha vez esgotados os efectos desas reformas e privatizado todo o privatizábel, espérase que a economía grega creza a unha media anual do 1,6% entre 2021 e 2030.

 O preocupante non é só o raquítico crecemento esperado da economía helena senón que, ademais e novamente coa única preocupación en mente de asegurar a “sustentabilidade” da súa débeda, ese escaso crecemento deberá compatibilizarse con superávit primarios nas contas públicas superiores ao 4% do PIB até 2025.

 Entre tanto, o acceso de Grecia ao financiamento nos mercados estará vedada porque desde a troika se entende arbitrariamente (como explicitamente se sinala no documento) que os mercados se negarán a prestarlle fondos en tanto non consigan tres anos consecutivos de crecemento, tres anos de superávit primario por riba do 4% e a condición de que o nivel da débeda pública caia por baixo do 150%. Por que estas condicións? Ninguén o sabe. Iso si, prevese que iso non ocorra antes de 2021. Entre tanto, as súas necesidades de financiamento ascenderán, en condicións “normais” a máis de 252.000 millóns de euros que necesariamente deberán ser achegados desde o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira.

 O máis grave é que, malia todos eses esforzos, calquera desviación das estimacións da troika como produto de erros nos seus cálculos ou de impactos negativos sobre a economía grega durante algún momento dese longo período se traduciría en que a débeda se faría “insostíbel”. E o cinismo chega á súa máxima expresión cando entre os posíbeis impactos negativos considérase a posibilidade dunha profundación da recesión que o plan de axuste da propia troika está impondo e que, no seu caso, elevaría as necesidades de financiamento ata os 450.000 millóns de euros.

 Iso a condición de que non se produza unha negociación cos acredores privadores de maneira que estes se aveñan a unha quita sobre os bonos gregos de en torno ao 50 ou o 60% do seu valor, nese caso, o monto total do financiamento europeo situaríase ao redor dos 220.000 millóns de euros.

 Dito todo o cal a un non lle queda máis remedio que preguntarse que deben estar pensando os gregos ante este escenario desolador: cunhas taxas de crecemento raquíticas durante lustros; cun proceso de deflación acelerado dos seus prezos e salarios; cunhas estruturas de benestar en proceso de desmantelamento porque hai que destinar as partidas de gasto público que permitían atendelas a xerar un superávit primario para pagar os xuros da débeda; en definitiva, cun proceso de axuste que vai durar, se todo vai ben, polo menos vinte anos.

 Ante este panorama, un cidadán grego dificilmente pode pensar algo distinto a que o seu país carece de futuro no seo da Unión Monetaria Europea e que quizais teña algún que saír dela, abandonando o euro, recuperando a súa moeda e a soberanía plena sobre todos os seus instrumentos de política económica e, sobre todo, deixando de mercadear coas condicións de vida dos seus cidadáns para tratar de convencer os mercados e a unhas institucións que só velan polos intereses destes de que pagarán todas as súas débedas.

 Evidentemente os custos dunha saída do euro serían moi elevados, ninguén o pon en dúbida e ninguén debe enganarse a respecto diso. Pero Grecia está nun punto no que debe decidir se prefire unha morte vagarosa no seo do euro ou unha operación cirúrxica rápida que lle permita recuperar a saúde logo dun período de convalecencia que, estou seguro e aí está o caso arxentino para corroboralo, sempre será inferior á duración da agonía que tan xenerosamente ofrece a troika.

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘Attac’, do 26 de outubro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com