Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
De Libia, América Latina, Arxentina e Cuba

A intervención da OTAN en Libia creou o modelo que pode aplicarse agora a calquera nación incómoda para o imperio, especialmente se como Venezuela posúe as primeiras reservas probadas e probábel de petróleo do mundo e enormes reservas de ouro, un mineral que se converteu en presa cobizada polos imperialistas.

 Nos últimos días aconteceron feitos moi importantes que me decidiron a dedicar esta entrega non a un deles senón a algúns dos máis destacados. Comezarei polo bárbaro linchamento e asasinato de Muamar Gadafi unha vez capturado en descarada violación da Convención de Xenebra, expostos os seus restos nun circo macabro que vulnera a lei islámica, da que se din portadores os ilustres mercenarios do Consello Nacional de Transición, e é unha burla á decencia elemental. Que preocupados Obama, Sarkozy e Cameron pola xustiza. Campións dos dereitos humanos, o premio Nobel da paz e os seus socios galo e británico non dubidaron en apoderarse das reservas internacionais e o petróleo de Libia, agora que as súas economías están en terapia intensiva, co argumento de protexer a súa poboación civil dos ataques aéreos de Gadafi. Aínda estamos esperando a primeira evidencia gráfica deses ataques, nestes tempos en que as imaxes se espallan en cuestión de minutos. Os masivos bombardeos da OTAN á residencia do líder libio, as reiteradas afirmacións do trío de que “o tirano debe irse” e o desagradábel sorriso da señora Clinton ao facer o seu obsceno comentario de “chegamos, vimos e el morreu” mostran que o final do líder libio estaba escrito no guión desde un principio.

 A intervención da OTAN en Libia creou o modelo que pode aplicarse agora a calquera nación incómoda para o imperio, especialmente se como Venezuela posúe as primeiras reservas probadas e probábel de petróleo do mundo e enormes reservas de ouro, un mineral que se converteu en presa cobizada polos imperialistas. Pode alegarse que nese país, Cuba, Bolivia ou Ecuador o goberno reprime a poboación e hai que protexela como en Libia. De Cuba, por exemplo, hai meses algúns nesa mafia intentan crear unha matriz de opinión sobre protestas reprimidas polo goberno que só ocorren na súa enferma imaxinación.

 Horas despois do asasinato de Gadafi, en Arxentina producíase un feito totalmente distinto. Cristina Fernández de Kirchner conservou a presidencia con asistencia ás urnas e votación irresistíbel, nunha das vitorias máis importantes dos movementos populares latinoamericanos nos últimos tempos. Dato elocuentísimo, o copioso sufraxio xuvenil que recibiu, subliñado pola festiva concentración de centos de miles de mozos, mulleres, traballadores e indíxenas que aclamaron a súa xestión na histórica Praza de Maio. Entre os méritos de Cristina e o seu desaparecido compañeiro salienta o devolver aos mozos a confianza na política, que os estimulou á súa fervorosa e consciente participación no proxecto kirchnerista. Co lóstrego do país austral refórzase o rumbo dunha maioría de países latinoamericanos cara á independencia, a soberanía, a unidade e a integración, que axiña se verá coroada en Caracas, coa fundación da Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe, virtual sepultura da OEA. Mentres, alén dos Andes, en Chile, continúa firme e combativo o exemplar movemento dos estudantes e profesores chilenos pola educación pública, gratuíta e de calidade, convertido xa en movemento popular que cuestiona de fronte o neoliberalismo.

 Outro lóstrego, este no edificio da ONU en Nova York, a clamorosa e unánime condena ao inamovíbel bloqueo contra Cuba, só obxectada por Estados Unidos e o seu aliado sionista. Con 186 votos de 192 posíbeis, os Estados membros, por encima de diferenzas ideolóxicas e políticas, censuraron este acto de guerra non só contra Cuba senón nada menos que contra a liberdade de comercio, da que o imperio se gaba de ser o seu apóstolo. Para escarnio do goberno de Obama, mentres finxe a prometida flexibilización do acto punitivo, como lle recordaron varios embaixadores latinoamericanos, resulta que se destacou máis que o de Bush -algo que parecía imposíbel de superar- na persecución das operacións financeiras de Cuba no mundo enteiro. O bloqueo custou xa á illa máis de 975.000 millóns de dólares, o non acceso a empréstitos dos organismos internacionais de crédito e cada vez son máis as empresas non estadounidenses que sanciona por comerciar con Cuba e, polo tanto, maior o dano á economía cubana. Como dixo Fidel, non é só ao bloqueo ao que hai que poñer fin senón ao sistema que o xera.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 27 de outubro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com