
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Aínda que a moitos lles pareza que son situacións moi distintas, entre as revoltas no norte de África e medio oriente e as protestas en Islandia, Grecia e Estados Unidos hai unha ligazón moi directa. Teñen ambas a mesma orixe: o aproveitamento da crise polas clases dominantes para centralizar e concentrar a riqueza, restar dereitos básicos; consolidar a especulación financeira, a explotación laboral, o dominio imperial, a represión e o control mediatico sobre ás maiorías sociais.
Estes días as revoltas en Libia e Bahréin ocupan o primeiro plano nos medios de información. En Libia, onde as diferenzas entre Trípoli e Bengasi son antigas o conflito pode derivar nunha guerra civil. Asemade resulta evidente que o despotismo de Gadafi, nas últimas décadas, alentou as contradicións. En Bahréin ademais dun réxime absolutista, dependente dos USA, a discriminación da maioría chií engade un matiz relixioso ás mobilizacións. Infórmase menos das protestas en Iemen e Marrocos, porén non se pode desbotar que vaian a máis, dado que en ambos países non hai liberdades.
En todo caso, todo parece indicar que nestas revoltas a incidencia das organizacións do integrismo relixioso perderon protagonismo fronte a outras forzas sociais e políticas, por exemplo os sindicatos. Un dato a termos en consideración xa que reflicte como nun contexto “normalizado” neoliberalismo e integrismo hoxe se retro-alimentan.
Fago mención a estas noticias, importantes, que poden mudar o panorama político do mundo, porque en contraste opácase moito a folga xeral de Grecia e as protestas laborais nos Estados Unidos. Será que un é moi susceptíbel, porén todo fai pensar que se pon o énfase nun tema ou noutro segundo como afecte aos intereses dos grandes grupos económicos.
Non se trata de agochar o dramatismo da situación en Libia, aínda moi confusa, dado que non se coñecen moi ben as reivindicacións e os suxeitos que impulsan a revolta, senón que se lle dea pouca importancia as mobilizacións masivas de empregados públicos en Madison (setenta mil persoas), e outros estados veciños a Wisconsin, e se lle reste valor á ocupación do Parlamento do estado por oito mil manifestantes.
Non se trata dunha protesta máis, senón un feito que abanea o país máis poderoso do mundo e que se considera exemplo da democracia, porén na práctica a xente ten que saír a rúa para garantir dereitos tan básicos como o da negociación colectiva e afiliación sindical.
Aínda que a moitos lles pareza que son situacións moi distintas, entre as revoltas no norte de África e medio oriente e as protestas en Islandia, Grecia e Estados Unidos hai unha ligazón moi directa. Teñen ambas a mesma orixe: o aproveitamento da crise polas clases dominantes para centralizar e concentrar a riqueza, restar dereitos básicos; consolidar a especulación financeira, a explotación laboral, o dominio imperial, a represión e o control mediatico sobre ás maiorías sociais.
Tampouco se deberían menosprezar as mobilizacións que se dan no centro do sistema, ou na súa periferia máis inmediata, porque sexan menos radicais e masivas, porque, compensan esta debilidade coa súa aproximación aos núcleos do poder económico e político.
Todas estas loitas, para alén da súa posíbel manipulación no curto prazo, dan confianza e alentan o empoderamento das clases populares. Ben vidas sexan.
[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 28 de febreiro de 2011]