Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/4/2009

Sociólogo e científico social histórico estadounidense, nado en Nova York en 1930. De filiación marxista, ntre as súas achegas está a teoría do sistema-mundo. Foi profesor de socioloxía na Universidade de Binghamton até a súa xubilación en 1999, así como director do Centro Fernand Braudel para os estudos económicos, sistemas históricos e civilización. Na actualidade, escribe os seus comentarios quincenais no sitio web do Fernand Braudel Center.

Entre os seus numerosos libros pódense salientar: The Modern World-System (vol. 1, 2 e 3), Historical Capitalism (1983), The Politics of the World-Economy. The States, the Movements and the Civilizations (1984), Geopolitics and Geoculture: Essays on the Changing World-System (1991), After Liberalism (1995), Decline of American Power: The U.S. in a Chaotic World (2003) ou European Universalism: The Rhetoric of Power (2006).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : G20 : : Obama : : Wallerstein :
Acerca da xuntanza do G-20

Case todo o mundo tomou demasiado en serio a reunión do G-20 en Londres, o 2 de abril. Os expertos e os críticos analizárona coma se fose deseñada para lograr algún cambio nas políticas dos estados que participaron. O feito é que todos os que foron sabían desde primeiro de nada que tivese algunha significación cambiaría como resultado de reunirse, e que os cambios menores que foron adoptados poderían moi doadamente terse arranxado sen a devandita reunión.

O punto da reunión -para Estados Unidos, para Francia e Alemaña, para China- foi amosar ás súas opinións públicas na casa que estaban facendo algo acerca da calamitosa situación económica mundial cando de feito non facían nada que dalgún xeito significativo salvase o barco do afundimento.

Se cadra, a reunión foi en grao sumo importante para o presidente Obama. El foi a demostrar tres cousas: que era popular na xente de todo o mundo; que se presentaría a si mesmo cun estilo diplomático moi diferente daquel de George W. Bush; que esas dúas cousas xuntas farían a diferenza.

Obama certamente demostrou as dúas primeiras. Foi aclamado polas multitudes en todas as partes -en Londres, en París, en Estrasburgo, en Alemaña, en Praga e en Turquía-, así como polos soldados estadounidenses en Iraq. Tamén o fixeron con Michelle Obama. E certamente empregou un estilo diplomático diferente. Todos os seus interlocutores dixeron que os tomaba en serio, que os escoitaba con atención, que admitiu os erros pasados e limitacións de Estados Unidos, e que pareceu aberto a solucións de compromiso en canto ás disputas diplomáticas -nada do que poderían acusar a Bush-.

Pero fixo isto algunha diferenza en lograr os obxectivos diplomáticos estadounidenses? É difícil velo deste xeito. Non se resolveu no absoluto o debate entre, por unha banda, o enfoque estadounidense de reavivar a economía-mundo (con máis estimulo), enfoque apoiado por Gran Bretaña e Xapón, e, doutra banda, o enfoque xermano-francés (máis regulación internacional das institucións financeiras). Máis aló dos méritos de ambos os argumentos, ambos os lados teimaron na súa postura e o comunicado simplemente deu en obviar as diferenzas.

É certo que o G-20 accedeu a reunir un paquete de 1.1 billóns de dólares para outorgalo ao Fondo Monetario Internacional (FMI) para que emita os chamados Dereitos Especiais de Xiro (DEG) como parte dun plan global de recuperación a unha escala sen precedentes. Pero como sinalaron moitos comentaristas, a escala do esforzo é moito menor do que está implicado. Antes que nada, parte disto non é diñeiro novo. Segundo, isto é para financiar e non necesariamente gastar. Terceiro, 60 por cento dos DEG irán para Estados Unidos, Europa e China, que non os necesitan. E cuarto, 1.1 billóns non é tanto cando se lles coloca xunto aos 5 billóns que xa foron destinados aos plans de estímulos fiscais por todo o globo.

Todos saíron contra o proteccionismo e propuxeron facer cousas respecto diso. Pero non se adoptaron medidas vinculantes. Ademais, hai tres clases diferentes de proteccionismo en cuestión.

A primeira é a protección das industrias propias, algo que virtualmente todos os membros do G-20 xa facían e que probabelmente seguirán facendo. A segunda é a regulación dos fondos de cobertura e das axencias de cualificación crediticia. Os chineses alédanse por isto, mentres que Estados Unidos e Europa occidental están dubidosos. A terceira é regular os paraísos fiscais. Os europeos impulsan isto, os chineses permanecen inmutábeis e Estados Unidos áchase entre ambos. Nada cambiou en Londres.

Pareceu que os franceses e os alemáns utilizaron a reunión de Londres máis para demostrar que os compromisos xeopolíticos que refugaron facer con Bush tamén refugarán facelos con Obama. O xornal alemán Der Spiegel foi duro no seu xuízo. Dixo que a causa da desfeita financeira era que George W. Bush era un cultivador de mapoula que alagara o mundo enteiro (con dólares baratos), creando un crecemento falso e causando unha burbulla especulativa. E o peor: o cambio no goberno de Washington non trouxo un regreso a unha autorrestrición e unha solidez. Pola contra, conduce a máis abandono. A súa conclusión foi: a chanceler alemá Angela Merkel ten razón. Occidente ben pode estarse inxectando unha sobredose fatal.

No ámbito xeopolítico, o enfoque franco-alemán cara a Afganistán mantívose sen cambio -respaldo verbal dos obxectivos estadunidenses, pero non máis tropas-. Recibirían os prisioneiros liberados de Guantánamo? Alemaña continúa dicindo que non. Francia accedeu, con gran magnanimidade, a aceptar un -si, un-.

Obama deu un discurso importante en Praga delineando un chamado ao desarmamento nuclear -supostamente un gran cambio con respecto á posición de Bush-. O xornal conservador francés Le Figaro informa que a célula diplomática do círculo interno de Sarkozy asumiu un punto de vista moi abrasivo acerca do discurso. Simples relacións públicas, dixeron, que enmascaran o feito de que as negociacións entre Estados Unidos e Rusia sobre a cuestión non están chegando a ningún lado. É máis, Francia xa non vai aceptar reprimendas morais dos estadounidenses. Niso se resume o novo estilo diplomático de Obama que intenta acougar os europeos occidentais.

Noutros lados, tampouco lle funcionou moito mellor coas poboacións de Europa centro-oriental, onde o primeiro ministro saínte, conservador, da República Checa, Mirek Topolanek, denunciou as propostas de Obama, de máis estímulo, como un camiño ao inferno. O discurso de Obama no parlamento turco levou grandes aplausos de todas as faccións (excepto da dereita protofascista) polo seu enfoque concreto e modulado relativo ás cuestións turcas. Pero os observadores anotaron que a linguaxe ao redor das cuestións de Medio Oriente foi tradicional e vago.

O que China quería da reunión do G-20 é que ocorrese esta reunión. China quería ser incluído no círculo interno dos que toman as decisións no mundo. Celebrar unha reunión do G-20 fixo posíbel esta nova realidade. Cando o G-20 decidiu reunirse de novo, confirmou o lugar de China. Volverase reunir o G-8 algunha vez? Dito isto, China amosou as súas reservas acerca das decisións que ocorreron, en moitas formas. Ofreceu unha cantidade irrisoria ao novo paquete do FMI. Despois de todo, non lle deron garantías de que haberá unha reforma real da gobernanza do FMI, que podería acordar un papel apropiado para China.

En suma o que podemos dicir é que os principais actores desfilaron pola escena mundial. Algunha vez tiveron a intención de facer algo máis que iso? Se cadra non. O devalar económico mundial continúa o seu camiño tendido, coma se a reunión do G-20 nunca ocorrese.

(Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 25 de abril de 2009)

cig.prensa@galizacig.com