Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/5/2008
Do xornal vasco Gara.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Ainhoa Etxaide (LAB): "A clase traballadora ten capacidade suficiente para ser un motor de cambio na sociedade"
O pasado 22 de maio Ainhoa Etxaide, que conta con apenas 36 anos, era elixida secretaria xeral de LAB, no transcurso do congreso que celebrou o devandito sindicato abertzale.

Ainhoa Etxaide conseguiu o 90% de respaldo no recentemente finalizado 7º Congreso Nacional de LAB. É a primeira muller que asume ese cargo. Propugna novos retos no económico, no social e no político para que a clase traballadora sexa protagonista dun novo escenario. Unha das tarefas primordiais será activar a loita pola igualdade das mulleres no mundo laboral.

Etxaide ten a tarefa de dirixir LAB durante os próximos anos, tras substituír ao carismático Rafa Diez á fronte do devandito sindicato abertzale. Unha muller á fronte dun sindicato de clase non é frecuente. Con todo, significa un paso adiante de LAB, un sindicato de clase, reivindicativo e comprometido coa loita de liberación de Euskal Herria. Ainhoa Etxaide, máis tranquila, tras superar o 7º Congreso Nacional, tentará de implicar máis o sindicato na igualdade de oportunidades entre o home e a muller para que termine a discriminación.

- É infrecuente ver a unha muller á fronte dun sindicato de clase, é un avance?

Cando presentamos o congreso non pensamos que este tema ía ter tal dimensión. Persoalmente, véxoo como un reto e unha responsabilidade. Reto, porque é unha nova responsabilidade, pero, asemade, ser muller nunha secretaría xeral debe ter un valor engadido á hora de abordar esa responsabilidade e as súas funcións.

- Que camiño vai tomar LAB a partir do Congreso?

A primeira das tres grandes referencias do congreso é ser un suxeito activo, á hora de abordar unha fase de novos cambios necesarios en Euskal Herria e facer un contributo real e efectivo para asumir a realidade da clase traballadora. O segundo elemento vai ser gañar eficacia no noso traballo e intervención ao servizo da clase traballadora para que sexan eses traballadores os protagonistas reais da evolución de Euskal Herria. O terceiro eixo debe ser un referente de loita. É sabido que non vemos viabilidade ningunha ao sindicato de acompañamento que intenta ir pola vía do consenso neste neoliberalismo brutal.

- Vanse restablecer as relacións de hai anos con ELA?

Con ELA temos que abordar as dificultades que neste momento existen para superar a distancia entre os dous sindicatos. Espero que a nova dirección sexa capaz de abordar estes debates con perspectiva aberta e sen límites. Abordarémolos coa aspiración e a decisión de que si imos ser capaces de abrir unha nova fase de colaboración sindical desde a convición da experiencia na anterior fase, que deu uns froitos, que foron bos para os traballadores e, nestes momentos, hai unha necesidade real de avanzar cara a unha colaboración sindical que converta o sindicalismo abertzale nun motor de cambio neste país, a nivel político, social e económico.

- A desaceleración económica que asoma pode favorecer esa volta á unidade de acción?

Opino que a teoría de que «canto peor, mellor» non funcionou ben na clase traballadora. Non é verdade que cando peor é a crise, maior será a aposta pola loita dos traballadores. Nunha situación de crise a protección é máis necesaria que nunca e desde ese punto de vista temos que abordar a relacións entre os sindicatos, pero non se se é un factor positivo ou negativo. Engádese ao que ten que ser a demanda de ir a novos espazos de colaboración, pero en si mesmo non supón unha saída.

- Cal é o reto en materia de representatividade sindical que fixan nesta etapa?

Cada vez que chegan os ciclos electorais comprobouse que LAB é o único sindicato que sempre creceu e non me gustaría ser a secretaria xeral que racha esa tendencia. Seguir crecendo, porque hai moito potencial e aínda hai moito espazo novo. LAB ten e pode facer oferta e estamos seguros de que vai ser apoiada por moitos traballadores.

- Como cal?

Hai dous retos, como é o ir superando os desequilibrios que temos entre territorios. Outro é a implementación do sindicato no que son grandes centros urbanos, como Ezkerraldea, en sectores moi concretos, moi atomizados, onde é máis difícil desenvolver o modelo sindical. O noso reto é avanzar e evolucionar en ser sindicato nacional. É certo que estamos nos sete territorios de Euskal Herria e temos que facer unha oferta global para avanzar como pobo e iso require afondar máis no carácter nacional.

- Hai diferenzas territoriais?

Temos que ser capaces de analizar as especifidades territoriais e facer un sindicato cunha oferta real como instrumento para calquera traballador, traballe onde traballe e viva onde viva.

- Fixo moito fincapé no tema da muller, a igualdade e a discriminación que sofre. Que vai facer?

LAB ten que un instrumento eficaz de loita para abordar a realidade laboral e social que vive a metade da sociedade, é dicir, as mulleres. Nos oito anos anteriores déronse pasos, mais os catro próximos anos deben servirnos para dar novos pasos cualitativos que aborden a realidade da muller no traballo.

- A clase traballadora estase desinhibindo da problemática sociolaboral?

Coido que o neoliberalismo é un modelo social, político, económico e ideolóxico eficaz á hora de condicionar e, en moitos casos, desactivar a capacidade de loita da clase traballadora e que hai unha estratexia integral para desactivala. Desde a utilización da precariedade como instrumento desactivador a expor que a militancia é algo malo.

- Os traballadores rebélanse?

Hai traballadores que se rebelan ante esa situación e en Euskal Herria están dispostos a loitar por riba desa realidade para cambiala. Desde logo, penso que pode haber unha estratexia de desactivación que ten as súas consecuencias, pero iso non quita que a clase traballadora en si teña capacidade suficiente para ser un motor de cambio na sociedade.

- Que facer ante iso?

O que nos corresponde aos sindicatos é sermos capaces de liderar esa capacidade e facermos formulacións que reactiven os traballadores. Porque entendemos que temos a forza suficiente para ser protagonistas dun cambio. Debemos ser capaces de vehiculizar esa forza, xa que está nas nosas mans.

- A precariedade, neste caso, afecta máis á xente e á muller?

Hai dous temas. Un, a precariedade e a vivenda, que son dúas problemáticas sociais que repercuten nas condicións de vida e nas condicións de loita. Estar condenado a cadea perpetua cunha hipoteca, obrígate a aceptar condicións laborais como as que están impondo, totalmente precarias. Non hai receitas nin variñas máxicas. A clave é integrar os mozos e as mulleres na loita para favorecer ese cambio. A outra é que os traballadores que si teñen garantido o seu estatus no mercado laboral e si son suxeitos da loita asuman a responsabilidade de liderar ou de ser vangarda dunha loita máis xeral, non pola súa situación senón pola situación terríbel e precaria dos traballadores en xeral.

Coido que non hai vontade de apostar por un sector público potente como peza principal dun modelo social e económico que recoñeza, respecte e garanta os dereitos dos traballadores. Se non se aposta por un modelo público, déixase ao mercado a capacidade de regular, efectivamente, así non haberá sistema público de pensións. A campaña de apoio ás EPSV é unha aposta por unha privatización do modelo.

«O sistema público de pensións non debe ser inviábel»

- O futuro das pensións está en cuestión?

Dependerá da vontade e a intención política que teñan os gobernantes. Porque, en si, economicamente non ten por que ser inviábel un sistema de pensións público, se se aborda co criterio de repartición da riqueza. Non creo que o debate sexa que ante a inviabilidade económica do sistema de pensións, se necesitamos máis ou menos inmigrantes ou quen vai pagar as pensións. Levamos décadas de crecemento económico de xeración de riqueza, e xérase suficiente para que todas as persoas que vivimos en Euskal Herria vivamos dignamente, tanto cando estamos no mercado laboral, de forma activa, como cando estamos fóra. Aí está a chave para lograr o futuro das pensións. Non é un debate económico, senón de vontade real.

- Non hai vontade de manter un sistema público?

Creo que non hai vontade de apostar por un sector público potente como peza principal dun modelo social e económico que recoñeza, respecte e garanta os dereitos dos traballadores. Se non se aposta por un modelo público, déixaselle ao mercado a capacidade de regular, efectivamente, así non haberá sistema público de pensións. A campaña de apoio ás EPSV é unha aposta por unha privatización do modelo.

- O ministro español de Traballo ameaza con novas reformas, que opina?

O que me parece máis terríbel é que logo de décadas de crecemento económico, que non trouxo máis que acumulación de capital para uns poucos, e deterioración das condicións de vida para a outra parte, cando se arrefría un pouco a economía se pida a intervención do Estado e se nos reclame aos traballadores a suficiente responsabilidade para abordar entre todos isto. Fai falta a reforma que aborde, dunha vez por todas, cal é o mercado laboral garantista de dereitos, sen discriminacións. A que aborde como se supera o 30% da precariedade no mercado de traballo. O ministro español estará falando de afondar nunha nova reforma, que afondará nos datos de precariedade. Non sabemos que dereitos queren recortarnos, pero seguro que nos recortarán.

[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 25 de maio de 2008]

cig.prensa@galizacig.com