Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/6/2011

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Non hai democracia sen emprego

Temos 240.000 persoas desempregadas en Galiza, a rentes dun 20% da poboación activa, un 40% carecen de calquera prestación económica e 70.000 familias teñen a todos os seus membros no paro. Son datos que amosan a gravidade do problema e as eivas dun sistema incapaz de ofrecer emprego a todos os que o procuran.

 A emigración volve a ser a única saída para moitas persoas, despois hai quen no colmo da cegueira ou cinismo fala de que temos un problema demográfico. Dáse a contradición de que mentres o desemprego e a emigración estraga o país unha gran maioría dos traballadores ocupados vense obrigados a facer horas extras, que en moitos casos non cobran, nin a patronal cotiza por elas.

 Non é que falte emprego, ¡non é verdade!, senón que está mal repartido, e outro tanto acontece coa distribución dos ingresos polos bens producidos. Impúxose a lei da selva.

 Neste contexto tan grave son necesarias prestacións sociais inmediatas e eficientes que abrangan todas as situacións de desamparo, cos medios que se consigan da persecución da fraude fiscal (un 23% da economía en negro) e da recuperación da progresividade impositiva.

 Non poden existir sectores aos que a lei sempre consente, dándolle unha e outra vez novas oportunidades. Hai unha dobre vara de medir. Cómpre asemade favorecer unha distribución equitativa dos ingresos na empresa, evitando rendas desmesuradas do capital e salarios e bonos sen tope dos altos directivos.

 Todo ten un límite, ¡este non pode ser un tema tabu! Mellores salarios aumentarían o consumo e o emprego, democratizarían a economía, permitirían recuperar a actividade da pequena empresa.

 Unha saída favorábel ás maiorías, que se manteña no tempo, só é posíbel nun marco económico distinto para o cal é esencial: renegociar a débeda pública e privada exterior e a saída do euro e unha baixa dos xuros. A moeda europea ten vantaxes, porén converteuse nun mecanismo de control que afoga as economías máis débiles por parte das máis fortes.

 A propia burbulla inmobiliaria, a expansión do crédito ao consumo, non sería tan tráxica se non fora por uns xuros que non tiñan ningunha vinculación coa economía do Estado español e Galiza.

 Agora pretender cubrir as deficiencias con salarios máis baixos, condicións laborais máis duras e retallando o consumo e o emprego terá como consecuencia agravar os erros cometidos.

 As marchas polo emprego que se realizarán en toda Galiza a partir do 29 de xuño, organizadas pola CIG, poñen o acento nestes temas. Pretenden xerar conciencia e ademais urxir solucións, que están nas mans do Goberno central e tamén da Xunta de Galiza.

 Ollando para as sucesivas contrarreformas aprobadas no último ano (laboral, das pensións, da negociación colectiva...), todo indica que farán falla (como mínimo) estas e outras mobilizacións, cada vez máis amplas e que se sosteñan no tempo.

Suscripción a papel

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’, do 26 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com