Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
28/7/2011

Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Tras os atentados de Noruega

A matanza cometida en Noruega por Anders Breivik trouxo a primeira plana unha realidade que algúns sempre pretenderon agochar, a presenza en Europa e noutras partes do mal chamado “primeiro mundo” dunha ideoloxía de extrema dereita que non dubida, como xa o fixo no pasado, en empregar métodos violentos para impor as súas posturas.

 As reaccións inmediatamente despois dos atentados por parte de boa parte da prensa de status quo deses estados debería facer ruborizar a máis dun, e sobre todo cando conscientes da metedura de pata ao sinalar a organizacións jihadistas como autoras da carnicería, foron incapaces de rectificar.

 Durante moito tempo os países nórdicos viñeron gozando dunha reputación ligada ao consenso, o diálogo e a tolerancia, por iso o aumento institucional dos últimos anos de formacións populistas e extremistas de dereita sorprendeu a máis dun. Así, os partidos cunha axenda reaccionaria, anti-inmigración e islamofóbica lograron condicionar en certa medida a política neses estados.

 O Partido do Progreso en Noruega logrou situarse en segundo lugar tras os excelentes resultados obtidos nas dúas últimas citas electorais, o Partido do Pobo danés condicionou a formación do novo goberno e logrou que este recolla boa parte do seu programa. En Finlandia e Suecia, o populismo de dereita non tivo o mesmo impacto, pero o apoio a Verdadeiros Finlandeses e aos Demócratas de Suecia creceu nos últimos anos, e ambos poderían estar ás portas dun novo cambio político neses países.

 Varios factores contribuíron a este auxe populista de extrema dereita nos países nórdicos, e en boa medida tamén noutras partes de Europa. Por unha banda sinálase o aumento das solicitudes de asilo durante os anos noventa; doutra banda fálase do baleiro e a crise dos partidos políticos tradicionais, algo que impulsou o crecemento doutras formacións populistas de dereita; outra clave sería a “transformación” desas forzas de extrema dereita nos últimos anos, conxugando a súa ideoloxía coa chamada “cara amábel” dos seus dirixentes, que son aceptados como “parte do sistema” polas demais forzas políticas; e para rematar, non hai que desdeñar a chamada crise económico e financeira mundial.

 Os chamados “lobos solitarios” nin están tan sos nin tan illados. Ese termo está sendo cada vez máis utilizado por algúns medios de comunicación, que acaban dotándoo dunha certa mitoloxía moi ben aproveitada polos movementos de extrema dereita. Así, moitas veces caracterízase a eses “solitarios” como individuos illados, sen conexións ideolóxicas ou materiais coas correntes máis reaccionarias da extrema dereita.

 E é aí onde topamos un evidente erro. Os chamados lobos solitarios son persoas que actúan individualmente, pero que ao mesmo tempo se alimentan da cultura da extrema dereita e pretenden coas súas accións expandir a mesma e atraer a novos membros. Noutras ocasións, contan ademais co apoio material de parte desas comunidades extremistas e reaccionarias.

 Como sinalaba recentemente un estudo, “calquera acto de violencia da extrema dereita cometido por un só individuo é un produto extremo da cultura activista desa corrente ideolóxica”. Ademais, a extensa narrativa (novelas como Hunter, ou os Diarios de Turner) idealiza a visión que eses individuos teñen cara aos seus obxectivos. A chamada “revolución sen líderes”, sustentada nun ensaio de Louis Beam en 1983, tamén se une a esa literatura de “cabeceira” supremacista branca, e que tamén serve para estruturar unha ideoloxía común.

 Por iso, os intentos por presentar os atentados (como noutras situacións similares no pasado) dese tipo como casos illados non axudan a afrontar o verdadeiro perigo que a día de hoxe representan os grupos de extrema dereita (só en EEUU, desde o atentado de Oklahoma tiveron lugar máis de 75 complots, conspiracións ou atentados racistas). Como tampouco o fai o sinalar a suposta incapacidade mental do autor destes.

 O certo é que este tipo de organizacións e individuos levan tempo difundindo a súa ideoloxía a través de diversos medios (Internet, música, encontros...) e son innumerábeis os textos que a esta altura conforman o corpus desas tendencias xenófobas e reaccionarias. O “manifesto” que o propio Anders Breivik veu elaborando nos últimos anos mostra boa parte dos alicerces ideolóxicos que sustentan a ese mundo: unha postura anti-musulmá, un verniz “histórico” que fai que se presente como un cruzado (coas ligazóns metafóricas e ideolóxicas que iso leva), un ataque cara ás posturas progresistas e cara ao multiculturalismo.

 Breivik apuntou ademais outras liñas a seguir. “O rexeitamento cara ás formacións políticas e institucións actuais, a prohibición do aborto, un maior poder para á igrexa (algúns agochan a súa declaración partidaria do fundamentalismo relixioso católico), defensa da pena de morte, campos de concentración para os drogodependentes, e mesmo forzar a reeducación dos “marxistas””.

 E o máis perigoso de toda esa amálgama e retórica é o papel que estarían xogando outras forzas populistas, que en teoría rexeitan a violencia empregada por tipos como Breivik, pero que no fondo son capaces de defender esas mesmas posturas reaccionarias con “palabras bonitas e un rostro máis agradábel”. Os chamamentos contra a inmigración, contra “o outro”, que durante tanto tempo viñeron repetindo os líderes deses partidos conservadores “fomentaron un clima onde moitos dos seus impacientes seguidores comezaron a pensar no odio ou a violencia como unha opción máis”.

 Algunhas formacións socialdemócratas en Europa asumiron sibilinamente o discurso da dereita, facendo que o debate político se sitúe nos parámetros que as forzas reaccionarias desexan, e onde sen dúbida senten máis cómodos. A actitude desas formacións ao redor da crise económica ou a inmigración son mostras de que a política que están desenvolvendo se asemella ao “traballo sucio da dereita”, e esta mentres tanto pode articular un discurso que engloba máis aló do seu tan cacarexado centro-dereita, á vez que acolle no seu seo ás opcións máis reaccionarias (se cadra por iso nalgúns estados europeos “non se ve” unha manifestación organizada ao redor da chamada extrema dereita, xa que esta situaríase dentro do seo dos partidos tradicionais de dereita).

 Como apuntou estes días un analista, a caverna ideolóxica intenta unha e outra vez presentar a Europa en guerra permanente co “outro” (inmigrantes, islamismo, minorías), rexeitando as políticas multiculturais e sobre todo “unha Europa democrática, igualitaria e diversa”. Por todo iso fronte a esa postura salienta que “o inimigo é branco e probabelmente fala perfectamente inglés. Pero non nos enganemos, este inimigo non é pasivo ou educado. Está armado e é moi perigoso”.

 

[Artigo tirado de ‘Rebelión’, do 28 de xullo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com