A reforma laboral que promove o PSOE, co fin de saciar a voracidade da clase dominante e acougar os ánimos dos eufemisticamente chamados mercados, nace da lóxica perversa de responsabilizar ás circunstancias que concorren no actual mercado laboral do Estado español (polo tanto, moi directamente aos traballadores e traballadoras) dos nocivos efectos que a crise vén provocando na economía...
Horas antes da xornada de folga xeral deste 29 de setembro, paga a pena unha breve reflexión sobre o que a folga xa puido dar de si, antes mesmo de saber a capacidade real da mobilización que vai ter a convocatoria. Convocatoria que, aínda que tardía (os dous grandes sindicatos estatais deberían dar unha explicación que resultase convincente), sitúa nun outro nivel a posibilidade de resposta da clase traballadora ante a enxurrada de agresións aos seus dereitos laborais e sociais que se veñen dando desde o Goberno de Rodríguez Zapatero, en sintonía coa dereita neoliberal que hoxe en día impón os seus designios. De aí a silenciosa compracencia do Partido Popular no Estado español coas medidas impulsadas desde o Executivo do PSOE, que teima en lle facer o traballo suxo á dereita (impulsando políticas inequivocamente neoliberais), ao tempo que alfombra o camiño desta cara á conquista da Moncloa nas eleccións xerais de 2012.
A reforma laboral que promove o PSOE, co fin de saciar a voracidade da clase dominante e acougar os ánimos dos eufemisticamente chamados mercados, nace da lóxica perversa de responsabilizar ás circunstancias que concorren no actual mercado laboral do Estado español (polo tanto, moi directamente aos traballadores e traballadoras) dos nocivos efectos que a crise vén provocando na economía. Pénsase, seguindo a tal lóxica, que unha situación de desemprego agudizado como a que padece o Estado español é susceptíbel de ser revertida a través dunha reforma laboral (en puridade, unha auténtica contrarreforma) que facilite e abarate o despedimento, en liña por certo coas consabidas demandas da patronal española, a cal, con ou sen bonanza económica, sempre puxo sobre a mesa a súa proposta de facilitar e abaratar o despedimento até a propia instauración dun despedimento sen atranco ningún, isto é, o despedimento libre. Até aí chega a usura da clase empresarial do Estado español. O lamentábel é ver a un goberno que se di socialdemócrata facéndolle os coros a esa clase empresarial.
Porén, a convocatoria desta folga xeral pódese -e deberíase- converter nun punto de inflexión para as políticas neoliberais emprendidas polo Goberno de Rodríguez Zapatero e igualmente pode contribuír a que a clase traballadora recupere o pulso da súa propia realidade económica e social e estea en condicións de enfrontar de maneira cualitativamente diferente as próximas medidas (todas elas lesivas para os intereses dos traballadores e traballadoras) que o actual Executivo ten en carteira: reforma das pensións (aumentando a idade de xubilación e/ou o tempo de cómputo para o cálculo da pensión), modificación da negociación colectiva (minimizándoa en convenios marco xerais e no ámbito da empresa) ou reforma nas prestacións por desemprego (endurecendo as condicións para o acceso ás devanditas prestacións).
O que xa se gañou coa folga xeral do 29 de setembro
De entrada, a convocatoria de folga xeral tivo un primeiro efecto positivo: poñer en alerta á clase traballadora (e a outros sectores populares) ante as medidas que se veñen tomando a respecto da crise económica e, nomeadamente, ante a reforma laboral promovida polo Goberno de Zapatero e validada nas Cortes Xerais españolas só co voto favorábel do PSOE.
Un segundo aspecto a salientar ten que ver coa mobilización xerada nestas últimas semanas nos diferentes centros de traballo, coa realización de asembleas e actos informativos, así como coa colocación de propaganda explicativa da folga nas empresas. Certo é que este esforzo informativo por parte das centrais sindicais convocantes (e aí o sindicalismo nacionalista resultou exemplar no noso país) dificilmente contrarresta a campaña que desde a case totalidade dos medios de comunicación se vén facendo, co fin de desactivar a resposta á folga e de minar a credibilidade social dos sindicatos (algo que, dito sexa de paso, algúns xa viñan conseguindo por mor da implementación dun modelo sindical cada vez máis piramidal no orgánico e cada vez menos comprometido e máis pactista no aspecto político-sindical).
O terceiro elemento que se pode destacar como positivo da folga, antes de esta se celebrar, ten que ver co feito de que se pode estar crebando a dinámica social de pasividade e resignación que parecía impregnar a amplísimos sectores da clase traballadora ante a situación de crise económica. Pasividade e resignación que agochaban tamén o medo interiorizado en moitos traballadores á posíbel perda do seu emprego, coa conseguinte incerteza persoal e vital, nunha sociedade cada vez máis mercantilizada e, así mesmo, máis insolidaria e insensíbel ao sufrimento alleo.
Finalmente, na avaliación que se faga por parte das centrais sindicais (e por suposto do conxunto dos traballadores e traballadoras) do resultado final da folga, máis alá da inevitábel guerra de cifras e de como se queira pintar a realidade desde os medios, vai estar moi de seguro a posibilidade de manter ou non o ánimo mobilizador da clase traballadora fronte ás posíbeis medidas que agardan para a satisfacción do capital e o socavamento de dereitos laborais e sociais dos traballadores e traballadoras. Neste sentido, a convocatoria de folga non debería ser nunca un punto de chegada, senón un punto de partida para a clase traballadora, que sabe que o seu benestar futuro vai depender do que hoxe, neste momento histórico (e como moitas outras veces), sexa capaz de poñer en xogo para a defensa dos seus dereitos. Nin máis nin menos.
(Galiza, 28 de setembro de 2010)