
Nado en Rodeiro en 1961, é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi Director do Idega entre 1991-95 e actualmente é coordinador do grupo de investigación ICEDE e da Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos.
O Goberno central ven de anunciar as grandes liñas dos orzamentos para 2011. Son os orzamentos dun goberno rendido aos poderes que Zapatero –quizais con algunha razón– considera con capacidade para facer perder ou gañar eleccións. O certo é que, exceptuando algúns acenos irrelevantes para a galería de esquerdas, as liñas mestras confirman a aposta por unha política de recurtes encetada este ano e que, ademais de resultar regresiva desde o punto de vista social, agravará a tendencia ao estancamento da actividade económica e do emprego.
Son orzamentos que consolidan a deriva cada vez máis marcada cara políticas de dereitas no económico e que non fan máis que cargar de razóns aos convocantes da folga do día 29. Folga na que non se xoga só o rexeitamento a unha reforma laboral que reduce dereitos laborais senón e sobre todo a contestación a unha orientación do conxunto da política económica supeditada aos intereses de curto prazo do capital financeiro e dos amos do euro –os alemáns. Política miope que atenaza a recuperación económica, colapsa os factores e iniciativas que deberían axudar a un cambio de modelo e reduce os servizos do benestar.
Unha política fortemente contractiva, cunha redución do gasto do 7,9% a respecto dos xa contractivos orzamentos de 2010, traducirase nun sensible recurte da actividade económica dinamizada polo gasto público, co conseguinte efecto multiplicador na merma de actividade do sector privado. Non é só que se reduzan os gastos de funcionamento nun 6,7% e se conxelen as retribucións dos empregados públicos (que se engade á redución do 5% de media levada a cabo no presente ano) senón que se plantexa unha severa redución do emprego público pola vía de repoñer tan só o 10% das xubilacións e baixas. Isto último aplicado de xeito inflexible –como se impón– nas diferentes administracións e servizos conducirá en moitos casos a unha notable degradación dos servizos prestados aos cidadáns e mesmo a desaparición dalgúns deles.
A forte redución do gasto resulta como consecuencia lóxica da aceptación dunha estratexia agresiva de redución do déficit, en liña co demandado pola banca, os fondos de investimento, os alemáns e a dereita en xeral, e pola renuncia a unha política fiscal máis activa e progresiva. Despois de subir neste exercicio o IVE en dous puntos, cun impacto regresivo sobre as rendas medias e baixas, faise agora o aceno simbólico de elevar un punto o tipo marxinal do IRPF (do 43% ao 44%) para as rendas superiores aos 120.000 euros e dous puntos (do 43% ao 45%) para as de máis de 175.000 euros. Trátase dun movemento na boa dirección pero totalmente irrelevante; tanto pola modesta recadación que permite coma polo feito de que nin tan sequera nos devolve á situación que este Goberno atopara cando chegou ao poder en 2004, cando o tipo máximo fora deixado pola dereita no 45% para rendas superiores aos 45.000 euros. Tratar por igual a todas as rendas superiores aos 45.000 ou aos 53.400, como ocorre agora, é tremendamente inxusto e regresivo, razón pola que separar dous tramos de renda realmente altas vai na boa dirección pero, na medida en que o tipo marxinal aplicado a eses novos tramos sexa apenas un ou dous puntos superior ao actual, o efecto real é puramente simbólico, por non dicir irrisorio. De feito, a recadación adicional esperada é de apenas 170-200 millóns. A efectos ilustrativos, pénsese que o tipo máximo en Dinamarca está no 58%. Se aos nosos 100.000 contribuíntes de alta renda se lle aplicase un tipo semellante o impacto na recadación si sería significativo.
Os demais cambios fiscais non cabe calificalos nin de simbólicos. Os cambios no tratamento dos bonus dos directivos ou nas Sicav apenas buscan evitar unha vía de fraude pero en absoluto tocan os seus substanciosos privilexios fiscais. Os beneficios das Sicav e outros fondos seguen cotizando ao irrisorio 1% no Imposto de Sociedades, fronte aos tipos que soportan as rendas do traballo ou mesmo fronte ao 25 ou 30% que cotizan as demais empresas polos seus beneficios (os que quedan despois das maquillaxes contables para difuminalos!).
En definitiva, as liñas mestras anunciadas pola ministra Salgado cargan de razóns a toda esa parte da sociedade, non só a sindicalizada, que sente unha profunda decepción diante dun goberno autoproclamado de esquerdas, e elexido por un electorado maioritariamente de esquerdas, pero que aplica unha política económica que está máis á dereita que a de moitos dos gobernos da dereita gobernante en Europa.
Por iso o seu discurso en política fiscal e económica resulta indistinguible do de Feijóo ou Rajoy. Tan só o exercicio demagóxico de oposición leva a aguilloar as contradicións do Goberno co seu electorado ou a desplegar esa estratexia de botar balóns fóra que tanto lle gosta a Feijóo, para actuar como ariete na dialéctica de oposición ao Goberno do PSOE en vez de impulsar medidas concretas no uso das súas competencias. O paradoxo desta situación é que a escandalosa falta de iniciativas do Goberno Feijóo ao longo deste ano e medio, que parece exercitar unha auténtica folga de celo, só queda disimulada polos desacertos do Goberno central e a xenerosidade da prensa conservadora que se conforma con que Feijóo actúe como “goberno de oposición”. Alguén terá que dicirlle que a folga non é so contra o Goberno central senón contra as políticas de todos os niveis de desgoberno.
[Artigo tirado do sitio web do ‘Xornal’, do 25 de setembro de 2010]