Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
29/11/2010
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Cuba: tempos de mudanza

Cuba entra nun proceso de cambios e de actualización do socialismo. Os primeiros borradores do proxecto, un documento dunha vintena de páxinas aparecido como suplemento especial do Granma e Juventud Rebelde, foi distribuído masivamente na poboación. Tiráronse 500.000 exemplares que foron inmediatamente adquiridos pola poboación, convidada reiteradamente a lelo, discutilo e facer chegar as súas propostas.

 En Cuba estase xerando un gran debate sobre o futuro económico da Illa. Entre os cubanos tomou corpo a convición de que o actual ordenamento económico, inspirado no modelo soviético de planificación ultra-centralizada, está esgotado. Tal como advertiron Fidel e Raúl, a súa permanencia pon en dúbida a supervivencia mesma da revolución. Se se quere salvar esta, será preciso abandonar un esquema de xestión macroeconómica que, de xeito evidente, xa pasou a mellor vida.

 A experiencia histórica ensinou que a irracionalidade e o malgasto dos mercados poden reaparecer nunha economía totalmente controlada por planificadores estatais, que non están a salvo de cometer grosos erros que producen irracionalidades e malgastos que afectan ao benestar da poboación. Exemplos: nun país cun déficit habitacional tan grave como Cuba o ente estatal a cargo das construcións rexistra 8.000 albaneis e 12.000 persoas dedicadas á seguridade e a custodiar os depósitos das empresas construtoras do estado. Ou que os informes oficiais do goberno consignen que o 50 % da superficie agrícola da illa está sen cultivar, nun país que debe importar entre o 70 e o 80 % dos alimentos que consome. Ou que case a terceira parte da colleita se perda debido a problemas de coordinación entre os produtores (sexan estes organismos estatais, cooperativas agrícolas ou empresas doutro tipo), as empresas de almacenaxe e provisión e os servizos estatais de transporte que deben levar a colleita até os grandes centros de consumo. Ou que actividades tales como a barbería e os salóns de beleza sexan empresas estatais -en que páxina d’O Capital recomendou Marx tal cousa?- nas cales os traballadores reciben todos os implementos e materiais para realizar o seu labor e cobran un soldo, a pesar do cal cobran aos seus clientes dez veces máis que o prezo oficialmente establecido, fixado décadas atrás, e sen pagar un peso de impostos.

 Estes son uns poucos exemplos que falando cos amigos cubanos se multiplican ad infinitum. Pero dan conta dunha cuestión de importancia práctica e tamén teórica: o proxecto socialista realízase ao lograrse a total estatización da economía? A resposta é un terminante NON. Se na Unión Soviética (que só tivo como precursora á heroica Comuna de París) as condicións específicas do seu tempo non lle deixaron outra alternativa que fomentar a estatización integral da economía, nada indica que nas condicións actuais débase obrar da mesma xeito.

 Tal como con perspicacia sinalara Rosa Luxemburgo verbo precisamente do caso soviético, non hai razón ningunha para facer de necesidade virtude. E se a estatización total e a planificación ultracentralizada puido ser necesaria -e aínda virtuosa- no seu momento, ao facer posíbel que nun lapso de corenta anos Rusia, o país máis atrasado de Europa, puidese derrotar o exército nazi e tomar a dianteira na carreira espacial, hoxe xa non o é. Dito en termos do marxismo clásico, o desenvolvemento das forzas produtivas decretou a obsolescencia de formas e intervencións estatais que sendo eficaces no pasado xa non teñen posibilidade ningunha de controlar a dinámica dos procesos produtivos contemporáneos, decisivamente modelados pola terceira revolución industrial.

 Cuba entra nun proceso de cambios e de actualización do socialismo. Os primeiros borradores do proxecto, un documento dunha vintena de páxinas aparecido como suplemento especial do Granma e Juventud Rebelde, foi distribuído masivamente na poboación. Tiráronse 500.000 exemplares que foron inmediatamente adquiridos pola poboación, convidada reiteradamente a lelo, discutilo e facer chegar as súas propostas. Van facer outra xigantesca tirada máis, porque a ansia de participación é enorme.

 O documento será examinado criticamente por todas as organizacións sociais, sen distinción ningunha: desde o Partido Comunista até os sindicatos e o enxame de asociacións de todo tipo que existen na illa. Por iso erran os que se ilusionan con que a introdución das reformas de inicio a un indecoroso -e suicida!- retorno ao capitalismo. Nada diso: o que se intentará facer é nin máis nin menos que levar adiante reformas socialistas que potencien o control social, é dicir, o control popular dos procesos de produción e distribución da riqueza.

 O socialismo, correctamente entendido, é a socialización da economía e do poder, máis non a súa estatización. Pero para socializar cómpre primeiro producir, pois en caso contrario non haberá nada que socializar. Polo tanto, trátase de reformas que afondarán no socialismo, e que non teñen absolutamente nada que ver coas que inzaron América Latina desde os anos oitenta.

 Vai de seu que o camiño a percorrer pola Revolución Cubana non será nada fácil e está ateigado de perigos. Ás dificultades propias de toda transición engádense os derivados do infame bloqueo imposto por Estados Unidos (e mantido polo Premio Nobel da Paz Barack Obama), o permanente bombardeo mediático e as presións a que se ve sometida a illa procurarán por todos os medios facer que as reformas socialistas dexeneren nunha reforma económica capitalista.

 O quid da cuestión está no compás político, a orientación que terán estes procesos de cambio. E o pobo e o goberno cubanos dispoñen dun moi bo compás, probado durante máis de medio século, e saben moi ben que é o que deben facer para salvar o socialismo das mortais ameazas que lle supón o esgotamento do seu actual modelo económico. E saben tamén que se hai algo que liquidaría as conquistas históricas da revolución, que as varrería de vez, sería a re-mercantilización dos seus dereitos e a súa conversión en mercadorías. É dicir, a reintroducción do capitalismo. E ninguén quere que tal cousa ocorra.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 25 de novembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com