A gravidade extrema da crise que golpea actualmente a Europa, nomeadamente á zona euro, ante a elusión das débedas chamadas "soberanas" de Grecia e Italia, entre outras, leva a facernos a pregunta: non teñen acaso os pobos europeos leccións que tirar das experiencias vividas por certos países do Sur, provenientes das estratexias anticrise que foron alí adoptadas?
E é que, até o de agora, son as receitas do Norte, supostamente de validez universal, as que foron administradas habitualmente nas economías do Sur -mesmo cando lles conveu só moi raramente-. Pero eses tempos xa mudaron...
Europa en crise
As solucións neoliberais de austeridade xeneralizada e de desmantelamento dos servizos públicos hoxe propostas (ou máis ben impostas) para intentar salvar o capitalismo en crise e reactivar o crecemento, son absurdas; constitúen o medio máis seguro para agravar aínda máis esta crise e para conducir con maior rapidez o sistema cara ao precipicio. Iso, favorecendo ademais politicamente, por todas as partes, o aumento de forza das dereitas extremas, racistas, demagóxicas e sempre cómplices da orde establecida.
Neste contexto, a crise que atravesa na hora presente a zona euro debe ser comprendida na súa estreita vinculación cos mesmos fundamentos do proceso da construción europea. Creuse que unha moeda única podía ser creada sen Estado, cando ademais, non existe en verdade unha Europa política. Había alí un erro orixinario, nesa Europa que pretendía facer converxer forzadamente a economías extremadamente diferentes sen reforzar as institucións políticas a escala rexional, nin promover unha harmonización social desde arriba. É pois lóxico que esta "mala Europa", dirixida contra os pobos, antisocial e antidemocrática, sexa cada vez máis abertamente rexeitada.
Sería con todo xerar ilusións, continuar crendo na posibilidade dun novo "compromiso keynesiano". O precedente, selado despois da Segunda Guerra mundial, non foi concedido polos grandes capitalistas, senón arrincado mediante loitas populares, múltiples e converxentes. Hoxe, as altas finanzas que retomaron o poder non están dispostas a concesión ningunha. O keynesianismo - que algúns poden por certo desexar- non ten realidade, nin futuro. Son desde agora en diante os oligopolios financeiros os que dominan e ditan a súa lei aos Estados, para fixar os tipos de xuros, crear a moeda ou, cando é necesario, nacionalizar.
Ruptura?
Fronte á crise sistémica e os perigos que implica -entre eles o do acceso ao poder das dereitas extremas-, chegou o momento, para as forzas progresistas de Europa, de volver pasar á ofensiva formulando de novo propostas alternativas para unha esquerda radical e internacionalista, orientadas cara á reconstrución de proxectos sociais e de solidariedades con respecto ao Sur en loita.
Entre as numerosas discusións urxentes por establecer figura a saída da zona euro, en particular para a Europa do sur, baixo certas condicións e en modalidades diferenciadas. Evidentemente, trátase dunha dura decisión para países pequenos, como Grecia. Sería unha mentira afirmar que esa opción de ruptura está libre de dificultades. Pero sería tamén mentir afirmar que esa vía está condenada á catástrofe.
Iso, polo menos por tres razóns. De entrada, hai economías europeas importantes que non están na zona euro, como o Reino Unido. Logo, hai países que foron afectados violentamente pola crise e que están en recuperación ao exterior da zona euro, como é o caso de Islandia. E en fin, por fóra do continente europeo, hai países do sur que ousaron decidir a rotura coas regras do sistema monetario internacional actual sen provocar neles o caos. Moi ao contrario, é precisamente esa vía de ruptura -temporal- cos dogmas neoliberais a que lles permitiu autonomizarse e redirixirse.
Que leccións se poden obter do Sur?
Varias experiencias recentes no Sur mostraron que a reconquista de elementos de soberanía nacional -monetaria, entre outras cousas- e o voluntarismo político fronte ás imposicións dos mercados financeiros abriron aberto marxes de manobra permitindo a eses países saír de situacións socioeconómicas dramáticas causadas en gran parte polo mesmo funcionamento -inxusto e inaceptábel- do sistema mundial capitalista. Pensemos aquí, por exemplo, no proceso de desdolarización en Cuba; ou no distanciamento de Venezuela respecto ao Fondo Monetario Internacional; ou mesmo na creación do Banco do Sur (Bancosur), entre os países da Alianza Bolivariana para América (ALBA) como Bolivia e outras, incluído Brasil. Pero podemos tamén citar os casos dun país de goberno menos radical, como o arxentino, que se declarou en cesamento de pagos a finais de 2001 e que renovou bastante rapidamente o seu crecemento, sen ser illado dos intercambios mundiais. Suspensión de pagamentos, depreciación da moeda e o plan de conversión da débeda foron as medidas que salvaron á economía arxentina da desfeita neoliberal.
Sen dúbida, unha saída do euro será máis difícil para un país como Grecia, que ten unha base produtiva e exportadora moito máis débil que a de Arxentina (apoiada na agroindustria e a enerxía); pero isto certamente non sería para o seu pobo "a fin do mundo", como o anuncian os medios de comunicación dominantes. Tal decisión é difícil de tomar, debido ás contas públicas deficitarias e os riscos de fuga de capitais; pero parece en diante necesaria para saír da trampa neoliberal -e antes de que Alemaña mesma decida excluír a ese país!
Tamén pensemos en Ecuador, cuxo goberno contratou unha auditoría da débeda exterior, anulou débedas "odiosas" (é dicir ilegais e/ou ilexítimas), utilizou a suspensión dos reembolsos para reducir o peso da débeda pública e liberou así recursos para as políticas sociais e de infraestruturas. En todas estas experiencias, sen catástrofe, a reapropiación polo Estado do seu poder de decisión política sobre a economía permitiu sacar o país da lameira na cal se afundiu. Así como foi o caso de Malaisia, despois da crise asiática de 1998, cando o goberno (que non era "de esquerdas") puxo límites ás ordes terminantes do FMI e aplicou a política anticrise que estimaba oportuna.
Entón, por que non en Europa? Certamente as situacións difiren dun continente a outro, pero alternativas existen, na forma de transicións post-capitalistas, democráticas e sociais, solidarias co Sur. O imperativo non é elaborar solucións milagrosas ou con chave en man, senón reabrir os espazos de debate, á esquerda. Pois é agora o tempo de falar, por fin, sen tabús nin complexos, de solucións anticrise postas ao servizo dos pobos europeos: saída controlada da zona euro, depreciación das moedas (ou eventualmente dunha nova moeda común), restablecemento do control sobre os cambios nos fluxos financeiros, redefinición do papel político dos bancos centrais, nacionalización do sistema bancario e de certos sectores estratéxicos da economía, anulación parcial de débedas públicas, nova distribución provocada das riquezas, reconstrución dos servizos públicos, desenvolvemento da participación popular, pero tamén a reactivación dunha rexionalización europea progresista e aberta cara ao Sur... Porque, en realidade, son os pobos os que son soberanos, non as débedas.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 27 de novembro de 2011]