
Durante a crise saltarán propostas demagóxicas que porán a proba a formación ideolóxica, ética ou moral das persoas. Saltará, por exemplo, a cuestión da inmigración: por que ese inmigrante ten traballo e eu que son de aquí non? E o sindicato debe dar cumprida resposta, anticiparse a esa pregunta que abrollará de xeito irracional. Haberá que dicirlles que o inmigrante non é o problema de ser o outro un desempregado senón que o problema é o sistema e a patronal, quen realmente lexislan o mercado laboral...
Cando falamos de ideoloxía non falamos de partidos políticos. Son aspectos diferentes. A ideoloxía é un estamento superior. Non pertencen á mesma estrutura. Ter ideoloxía non é ser militante dunha determinada sigla. A ideoloxía non se acouta aos regos dun partido político por moito que pregoe seren o purismo desa idea. É unha concepción errónea e fracasada. A ideoloxía non responde a un programa político senón que este debe responder a unha ideoloxía adaptándose a un determinado lugar, a un determinado tempo.
Arestora, neste temos de quendas nos gobernos coa beizón de Juan Carlos de Borbón (tal cal hai cen anos con Isabel II), cando a ética da arte política é o cortello do Parlamento; nestes tempos en que o transfuguismo é legal, aceptado politicamente como o escurantismo nas contas públicas ou nas ganancias dos representantes electos; abondan os programas políticos sen ideoloxía. Só importa facer crer que na política o importante é xestionar ben os cartos, só exclusivamente isto, non a transformación social e sistémica. Velaí a coxeira da esquerda para chantar unha alternativa aos tempos de crise estrutural, non cíclica.
Un sindicato debe ter ideoloxía, debe aspirar á mudanza das relacións sociais e mercantís camiño dunha sociedade máis ceibe, máis xusta, máis igualitaria. Son principios irrenunciábeis e obrigados na acción cotiá, dentro e fóra do sindicato, da fábrica ou da casa.
É realmente perigoso, moi perigoso, cando un sindicalista afirma que o obxectivo da clase obreira é conseguir maior seguridade laboral ou un convenio xusto para todas as partes. O sindicato non se pode reducir a unha loita puntual dunha fábrica porque esa loita dáse noutras partes. Non é onde se deben coutar as aspiracións dos traballadores.
Cando alguén difunde esta mensaxe o que na realidade favorece é a redución da capacidade de transformación que recae e posúe a clase obreira e limita ideoloxicamente a loita final: a ruptura do sistema capitalista. Un obreiro, unha asalariada, non pode aceptar o neoliberalismo como un sistema valedoiro, nin que as cativas reformas o fan máis humano. Velaí unha eiva na formación, velaí unha eiva na ideoloxía. Crer o que nos din os responsábeis da actual crise é resultado da falta de análise e debate asembleario.
A posíbel integración do ex-secretario xeral de CC.OO., José María Fidalgo, na organización neofalanxista de UPyD é unha terríbel nova para todos nós. Non é un problema exclusivo de Comisións. Todo o contrario! É un problema global da esquerda que olla como persoas cunha ideoloxía contraria aos intereses da clase obreira, contraria aos dereitos nacionais que a esquerda vén defendendo dende a súa fundación, contraria á transformación real da sociedade, acabou por liderar un sindicato ligado a grandes loitas sindicais en todo o Estado español.
Púxose de manifesto que o desleixo da formación e o debate asembleario na sociedade, e no sindicalismo en particular, leva a tamañas barbaridades políticas. Debemos estar alerta e poñer en marcha un proceso continuado de formación dos nosos delegados e delegadas. Non algo puntual porque agora é a crise. Debemos recuperar a filosofía do debate, da convocatoria de asembleas nas federacións e nas empresas, de facer máis partícipes aos afiliados e de arengalos para que tomen responsabilidades sindicais.
Durante a crise saltarán propostas demagóxicas que porán a proba a formación ideolóxica, ética ou moral das persoas. Saltará, por exemplo, a cuestión da inmigración: por que ese inmigrante ten traballo e eu que son de aquí non? E o sindicato debe dar cumprida resposta, anticiparse a esa pregunta que abrollará de xeito irracional. Haberá que dicirlles que o inmigrante non é o problema de ser o outro un desempregado senón que o problema é o sistema e a patronal, quen realmente lexislan o mercado laboral.
Castelao cando estivo en Cuba partía duns prexuízos raciais que el recoñecía telos. Ao decatarse de que na forza de negros e brancos estaba a vitoria, fixo un dos seus debuxos nos que un negro cubano estreitaba a man dun branco galego e dicíalle un ao outro: -Irmáns? – Os traballadores sempre somos irmáns.
[Vigo, abril de 2010]