Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
29/6/2011

Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Afganistán : : guerra : : imperialismo : : Obama : : OTAN :
O Gran Xogo afgán

O anuncio de Obama é unha nova peza que se suma ao complexo crebacabezas en Afganistán. As declaracións de Karzai, a resposta da resistencia e o papel dos protagonistas rexionais, son parte tamén dese escenario sobre o que a figura do Gran Xogo volve pairar con forza. Nos próximos meses irase debullando o futuro de Afganistán e se as forzas de ocupación acaban aceptando que a resistencia é unha parte do pobo afgán, a reconciliación entrará nunha nova fase e xa hai quen apunta á fórmula de «esquecemento e perdón». E Obama é consciente de que calquera redución de tropas pasa por un acordo global.

 Tras a súa anunciada redución de tropas a partir de finais de ano, o presidente de EEUU puxo sobre a mesa a súa intención de apostar por unha nova estratexia en Afganistán (outra máis, din algúns con ironía algúns). Obama é consciente de que nos próximos meses a política de EEUU vai estar dominada pola longa campaña electoral á Presidencia, e a día de hoxe boa parte do electorado está canso do custo que supón a ocupación de Afganistán, xa que as súas principais preocupacións son a economía, o desemprego e o déficit.

 Tras dez anos de guerra, seica chega o momento de pasar a outros a «pataca quente», e hai quen ve nas palabras de Obama un recoñecemento implícito da imposibilidade de gañar a guerra, á vez que estaría abrindo a porta a un diálogo para unha posíbel solución. No entanto, algúns analistas remarcan as carencias do discurso presidencial, ao non mencionar nada sobre o futuro de Karzai e o seu Goberno, a fortaleza da resistencia, a corrupción ou o papel rexional. Para eles, o novo plan mostra a aposta decidida por favorecer a longo prazo «as operacións de intelixencia, as forzas especiais, os ataques desde avións non tripulados e a presenza reducida de tropas».

 A resistencia preséntase como a gran gañadora ao fío destes acontecementos. O recoñecemento de que calquera saída negociada debe contar coa participación de todos os actores déixase entrever no novo escenario. Os intentos de criminalizar calquera movemento opositor, a aposta por incentivar divisións na resistencia, sobre todo entre os diferentes grupos que conforman o mundo talibán, ou a vitoria militar, fracasaron un tras outro.

 A día de hoxe, a estratexia da resistencia maniféstase en amplas zonas do país, boa parte delas baixo o seu control. A combinación de diferentes tácticas estalles dando froitos. Os ataques contra posicións illadas e remotas das forzas estranxeiras, unidos á infiltración nas novas forzas afgás, están logrando importantes efectos psicolóxicos e ao mesmo tempo mostran a súa fortaleza.

 Paralelamente, desde hai semanas intensificouse a campaña contra os «colaboradores» da ocupación, con importantes figuras do novo armazón institucional afgán como vítimas, o que reduce as posibilidades da coalición ocupante de poder contar con aliados locais. Xunto a iso, as operacións da devandita coalición son unha fonte inesgotábel de razóns para que a poboación local lle volva as costas e para que a resistencia articule unha campaña propagandística.

 Tampouco non hai que esquecer a capacidade que vén mostrando a resistencia para manter un sistema de Xustiza paralelo que, a xuízo dalgúns observadores, «funciona relativamente ben», sobre todo á vista da «ausencia xeneralizada» do Estado na meirande parte do país.

 A figura do actual presidente afgán, Hamid Karzai, tamén ocupou certa centralidade estas semanas. O seu anuncio de que EEUU estaría negociando cos talibáns puido sorprender a quen non coñece a realidade afgá. Porén, esta manobra de Karzai hai que enmarcala na súa propia estratexia. O presidente afgán, coñecedor do escaso apoio con que conta e de que a súa distancia respecto de Washington é cada día máis evidente, estase dirixindo ao seu pobo con esas manobras, intentando dar mostras dun afastamento da política de EEUU.

 Aquí se enmarcan as súas «ameazas» á OTAN, a súa afirmación de que os norteamericanos están no país en defensa dos seus intereses, ou a súa advertencia de que a historia mostra como tratan os afgáns aos ocupantes. Con esa dialéctica intenta ligar o fracaso e a corrupción ás forzas ocupantes, tratando de convencer o pobo afgán de que EEUU é a causa de todos os males.

 Pero ao mesmo tempo, Karzai é consciente de que o seu futuro político está estreitamente ligado á presenza dos militares estadounidenses e por iso quere que a Casa Branca siga apoiándoo, pois pola contra «Afganistán caería en mans talibáns», co que iso suporía para os intereses de EEUU.

 Neste contexto ninguén sabe con seguridade cal pode ser o futuro político de Karzai, pero todo parece indicar que se EEUU logra atopar un aliado máis firme en Afganistán, como di a canción «os días que lle quedan son unha conta atrás».

 As potencias rexionais tamén moven ficha dentro do taboleiro deste Gran Xogo. Paquistán segue mantendo un difícil equilibrio, a capacidade, ou a súa falta, para facer fronte á militancia islamita dentro das súas fronteiras e a relación de amor/ odio cara a EEUU son factores a ter en conta. Case ninguén dubida de que a participación de Islamabad en calquera solución negociada é necesaria, xa que a súa marxinación do teatro afgán lle daría carta branca para lanzar operacións de desestabilización na rexión. Esta recuperación de protagonismo de Paquistán é directamente proporcional á súa perda por parte de India, que até o de agora apostara forte por desprazar a Islamabad do centro de poder afgán.

 Irán tamén se está movendo ante a irrupción dun novo escenario, buscando novas alianzas na rexión. Rusia segue de cerca os acontecementos, consciente da influencia afgá en Asia Central («o seu patio traseiro») e, sobre todo, desexando presentar un futuro Afganistán que signifique a derrota de EEUU, situándoo no mesmo nivel que a sufrida por Moscova nos anos 80. China, de se confirmar o auxe do protagonismo paquistaní, aumentará os lazos/dependencia con Islamabad, consciente tamén de que a inestabilidade afgá ten as súas consecuencias na rexión, e intentando asegurar unha estabilidade transfronteiriza.

 Nos próximos meses irase debullando o futuro de Afganistán e se as forzas de ocupación acaban aceptando que a resistencia é unha parte do pobo afgán, a reconciliación entrará nesa nova fase, e xa hai quen apunta á fórmula de «esquecemento e perdón». Obama é consciente de que calquera redución de tropas pasa por un acordo global, no que tomen parte a maior parte, senón todos, dos actores mencionados, incluída a resistencia afgá.

 Nesa clave situaríanse, ademais, o eventual encontro que Alemaña estaría organizando en Berlín para o próximo mes de decembro, onde a presenza talibán podería estar asegurada, e o anuncio de Barack Obama da posíbel celebración dunha conferencia internacional en maio do 2012 en Chicago, na que participarían unicamente EEUU e os seus aliados e que habería que interpretar en clave electoral de face á reelección presidencial.

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 26 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com