Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
29/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : Islandia :
A crise continúa en Islandia

A nova Constitución islandesa, aínda que non é radicalmente diferente da anterior, inclúe unha serie de artigos progresistas, que inclúen a separación formal do Estado da Igrexa de Islandia, a propiedade pública de todos os recursos naturais e o acceso público a Internet para todos os cidadáns. E o máis importante, permitirá que calquera petición apoiada polo 15% do electorado se converta nun proxecto de lei no parlamento ou se decida nun referendo nacional.

 En vésperas das eleccións presidenciais en Islandia o próximo 30 de xuño, persisten moitos dos mesmos problemas económicos que arrasaron o país durante os últimos tres anos.

 En xaneiro de 2009, o goberno de Islandia converteuse na primeira vítima política da crise económica mundial. Durante case 20 anos, o conservador Partido da Independencia dominara a escena política e de xeito persistente reorientou a economía da pequena nación cara a un sector financeiro cada vez máis desregularizado. Antes da crise de 2008, Islandia foi un dos países máis ricos do mundo grazas ao seu inflado sector bancario, cunhas débedas que ascendían a 10 veces o produto interno bruto do país.

 A medida que a crise se desenvolveu no outono de 2008, a moeda nacional de Islandia, a coroa, derrubouse e os tres maiores bancos crebaron. A inflación galopante e o rápido crecemento do desemprego crearon unha situación politicamente insostíbel. Antes da caída, medio millón de cidadáns británicos e holandeses tiñan depósitos nos moi desregularizados bancos de Islandia.

 Os gobernos de Gran Bretaña e os Países Baixos pagaron a factura dos aforros perdidos, e o Fondo Monetario Internacional (FMI) obrigou a Islandia a asinar un acordo obrigándose a pagar todo con xuros a cambio dun empréstito de rescate de urxencia.

 As protestas semanais contra o goberno comezaron en outubro, e no prazo de tres meses creceran até alcanzar proporcións masivas. Nun país de pouco máis de 300.000 persoas, con 120.000 concentrados na capital Reykjavik, algunhas protestas congregaron a 10.000 persoas. Moitos miles de manifestantes golpearon cazolas e tixolas xuntos, esixindo a renuncia do goberno, e o seu movemento foi coñecido popularmente como a "Revolución das cazolas".

 Tras a caída do goberno, foi substituído por outro provisional formado por unha coalición de centro-esquerda da Alianza Social Demócrata e o Movemento Socialista de Esquerda-Verdes. Esta coalición foi elixida en abril de 2009 coa promesa de levar a cabo reformas radicais e procesar os imprudentes banqueiros e políticos que levaran ao país á desfeita.

 O ex primeiro ministro Geir Haarde foi levado ante os tribunais, pero só foi encontrado culpábel de non informar o resto do goberno da inminente crise e non foi condenado a penas de cadea ou mesmo a unha multa. Tomáronse unha serie de medidas de urxencia -a fin das execucións hipotecarias, unha moratoria no cobro de débedas e a nacionalización dalgúns bancos- para aliviar en parte o sufrimento económico da xente. Pero os efectos da crise aínda se senten en Islandia.

 O desemprego é do 6%, o valor da coroa é só dun 50% do de antes da crise, e a débeda dos fogares é dun 130% do PIB. Aínda por riba de males, mentres que as persoas comúns e correntes sofren os efectos dunha banca fóra de control, o actual goberno decidiu seguir adiante co plan do anterior goberno e pagar parte da débeda externa ilexítima.

 O apoio aos partidos responsábeis de velar polo benestar da poboación é xa a metade que hai dous anos, e non é ningunha sorpresa. Despois de derrocar o goberno que iniciou a crise, votar en contra do pago da débeda en dúas ocasións e elixir un goberno que prometeu "traballar coa xente", os islandeses séntense traizoados.

 A Corte Suprema islandesa confirmou en última instancia a lexislación de urxencia que permite realizar os pagamentos da débeda. Esta decisión foi adoptada, por suposto, sobre as cabezas da poboación, que a rexeitou en dous referendos nacionais.

 Nas últimas eleccións, os socialdemócratas e a Esquerda-Verdes obtiveron ao redor do 29% e 21% dos votos respectivamente, pero ambos os partidos están caendo nas enquisas de opinión na medida na que a situación económica segue igual que hai un ano.

 A Alianza Social Demócrata posúe pouco máis da metade dos escanos da coalición de goberno. Trátase esencialmente da versión islandesa do PASOK grego, un partido que hai tempo que fixo as paces co capitalismo. Os socialdemócratas só poden manter a súa maioría co apoio da Esquerda-Verdes.

 Algúns parlamentarios disidentes da Esquerda-Verdes pronunciáronse en contra do seu propio partido por priorizar os ditados do FMI ao benestar das persoas. Outros abandonaron o partido, afirmando que o actual goberno é incompatíbel cos principios socialistas do partido. Unha das disidentes máis notables, Lily Mósesdóttir, marchou para formar un novo partido chamado "Solidariedade", ao que as enquisas atribúen entre un 6 e un 21% na súa curta existencia.

 A caída nas enquisas non é o único signo de que se está esgotando a paciencia da xente coa coalición. En outubro pasado, con ocasión do aniversario do movemento que derrocou o goberno anterior, volveu haber grandes protestas.

 O 30 de xuño, Islandia celebrará eleccións presidenciais. O actual primeiro ministro, Ólafur Ragnar Grímsson, é un político independente e antigo membro da Alianza do Pobo. Inicialmente, Grímsson declarou a súa intención de non se presentar á reelección, pero unha petición asinada por 30.000 islandeses convenceuno para que cambiase de opinión.

 Foron os seus vetos presidenciais os que frearon os plans do parlamento de pagar a débeda externa, referindo a decisión a unha consulta popular. En ambas as ocasións, a xente votou "Non" por unha ampla marxe.

 O 30 de xuño os islandeses tiñan tamén, en principio, que se pronunciar sobre a súa nova Constitución, pero o Parlamento non foi capaz de organizar o referendo a tempo. En novembro de 2010, 25 delegados foron elixidos a un Consello Constitucional, coa misión de redactar a nova constitución.

 A Corte Suprema anulara as eleccións alegando que non se respectou suficientemente o segredo de voto, pero o Parlamento designou en calquera caso as mesmas persoas para redactar a nova Constitución. Periodicamente, o Consello Constitucional informou no seu blog dos seus debates e recolleu as suxestións de toda a poboación.

 A nova Constitución, aínda que non é radicalmente diferente da anterior, inclúe unha serie de artigos progresistas, que inclúen a separación formal do Estado da Igrexa de Islandia, a propiedade pública de todos os recursos naturais e o acceso público a Internet para todos os cidadáns. E o máis importante, permitirá que calquera petición apoiada polo 15% do electorado se converta nun proxecto de lei no parlamento ou se decida nun referendo nacional.

 Estas reformas son positivas, pero a capacidade das institucións financeiras globais para subverter a vontade da xente demostra que a loita contra a austeridade e os seus defensores é tan necesaria hoxe como o foi cando a cazolada principiou hai tres anos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 24 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com