
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Non é moi de esquerdas satisfacer as clases dominantes con medidas estruturais no campo laboral e fiscal, e endebedar a todos por mor das transferencias aos grupos empresariais, co argumento da xeración de emprego, e despois botarlle a culpa aos servizos e prestacións públicas que dan resposta a necesidades esenciais das clases populares.
O que era algo moi difícil cando do que se trataba era de tomar en consideración as reclamacións estatutarias de cataláns e vascos, porque supuña ¡a reforma da Constitución!, agora é tan doado como tomar un café expreso. Polo tanto, a modificación farase sen tempo para un debate parlamentar normal, excluíndo sen moitos miramentos calquera posibilidade de que a sociedade poida valorar detidamente as distintas opcións partidarias encol da reforma proposta polo Goberno. No mesmo PSOE hai voces que protestan, xa que se amosa unha servidume ao eixo franco-alemán difícil de xustificar, máxime cando foi escenificado polos medios con toda claridade nas últimas semanas e están unhas eleccións a poucos meses. Por suposto o PP non ten ningunha dúbida ¡déficit cero! e prepara a navalla para retallar servizos e prestacións sociais e condicións laborais, cando chegue ao Goberno. ¿Terá maioría?... ¿Nestes temas daralla CIU e CC?...
A presión do BCE e de Merkel é unha evidencia que Elena Salgado desmente unha e outra vez, dando como motivo da reforma constitucional a necesidade de calmar os “mercados”. E non di algo que non sexa verdade, se temos en consideración que o “mercado” (que lembremos vota todos os días na Bolsa) é a voz dos grandes grupos económicos, especialmente do capital especulativo. Aínda que, realmente, non se trata tanto de calmalos como de satisfacelos, se temos en consideración todas e cada unha das medidas que se teñen tomado nos últimos anos. Ademais, todos sabemos que os mercados non se van calmar con ningunha destas medidas. Só hai dous xeitos de que o fagan: evitando que podan seguir especulando ou cando teñan chuchado todo o beneficio posíbel á vítima.
A solicitude de referendo, que fan algúns partidos e organizacións sociais, semella lóxica. Despois de todo non é unha reforma calquera xa que limita a capacidade do executivo para realizar políticas económicas expansivas ou atender situacións críticas (por certo, como a actual). Agora ben, sendo partidario do déficit público, non penso que este teña que substituír en principio o lóxico equilibrio orzamentario pola vía fiscal. E hoxe isto non é posíbel, fundamentalmente, tanto porque se fai a vista gorda diante da economía mergullada (entre un 22-25% do total), pola baixada ou supresión dos impostos aos beneficios empresariais e grandes patrimonios. E neste aspecto o Goberno do PSOE, malia que sempre ameaza, nunca termina por dar pasos neste sentido.
Temos unha fiscalidade moi regresiva, moito máis que noutros estados centrais da UE (que se puxeron de exemplo para adornar a entrada). E isto acontece porque o Goberno central, e tamén a Xunta, contribúen conscientemente a fortalecer a tendencia dominante do capitalismo de concentrar e centralizar a riqueza. Non é moi de esquerdas satisfacer as clases dominantes con medidas estruturais no campo laboral e fiscal, e endebedar a todos por mor das transferencias aos grupos empresariais, co argumento da xeración de emprego, e despois botarlle a culpa aos servizos e prestacións públicas que dan resposta a necesidades esenciais das clases populares. Hai unha solidariedade ao envés, e certas medidas (aínda insuficientes) dirixidas a sectores marxinalizados semella que só pretenden apartar o foco da tendencia dominante.
Nos últimos anos rebaixáronse os tipos no imposto de sociedades, alargouse o réxime de pemes, menores taxas no chanzo superior do IRPF, supresión do imposto ao patrimonio, as tributacións super-reducidas das Sicav, etcétera. A recuperación de impostos e unhas cotizacións máis xustas permitirían ingresar uns oito mil millóns de euros máis, que en realidade son as contías que se lles regalaron durante o auxe da burbulla inmobiliaria cada ano. Unha proposta neste sentido foi feita hai uns meses polo BNG, IU, IC e ERC, sen que se tivera en consideración polo PSOE. Para compensar estes menores ingresos o Goberno central optou por esquilmar a clase traballadora, con reducións salariais no sector público, conxelación e endurecemento das pensións (con perda do poder adquisitivo) e un importante aumento dos impostos indirectos, vía IVE. Deste xeito debilítase o consumo interno e medra o desemprego, a tales niveis, co auxe das exportacións non ten folgos para reverter a tendencia. Estamos diante dun reaxuste, no que, como afirma Warren Buffet, o capital está gañando a guerra.
Algúns datos a termos en consideración, para alén do acontecido co apoio sen límite aos directivos dos bancos, despois da desfeita que alentaron no sector inmobiliario e por mor da especulación na Bolsa. Dise que a Seguridade Social pode ter atrancos no futuro, porén con toda a alegría do mundo auméntase a idade dos contratos de formación que están subvencionados a un 100% nas cotizacións, até os 30 anos. Sen ignorar que se trata dun traballo precario, xa que o traballador está sometido á máxima flexibilidade horaria. Outro dato, as empresas só cotizan un 10% sobre os beneficios, por unha morea de excepcións e subterfuxios legais, só un terzo do que correspondería.
En resumo, a reforma semella ter como finalidade inmediata servir máis como un elemento de presión, para rebaixar servizos e prestacións públicas co argumento do equilibrio fiscal, e non para calmar os mercados, que seguirán especulando contra aquel que considera débil, e esta apreciación non a muda unha reforma na Constitución. Ademais, o déficit público neste contexto é positivo, permite un esforzo extra para alentar a economía, porén despois de: tomar as medidas necesarias para evitar a evasión fiscal (seica uns 80 mil millóns en ingresos fiscais), eliminar os privilexios e excepcións nos beneficios empresariais, e recuperar impostos como o do patrimonio gravando fiscalmente as grandes fortunas, e un chanzo especifico do IRPF para os altos ingresos. Estes aspectos son os que se deben debater e non a proposta de reforma neoliberal da Constitución, así como a proposta do PNV para inserir no texto o dereito de autodeterminación.
[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’, do 28 de agosto de 2011]